A escavación arqueolóxica do Pazo de Montenegro
No ano 1998 a Universidade de Santiago de Compostela decidiu
situar a sede da Vicerreitoría do Campus de Lugo no antigo Pazo de Montenegro,
un edificio cunha situación privilexiada dentro do centro histórico.
Preto atópanse algúns dos monumentos máis destacados de
Lugo, como a Catedral de Sta. María, situada enfronte, na mesma praza, en tanto
na súa parte posterior está a Muralla romana, cunha das súas portas principais,
a de Santiago.
O control arqueolóxico previo á construción da Vicerreitoría
documentou a existencia de restos romanos que obrigaron a reformular as obras
previstas e a realizar varias campañas arqueolóxicas entre os anos 2000 e 2007.
A escavación, que se cinguiu a unha área duns 600 m²,
permitiu descubrir unha parte significativa dunha antiga domus romana e un
espazo de culto relixioso –un Mitreo privado–. Ademais permitiunos coñecer a
parte inferior da muralla romana ata os seus cimentos.
A Domus
Aínda que se atopou algún material datado na época
fundacional da cidade, a do emperador Augusto, a estrutura da domus pertencía
ao período altoimperial (ss. II-inicios do III).
A escavación arqueolóxica sacou á luz algunhas das súas
dependencias, características das grandes casas romanas, como a culina
(cociña), cubicula (cuartos), o oecus (salón) ou o peristilo (patio porticado).
Era unha vivenda de dous pisos, de luxo, como o demostran tanto as coidadas
técnicas construtivas empregadas (destaca o seu sistema hídrico ou o de
protección contra a humidade executado tal e como o describe o arquitecto Vitruvio),
como a súa decoración (os frescos do oecus) e outros materiais atopados, algúns
deles de importación (cerámica do Exeo e morteiro de mármore, entre outros).
A principios do s. III d. C. a casa remodélase, sufrindo
cambios significativos nas funcións ou tamaño dalgunhas das súas dependencias,
e é por volta do 212-218 d. C. cando se constrúe no primeiro piso o templo
dedicado ao deus Mitra.
Poucos anos despois desta transformación, a finais do s. III
d. C. iniciarase a construción da muralla que pasará, literalmente, por encima
da domus, provocando a súa destrución
parcial. O Mitreo, pola contra, non
sufrirá dano ningún e permanecerá en uso ata o ano 350 d. C.
Durante a Idade Media, este espazo –onde estivo situada a
luxosa casa romana– converterase no vertedoiro das obras da Catedral,
posteriormente en necrópole e finalmente no lugar de constución do Pazo de
Montenegro.
O Mitreo
O Mitreo, lugar onde se celebra o culto do deus Mitra, de
orixe oriental, sitúase na primeira planta da domus. É un edificio de pequenas
dimensións (154 m2), como era habitual nestes cultos realizados por grupos
reducidos de fieis.
Deo / Inuic(to) Mithrae / G(aius) Victorius Vic/torinus
(centurio) L(egionis) VII G(emina) / Antonianiae P(iae) F(elicis) / in honorem
sta/tionis lucensis / et Victoriorum / Secundi et Vic/toris lib(ertorum)
suor/um aram po/suit libenti animo (hedera)
Ao invicto Mitra, Gaius Victorius Victorinus, centurión da
Lexión VII Gemina Antoniniana Pía Feliz, en honra da statio de Lucus Augusti e
dos Victorios Secundus e Victor, os seus libertos. Colocou esta ara de bo grao.
O texto non só nos fala do deus senón que tamén nos permite
coñecer a identidade do dono da casa, Victorio Victorino, e a de dous dos seus
libertos, aos que tamén lles dedica a inscrición. Sabemos, ademais, cal era a
súa ocupación e posición social, a de centurión da statio, un edificio de
control da administración romana. A ara pode contemplarse in situ, no mesmo
lugar en que foi atopada.
A Muralla Romana
O Museo da domus é un lugar privilexiado para contemplar a
muralla romana, pois é o único punto en toda a cidade que permite observala ata
os seus cimentos, xa que a escavación afondou sete metros por baixo do nivel do
Lugo actual. Isto permitiu estudar a súa estrutura e métodos construtivos. Aquí
é posible ver o zócolo de cimentación, os restos dos materiais empregados na
súa construción (lousa, granito ou cuarcitas), o encalado exterior, as xuntas
estruturais, as escaleiras de acceso interno ás torres ou as marcas deixadas
polas diferentes collas que traballaron nela.
Fotos: INICIARTE
No hay comentarios:
Publicar un comentario