Este templo ten como reliquia importante un anaco da Cruz de
Cristo que chegou desde Terra Santa en 1901 como agasallo do Patriarca de
Xerusalén, reliquia que fora do papa Pío IX.
Na web do concello do Carballiño pódese ler o seguinte:
O proxecto do Templo da Veracruz foille encargado no ano 1942, aproveitando unha viaxe do
arquitecto a Ourense, por Evaristo Vaamonde, párroco da vila, e unha
comisión de veciños que consideraban
insuficiente o templo parroquial e tentaban construír un novo.
O 26 de xuño de 1943 colócase a primeira pedra e en xullo do mesmo ano inícianse as obras baixo a tutela do mestre canteiro carballiñés Adolfo Otero Landeiro, que interpreta perfectamente o sentido da obra. Tras a morte de Palacios, dous anos despois de presentar o proxecto, Otero Landeiro co asesoramento dos enxeñeiros Marcelino Enriquez e Roberto de Agostina, leva adiante a construción, finalizando a rotonda en 1946. O aparellador Rafael Jorreto Calpe e outros interveñen na obra, asinando por esas datas, 1948, a liquidación dos traballos o arquitecto de Ourense Manuel Conde Fidalgo, colaborando na interpretación do resto do proxecto o enxeñeiro do Carballiño, Marcelino Parrondo, amigo de Palacios. En 1949 comezan as obras da torre, que se prolongarían, tras deterse e reiniciarse en 1956, ata xullo do ano seguinte, en que concluirían. Coa torre a medio facer, o templo abriuse oficialmente ao culto o 17 de setembro de 1952, festividade de San Cibrán, patrón da vila.
A finais desa década iníciase a construción do arco parabólico cos Doce Apóstolos, obra do mestre canteiro do Carballiño, Xesús González. Cando o templo quedou concluído nos seus elementos máis importantes -milagrosamente, se se teñen en conta a infinidade de dificultades financeiras que se houberon de superar-, en xullo de 1957, dos tres artífices orixinais, tan só D. Evaristo, o promotor, vivía para velo. Luciano Evaristo Vaamonde da Cortiña, o párroco do Carballiño do últimos trinta anos, falece o 18 de abril de 1961, deixando como legado o templo xa concluído.
Construído na súa totalidade con materiais da comarca, en
especial granito e lousa, o Templo da Veracruz representa a obra máis grandiosa
e identificadora da vila.
O estilo, no seu
conxunto, é de difícil definición, por canto trátase dunha amálgama de moi
diversas formas arquitectónicas e escultóricas. Con todo, o historiador
carballiñés Felipe Senén Gómez, erudito da obra
palaciana, que estudou
profusamente neste caso, xeneralizando acerca da súa arquitectura
relixiosa, di que “os seus templos son como unha suma teolóxica da arquitectura
histórica de Galicia, en relación tamén coa arquitectura do Camiño de Santiago, coa arquitectura inglesa,
o atlantismo e, cos modelos e admiración
de Palacios á Escola Vienesa”. Así, obsérvanse
influencias e trazos de todas estas
formas de construción: pazos, mosteiros (Oseira, Melón), catedrais, igrexas,
castelos… A simboloxía está presente en cada un dos elementos do templo e, no
seu conxunto, a Veracruz é todo un
símbolo expresionista da época.
Na obra de temática relixiosa, propón (Antonio Palacios)
tamén nas plantas orixinais solucións nas que o posible modelo histórico é
manipulado con total liberdade. No Templo do Mar de Panxón utiliza un sinxelo
esquema cruciforme, mentres que para o Templo da Paz de Vigo adopta unha planta
circular en rotonda, sinalando como fonte de inspiración a Igrexa do Santo
Sepulcro de Xerusalén. Referencia que tamén parece estar presente no deseño da
rotonda central da complexa planta da Veracruz do Carballiño, na que se intúe
unha mirada ás igrexas templarias de Eunate e Torres do Río en Navarra,
Veracruz de Segovia ou Santo Cristo en Tomar (Portugal). Esta última, do mesmo
xeito que o templo do Carballiño, presenta unha nave encostada á rotonda. As
fachadas buscan tamén a singularidade. Nuns casos teñen entidade propia, como a
torre situada nun extremo, como sucede en Panxón. Noutros, como na Veracruz, a
torre axigántase (52 metros de altura), constituíndose en fachada principal.
O templo de Panxón foi o único no que se completou todo o
proceso construtivo, xa que na Veracruz
do Carballiño non se chegaron a executar as decoracións. (…) Co paso do tempo
estas obras, pensadas para ambientes afastados do cosmopolitismo da gran
cidade, adquiriron, co desenvolvemento das localidades onde se emprazan, unha
vocación urbana, converténdose en referentes de gran valor. As obras de
Palacios en Porriño, Baiona, Panxón, O Carballiño, etc., son hoxe o emblema ou
logotipo identificador destas localidades.
Persoalmente é un estilo e unha obra que non valoro moito. A
concepción da arquitectura como froito historicista de estilos con éxito no
pasado non me gusta nada. É unha obra que mira ao pasado, entendendo que a súa época (década de 1940) non era especialmente moderna. Pero existían outros
referentes arquitectónicos, incluso no franquismo, para facer nesta obra un
templo fillo do seu tempo arquitectónico e non un sen-sentido arquitectónico.
Bibliografía:
José Ramón Iglesias
Veiga, “Antonio Palacios: arquitecto metropolitano y arquitecto regionalista”
en Antonio Palacio. Constructor de Madrid. Madrid, Ediciones La Librería, 2001,
páxinas 222-227.
Fotos: INICIARTE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario