27/2/23

A igrexa de san Martiño de Tiobre (Betanzos, A Coruña)

 


Situado sobre o castro de Tiobre e con vistas á ría de Betanzos atópase esta pequena e fermosa xoia do románico galego. Hoxe queda algo afastada da vista das persoas pois a estrada principal (Ferrol-Betanzos)  fica a uns quilómetros.

Fixen a visita no medio dun paseo coa bicicleta.

Sobre as súas orixes hai varias opinións pero sen soporte documental. Hai quen afirma que foi fundada na época das prédicas do apóstolo Santiago con base nunha suposta tradición oral. Outro suposto erudito chegou á afirmar que é da época de Constantiño, polo tanto do século IV. Para outros autores a orixe deste templo adicado a San Martiño sería da época dos suevos no século VIII (suevos no VIII?) polo dragón (habitual nas obras da época sueva) que houbo no campanario. Tamén hai quen afirma que sería máis antiga e que na época sueva sería reconstruída.

Ao carecer de soporte documental estas teorías sobre a orixe ou fundación da igrexa debemos pensar que o templo é medieval aínda que tampouco sería extrano que tivera unha orixe pre-románica.

Documentalmente a súa existencia está demostrada desde o 830, sendo restaurada e consagrada por Xelmírez a principios do século XII. En 1194 formou parte da doazón que o rei Afonso IX realizou á sede de Santiago. A mediados do século XIX desapareceu o dragón da fachada.

É igrexa dunha soa nave con ábsida rectangular con sancristía engadida polo lado norte. Presbiterio con bóveda de canón. Conta con arco triunfal abovedado e dobrado sobre o que se abriu un rosetón.




A fachada occidental ten tímpano sostido con dúas mochetas de nacela cunha cruz procesional, inscrita nun círculo e no seu brazo occidental ten un alfa e un omega que case xa non se distingue. É unha porta abucinada sobre columnas acubilladas de fustes lisos e monolíticos, con basas áticas decoradas e capiteis vexetais. Sobre a porta ábrese unha xanela alintelada feita con posterioridade á obra orixinal. A espadana que culmina o conxunto é do século XIX.






Na ábsida destaca a xanela de medio punto decorada con tras arquivoltas. O arco interior repousa sobre dúas columniñas de fustes lisos e monolíticos con basas áticas e plintos. Capiteis de decoración vexetal. 




Nos vértices da ábsida descansan tres animais. O do piñón é un año sen cruz; no muro norte un año con cabeza humana; no lado sur estaría o famoso dragón da antiga espada do templo.



O muro norte está dividido en tres partes por dous contrafortes. Baixo a cornixa hai trece canzorros, maioritariamente de proa.







No lado sur hai catro contrafortes, entre os dous centrais hai unha porta con tellaroz con cinco canzorros. A súa portada é abucinada coa arquivolta menor sostida por columnas acodilladas con capiteis vexetais. O tímpano está sobre un lintel liso e está decorado cun entrelazado cruciforme sobre o que se inscribe un gran círculo.



En conxunto, pódese afirmar que igrexa de san Martiño de Tiobre é un dos exemplares de igrexa rural románica de finais do século XII e principios do XII mellor conservada da provincia da Coruña.

O texto é un resume adaptado de María del Pilar Carrilo Lista “La iglesia románica de san Mariño de Tiobre”. En Anuario Brigantino, 1994, I, páxinas 231-240

Fotos INICIARTE.

No hay comentarios: