A fachada principal
articúlase en función das naves; a porta está enmarcada por vigorosos
contrafortes que se unen, na parte das naves laterais, con arcos de medio
punto, baixo os que se encontran rosetóns con decoración xeométrica sinxela
descentrados con respecto ao eixe das naves. Na rúa central ábrese unha porta
que tiña enriba un rosetón grande, que se perdeu no século XIV cando se
construíu a torre nordeste. Entre portada e rosetón mantense un beirado
sinxelo. Repítese, pois, a superposición da porta e rosetón de Ourense,
Portomarín e Ribas de Miño, e que tamén houbo en Santiago.
Esta portada foi espoliada, xa que lle roubaron as catro
columnas e os capiteis que tiña a cada lado, e tamén dous dos tres relevos do
tímpano, ademais doutras mutilacións que sufriu. Nos cimacios labráronse
motivos vexetais, basicamente talos ondulados con follas e froitos nos que se
advirten varias mans, igual ca no resto da portada. As catro arquivoltas, de
medio punto, moldúranse en escocias amplas recubertas, en tres, por follas
transversais grandes con tratamentos diferentes; a calidade descende de maneira
evidente desde a menor ata ata a maior. Na primeira, a carnosidade das follas,
o volume e os puntos trepanados constitúen os trazos máis destacados; tamén se
mantén na seguinte un nivel elevado, pero este baixa na terceira, ornamentada
cun tema propio dos seguidores máis destacados de Mateo: os anciáns que tocan
música para honrar o Cordeiro. Respéctase, basicamente, a disposición por
parellas e –igual ca en Portomarín- introdúcense instrumentos novos (por
exemplo, as frautas). A calidade da arquivolta maior é similar á destes
personaxes, e o mesmo ocorre coas follas do torna-chuvias.
Na talla destas arquivoltas participaron, polo menos, dous
artistas de calidade e formación desigual: o primeiro debe ser un seguidor de
Mateo que destaca pola valía, saber e amplitude de repertorio; o segundo,
quizais un discípulo do primeiro, é menos delicado e habelencioso, e segue as
pautas marcada por aquel.
As xambas rematan en ángulos salientes decorados con anxos
con carteis; sobresae, pola maior calidade, o da dereita. O tímpano tiña no
centro unha figura de Cristo sedente, que vendí coa destra e coa outra suxeita
un libro pechado sobre o xeonllo. Está decorado, barbado, con nimbo crucífero e
rostro sereno. Flanquéao aos lados os catro símbolos dos evanxelistas,
superpostos dous e dous; só os dous da esquerda, Mateo e Lucas, permanecen no
seu sitio, aínda que deteriorados; os outros dous e o pantocrátor consérvanse
no Museo Marés. De novo o mestre principal, podémoslle chamar o mestre de
Carboeiro, debe ser o autor deles.
A valoración que se fixo desta portada pecou un tanto por
exceso como por defecto. Algúns pensan nunha participación directa do mestre
Mateo ou nunha inmediata supervisión deste. Para outros, pola contra, a
calidade é un pouco baixa e froito dunha ruralización. O único certo é que o
autor era un seguidor de Mateo que coñecía os seus repertorios iconográficos e
ornamentais, así como as técnicas que el utilizaba, aínda que non chega a
igualalo. Ten, non obstante, forza pata formar algún seguidores que se amosan
torpes, a pesar do seu desexo de emulalo.
O mestre de Carboeiro era, pois, un artista formado con
Mateo e coñecedor da arte de Borgoña. Debeu realizar a cabeceira e, quizais, o
cruceiro, os muros perimetrais, a porta sur e a maior parte das pezas da
principal. A dedicación a Carboeiro debeuse prolongar bastantes anos. Se cadra
o colaborador máis inmediato, o que lle axudaba na portada occidental, rematou
a obra ao suprimir as proxectadas e iniciadas bóvedas antes os problemas que
supuxo o derrubamento da esquina noroeste do cruceiro. A este segundo mestre
poderíase deber tamén a porta norte. Con estes artistas colaboraron outros que
deixaron a súa pegada nos capiteis, feito que explica as diferencias que se
observan neles.
O inicio das obras coñécese polos epígrafes da base da
cripta e do muro sur da igrexa alta do ano 1171, pero ignórase a data de
conclusión. O único dato, relativo, é a doazón ad opus que, no ano 1193, efectúa dona Urraca Fernández, filla do
conde don Ferrán Pérez de Traba. Quizais o templo non se concluíu ata os
últimos anos do século XII, xa moi preto do ano 1200, como corresponde ao
estilo e aos autor.
Ramón Yzquierdo Perrín. Arte protogótica. En Galicia XI.
Arte. Proxecto Galicia. Hércules Ediciones. pp 170-177
Fotografías: INICIARTE
No hay comentarios:
Publicar un comentario