A igrexa alta ten planta de cruz latina, con tres naves no
brazo maior e unha no cruceiro. A capela maior é poligonal e arredor dela
desenvólvese un deambulatorio de cinco tramos con tres capelas. Esta cabeceira
constitúe a parte máis complexa e de maior calidade de todo o conxunto, tanto desde a perspectiva
arquitectónica como ornamental, agás as portadas. É, ademais, unha parte que
chegou casa intacta aos nosos días, un conxunto unitario no que todo parece
proxectado e realizado por un mesmo mestre axudado por uns colaboradores que
seguen as súas directrices.
A capela maior semidecagonal queda limitada por columnas
lisas grosas que articulan, ao mesmo tempo, os tramos do deambulatorio.
Levántanse sobre penas altas, que coinciden coas columnas da cripta, e teñen
bases de tipo ático con gadoupas. Rematan en capiteis vexetais e os cimacios
decóranse con motivos xeométricos como liñas en zigzag, rombos aliñados e
outros motivos frecuentes no románico avanzado. Nestes cimacios estean arcos
apuntados e sobre-alzados que, como sinalou o profesor Azcárate, teñen por
obxecto gañar altura e constitúen un sistema similar ao que se utilizou en
mosteiros do Císter. Tamén apoian neles as columnas pequenas que reciben os
nervios da bóveda e que, ás veces, destacan sobre o cimacio. As follas dos
capiteis presentan a miúdo eixes perlados. Na parte alta ábrense ventas con
arco de medio punto moldurado e tornachuvias con festón de arcos que apoian en
columnas acobadadas; nos capiteis, de follas estilizadas, non faltan as
socorridas perlas.
O arco triunfal da capela maior é de medio punto, sección
prismática e estea en columnas embutidas con capiteis de estilizada decoración
vexetal. Aos lados levántanse os arcos que levan ao deambulatorio, tamén de
medio punto, dobrados, con peralte ao igual dos formeiros e faixóns das naves
laterais.
Nos extremos do cruceiro ábrense capelas semicirculares
incrustadas no grosor dos muros, especialmente longos por mor das torres que se
levantan á altura do primeiro tramo do deambulatorio.
O deambulatorio, froito da proxección de cada un dos lados
do remate da capela maior, consta de cinco tramos trapezoidais con tres capelas
radiais, tanxentes entre si, nos centrais. Nos extremos ábrense as portas de
acceso á escaleira de caracol que conduce á cripta e ás torres. Cada tramo do
deambulatorio cóbrese con bóveda de crucería cuadripartita. (…) Os arcos que
articulan os tramos son iguais aos da entrada ao deambulatorio, pero sen
dobrar, e estean nas columnas da capela maior e nos piares que se forman entre
as absidais.
O tímpano norte da porta de acceso á cripta decórase cunha cruz de
tipo prerrománico e o sur cunha estrela de seis puntas flanqueada por flores e
arcos de ferradura pequenos.
As capelas absidais teñen cabeceira semicircular precedida
dun tramo recto. O feito de que sexan tanxentes entre si é unha peculiaridade
única entre todos os deambulatorios galegos do século XII, nos que sempre se
produce unha alternancia de tramos con e sen capela, segundo o modelo utilizado
en Santiago.(…)
O cruceiro, de nave única, divídese en cinco tramos mediante
arcos apuntados sobre columnas embutidas. As bases teñen, por veces, plinto
semicircular e diversos motivos ornamentais, entre os que destaca un con palmas
aneladas. (…)
As tres naves do brazo maior da cruz sepáranse por medio de
piares compostos que soportan os arcos faixóns e os formeiros. Teñen un núcleo
prismático ao que se unen, en tres das frontes, outras tantas columnas. O único
lado que non ten columna ata a base do piar é o que mira cara á nave maior;
nese lado truncan á altura dos capiteis dos formeiros e rematan en ménsulas
sinxelas. As bases reiteran o esquema ático e algunhas decoran o plinto con
motivos xeométricos sinxelos.
Todos os capiteis se ornamentan con follas estilizadas adheridas
ao núcleo. Segundo o tratamento, distínguense varios tipos que revelan non só o
traballo de diversos canteiros, senón tamén diferentes tendencias artísticas.
En primeiro lugar encóntranse os capiteis de follas recortadas que seguen
esquemas de tradición mateana, nalgún caso incluso con eixes perlados ou
sogueados. Outros rematan con volutas pequenas ou, se non, as follas, dispostas
nunha ou dúas ordes, rematan en bólas pequenas. Finalmente, algún capiteis
presentan un entrelazado de cintas sinxelo (…).
Os arcos formeiros son de medio puntos, dobrados,
considerablemente sobre-alzados e de sección prismática. A factura evoca os da
catedral de Santiago e para a reconstrución que se fixo foi necesario tallar
bastantes doelas. Os faixóns da nave central eran lixeiramente apuntados, coma
os do cruceiro, mentres que os das naves laterais teñen a mesma directriz dos
formeiros. Por un dos extremos estean en columnas inseridas; levantadas sobre
un banco de fábrica de aresta moldurada. Unhas ventas sinxelas con cortes
nesgados iluminaban as naves; a esta iluminación tamén contribúen os rosetóns
da fachada principal que aínda existen.
Sobre a porta principal, no grosor do muro, practicouse unha
galería á que se accede pola escaleira de caracol situada ao final da nave
norte e que permite, igualmente, subir á torre da fachada. A súa construción
causou a perda do rosetón grande que nela se abría e fixo necesario un
corredor, así como a asimetría das partes altas do frontispicio. Corredor,
rosetón grande e escaleira embutida no muro repítense nas fachadas de Santiago,
Portomarín e Ribas de Sil, isto é, en obras que proxectou o mestre Mateo ou os
seus discípulos máis sobranceiros.
As naves laterais cóbrense con bóvedas cuatripartitas con
nervios que se enlazan xuntos aos arcos, moldúranse coma os do deambulatorio e
decoran as claves de maneira similar ás destas. (…)
Ramón Yzquierdo Perrín. Arte protogótica. En Galicia XI.
Arte. Proxecto Galicia. Hércules Ediciones. pp 170-177.
Fotografías: INICIARTE
No hay comentarios:
Publicar un comentario