"No muro norte das naves todos os autores coinciden en que,
na parte inferior, se aproveitou un paramento anterior cunha altura maior cara
ao leste e que diminúe cara a occidente, onde acaba por córtalo o da fachada
principal. Unha parte deste muro antigo perdeuse ao abrir, quizais no século
XVI, a porta norte, con arco de medio punto amplo esteado directamente sobre as
xambas.
Á
media altura (do exterior do muro) do cruceiro, destacando só no alzado, ábrese
unha ventá coma a das capelas laterais, que está desprazada cara a occidente,
rompendo así a habitual simetría.
Remata este lenzo do muro unha serie de canzorros, diferentes tanto aos da
cabeceira coma aos das naves, xa que teñen maior largo e menor altura ca eles,
así como un tratamento plástico distinto, que podería levar a súa datación
mesmo aos comezos do século XIII, data á que apuntan tamén os motivos
ornamentais. As cubertas decóranse con bólas distribuídas ritmicamente.
No
extremo oriental do muro norte das naves abríase unha porta no edificio
prerrománico, cun arco que talvez se remodelou ata convertelo en semicircular e
perfilalo con chambrana de tacos. Hoxe está cegada e o actual nivel do terreo
faina impracticable. Na media altura do muro das naves ábrense tres ventas coma
as anteriores, entre elas e sobre elas o aparello volve ser de perpiaño
granítico regular.
Todo
apunta, pois, a que daten dos tempos do bispo Gonzalo. Son posteriores, sen
embargo, os trinta e catro canzorros visibles no remate do muro, nos que
abundan os figurados; o obradoiro que os labrou domina un amplo repertorio
temático e ornamental. Entre eles vence un par de espinarios, tema repetido
noutros do interior do templo, acróbatas, un rei, un músico –que toca na
fídula-, cabezas humanas e animais diversos, completos o só coas cabezas.
Moitos deles teñen como obxecto fustigar a luxuria nas súas diferentes
manifestacións; nun dos canzorros deste muro ten unha das representacións máis
crúas do noso románico, pois aparece unha parella copulando. Son, pois,
minoría, os que se ornamentan con motivos vexetais ou xeométricos.
As
cubertas córtanse en caveto e nunha delas vese unha figura humana coas mans
sobre o ventre e as pernas dentro dunha especie de sudario. O excepcional da
peza e do tema representado fai sospeitar que se colocase aquí posteriormente.
Ramón Izquierdo Perrin. "San Martín de Mondoñedo." En Galicia. Art. Volumen X. Arte medieval I. A Coruña, Hércules, 1993, pp.171-187. 171-173 páXinas do texto.
Fotos: INICIARTE.
Fotos: INICIARTE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario