Miguel Anxo Buonarroti. Pietá Rondanini, 1564; 1,95 m.
Sen dúbida esta obra é unha das miñas preferidas. Se sinto
admiración polos “Escravos” inacabados ou polo “Moisés”, esta Piedade ao suxerir
máis que amosar creo que culmina o traballo artístico do mestre florentino.
Contén, sen expresalo, todo o sentimento, angustia, dúbidas existenciais,
morais e relixiosas que o Miguel Anxo tiña na súa testa.
E por que hoxe esta entrada?. Por varios agasallos de Elisa
R. En primeiro lugar as fotos que ilustran este post, logo a monografía traída
desde o Hospital Español do Castelo Sforza de Milano e, finalmente, polos
interminables cafés compartidos.
O que xa sabemos desta obra, é dicir, o que todo o mundo
pode ler ou escribir, é o seguinte.
Grupo escultórico en mármore realizado por Miguel Anxo cando
tiña 80 anos en 1564, cunha altura de case dous metros e destinada para a súa
tumba, cousa que por certo e obviamente non acadou posto que está enterrado na
basílica da Santa Cruz de Florencia sen esta obra. Traballou nela ata pouco
antes de morrer.
Cantas diferencias con aquela Piedade do Vaticano realizada
con tan só contaba con vintatrés-vintacatro anos de idade!!!
Tivo dúbidas artísticas ou conceptuais? Probablemente
sexa a única explicación para
interpretar a modificación do grupo escultórico para comprender esa obra interrompida, esa nova obra
emerxente, esbozada e inacabada.
Esta obra manierista, intimista, mística, dramática,
descarnada e neoplatónica amosa, unha vez máis que o artista entende que a
salvación da humanidade é grazas á morte de Cristo e non polos méritos dos
homes e das mulleres.
Xa non queda nada do deseño compositivo da Piedade do
Vaticano (1498-99) nin se asemella á Piedade Florentina (1547-53) nin da
contundencia corpórea da Piedade Palestrina (1555). Xa non hai unha composición
pechada, equilibrada. Tan a dor contida e insoportable dunha nai… a soidade de
dous seres unidos por algo máis ca vida. Xa non cómpre amosar a “terribitá” xa non
cómpre perfilar, rematar, puír as figuras. A dor non necesita eses parámetros
humanos. O “non finito” acada aquí a súa máis expresividade ao superar calquera
formalismo artístico ou humano. Xa non queda nada do clasicismo renacentista. É
a liberdade absoluta do xenio creador de
Miguel Anxo Buonarroti.
É necesario describir o conxunto?
Corpos de canon moi alongado, sen a musculatura tradicional
do autor, María de pe suxeita co brazos o corpo do seu fillo, morto e recén
baixado da cruz. Os corpos xa non son contendentes, semellan ingrávidos,
etéreos nese mínimo espazo e cunha falta de equilibrio evidente. É a morte e a
dor as que marcan os volumes, as que dobran as pernas de Cristo. Rostros
inacabados… para reflectir máis dor? Puro misticismo contido.
Bibliografía Chiara Buniolo. The Rondanini Pietá. Venezia, Marsilio Editori, 2015.
Fotos de Elisa R. para Iniciarte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario