21/8/08

Muros: vila mariñeira e medieval

Permitídeme nesta entrada presentarvos, aínda que dun xeito non exhaustivo, a Muros.

A vila de Muros, capital do concello do mesmo nome, está ubicada no remate sur da Costa da Morte e ao norte das Rías Baixas na provincia da Coruña. O municipio conta cunha poboación en descenso en torno aos dez mil habitantes. A vila, de tres mil veciños e veciñas, está protexida dos húmidos e chuviosos ventos do sur polos montes que a rodean. Estes montes protectores tamén determinaron a configuración urbanística da vila ao primar a fachada marítima xa que cara ao interior as pendentes son moi pronunciadas, polo tanto a vila discorre en paralelo ao mar cunha vivendas de fachadas moi estreitas. A vila é de orixe medieval (os restos prehistóricos tamén son abundantes, sobre o número dos petroglifos, castros, así como supostos restos de calzadas romanas) mais xa non quedan restos do seu castelo e tampouco practicamente nada da súa muralla defensiva, tan só son salientables as construcións relixiosas e algunhas vivendas. Parece ser que foi fundada, sobre unha poboación pre-existente polo rei Sancho IV no século X.

No seu escudo alúdese á fundación e dependencia realenga (emblemas de Castela e León), á posterior dependencia da mitra compostelá (as dúas vieiras) e á súa paricipación na conquista de Málaga en 1487 (carabela)

Para ir por partes mirade, en primeiro lugar, estas vistas, nas que poderedes apreciar a natural ligazón coas actividades marítimas (pesca, comercio e marisqueo) Pensade que ata o ano 2008 as comunicacións por terra con Muros eran pésimas desde A Coruña e, historicamente, as relacións comerciais foron sempre por mar.



Na actualidade o casco histórico de Muros está protexido coa declaración de Conxunto Histórico-Artístico desde 1970, aínda que se fixeron máis dunha barbaridade arquitectónica (atención ás fotos) A característica máis salientable da súa fachada marítima son as vivendas con soportais. Historicamente estes soportais estaban destinados á gardar os instrumentos de pesca posto que o mar chegaba ata as vivendas tal e como podemos apreciar no cadro de Mariano Sánchez “Vista de la Villa de Muros” do século XVIII. Os soportais teñen diversos tipos de arcos e incluso chegaron estar presentes en vivendas que non estaban en primeira liña de costa.



Nas súas vivendas predomina a pedra, e, desde hai uns vinte anos e de acordo coa época, a pedra vista e non encalada. Nas fotos poderedes apreciar vivendas mesmo do século XV.



As rúas de Muros, pola configuración urbanística, son moi estreitas e en perpendicular á liña de costa. Incluso, cando unha rúa supera os cinco metros de anchura, dáselle o nome de Rúa Ancha. Outra curiosidade son os nomes: Angustia, Descanso, Calvario, Sufrimento, Venus...



Case non hai prazas, e as de carácter histórico son, necesariamente, moi pequenas (A Peixería). Tan só a praza onde está situado o concello (Curro da Praza) ten unha certa extensión.

Como edificación máis singular do concello, gústame especialmente o Pazo do Cachón, antigo muíño de marea recuperado desde finais dos anos oitenta (algún día poñerei fotos do seu interior)


Xusto ao carón do Pazo do Cachón, e como elemento que forma parte da súa recuperación, existe un fermoso parque escultórico, anterior no seu deseño e execución ao parque escultórico da Torre de Hércules. Tamén é de salientar a escultura de Ramón Conde no Paseo marítimo que representa a unha anciá que está agarda polo regreso dos mariñeiros.



Finalmente, e lembrando que INICIARTE, xa vos presentara a
Colexiata de Muros, déixovos fotos de tres igrexas: a da Virxe do Camiño (gótico mariñeiro do séculos XIV e XV cun antigo hospital adosado á súa fachada occidental e que está declarada monumento nacional), a capela de san Roque (século XVIII) e a capela do Espírito Santo (séculos XIIII-XX). Fixádevos especialmente nos seus interesantísimos canzorros.


Fotos: Iniciarte.

2 comentarios:

Andrés Rodríguez Morado dijo...

atopei o seu blog de casualidade buscando fotografías da estatua do che guevara. E levo un bo rato lendo entradas, é fenomenal.

De paso vin as fotos do flikr e robei se me permite una fotografía dunha obra de Juan Muñoz que buscaba hai tempo. E todas as de Galica...é unha marabilla.
qué sorpresa!!
Un saúdo dende Oleiros.

Antonio Martínez dijo...

Benvido Nes a Iniciarte. Sen dúbida e a pesar da retrospectiva, Juan Muñoz aínda non foi ben valorado en España (non así na Gran Bretaña).
Saúdos desde Oleiros.