O movemento impresionista, que rachou con decisión as súas relacións co pasado e abriu o camiño á investigación artística moderna, formouse en París entre 1860 e 1870. Deuse a coñecer por vez primeira en 1874 cunha exposición de artistas “independentes” no estudo do fotógrafo Nadar. As figuras que sobresaen do grupo son Monet, Renoir, Degas, Cézanne, Pissarro e Sisley. Non formaba parte Manet, se ben foi considerado como o precursor. De feito Manet, máis vello e coñecido, desenvolvera en senso esencialmente visual a tendencia realista e, despois de 1870, acercárase cada vez máis ao impresionismo ao eliminar o claroscuro e os tons intermedios, reducindo as relacións tonais a relacións cromáticas.
Estes pintores non tiñan ningún interese común de tipo ideolóxico ou político. Non tiñan ningún programa pictórico concreto. Sen embargo, durante as discusións no café Guerbois puxéranse de acordo en rexeitar da arte académica e oficialista, ter unha orientación realista, preferencia temática pola paisaxe, rexeitar de principiar as obras debuxando os trazos para lograr ir ao claroscuro e á cor, traballar en plein air, estudo das sombras de cor e das relacións entre as cores complementarias (referencia á teoría óptica de Chevreul sobre os contrastes simultáneos)
A ciencia da época, interesada no estudio da cor, concluíu que a gama cromática dependía duns cantos tons puros que se mesturan opticamente na retina. Os impresionistas decidiron demostrar que esa teoría era certa pintando con pinceladas pequenas e de cores puras que, unidas, conseguían a tonalidade requerida se o observador se colocaba a suficiente distancia do cadro. Era necesario observar baixo o efecto da luz natural o que se quería plasmar.
Debemos considerar, ademais, que a aparición da fotografía remexeu a concepción tradicional da pintura e que tamén a arte xaponesa da estampa influíu dun xeito moi notorio.
Incluso antes da exposición de 1874, os intereses dos diversos compoñentes do grupo non son idénticos. Monet, Renoir, Sisley e Pissarro realizan un estudo directo e experimental sobre a realidade: traballando preferentemente ás beiras do Sena, propóllense dar, da forma máis inmediata e cunha técnica rápida e sen retoques, a impresión luminosa e a transparencia da atmosfera e da auga con puras notas cromáticas, independentemente de toda gradación de claroscuro e evitando usar o negro para escurecer as cores á sombra. Ao ocuparse exclusivamente da sensación visual evitan a “poetización” do motivo e a emoción e conmoción románticas. Cézanne e Degas, en cambio, consideran o estudio histórico tan importante como o da natureza.
A súas características técnicas poderíanse resumir nas seguintes: –teoría das cores e abandono do debuxo e a silueta pechada; -plasmación da luz; –aparencias sucesivas; -coloración das sombras; -rexeitan o claroscuro, que sustitúen polos contrastes entre cores complementarias; -pincelada solta e longa, as veces corta; -pintura ao aire libre; -pasa a ser fundamental a captación da atmosfera.
O impresionismo supón un paso máis cara ao “ensimesmamento” da arte. O fin vai ser a obra de arte en si mesma, liberándose cada vez máis dos contidos o que conducirá cara á autonomía da arte. Os temas son meros pretextos par experimentar a arte, polo que os temas históricos e de xénero serán abandonados.
Podedes contemplar este vídeo sobre as orixes do Impresionismo. Será con este movemento pictórico cando a MULLER adquira un certo protagionismo artístico. Déixovos un vídeo que resume a importancia feminina no Impresionismo, onde destacaría Berthe Morisot (vídeo) eMary Cassat( vídeo)
2 comentarios:
¡Lo sabía! El cuadro que reproduce el pintor de la película Amelie es de Renoir, es el número 30 de las fotos que pones en esta entrada.
No estaba seguro, pero me acabo de poner la peli y sí que es ese.
Estupendo post!! A mi personalmente me encanta el impresionismo,y la pintura que veremos a partir de aqui es la que más me gusta.
P.D: son unos cuadros fantásticoss!!
Publicar un comentario