14/3/22

Igrexa de Santa Mariña de Augasantas (Allariz, Ourense): exteriores

 


O texto que poño a continuación é de Ramón Yzquierdo Perrín. Arte medieval (I). Galicia. Arte. Tomo X. A Coruña, Hércules, 1993 páxinas 415-421.

As diferencias entre o exterior e o interior que se viron en Xunqueira de Ambía repítense en Augasantas, o que indica con claridade que se construíu primeiro a cabeceira e os muros perimetrais e logo o interior, cousa que permitiu os cambios de trazado mencionados e que afectaron en especial ás partes altas das naves, así como á cuberta.



O exterior da cabeceira volve destacar pola elegancia dos volumes e proporcións. As esveltas columnas encaixadas que percorren as capelas contribúen a isto de maneira poderosa. Todas as ventas organízanse con arcos de medio punto dobrados e moldurados, esteando o menor en columnas acobadadas. 




Case no punto de entroncamento das capelas laterais coa central escavouse un estreito fornelo que remata con arquiño en forma de trevo: é algo excepcional e peculiar desta igrexa. 





Nos canzorros dos beirados predominan as formas voluminosas de acusado valor plástico. Nos frontispicio das naves ábrense os tres rosetóns vistos, destacando a maior riqueza ornamental do central sobre os laterais.




Ao longo dos muros laterais, en especial do norte, xa que no do sur están pegadas diferentes construción, vence robustos contrafortes prismáticos, nos que se apoian arcos semicirculares de sección rectangular. Ventás sinxelas ábrense en cada tramo e no segundo ábrese tamén unha porta de tímpano liso e bólas na chamabrana. Remata o muro unha serie de canzorros de notábel efecto plástico e nas cubertas colocáronse bólas a cada pouco.



A fachada principal organízase entres rúas mediante contrafortes nos extremos e nos puntos onde cargan polo interior os arcos formeiros; nestes contrafortes apóianse arcos lixeiramente apuntados nas rúas laterais e debaixo deles ábrense rosetóns con decoración cruciforme, parecidos aos do extremo oriental das mesmas naves menores. Baixo os rosetóns corre pola fachada adiante unha sinxela imposta, sobre a que tamén se abre o gran rosetón central coa súa complexa e xeométrica decoración, cinxida por un óculo de follas grandes e rolos coma os do interior.



Nas rúas laterais aparecen uns cubos. O do norte arrican á altura da citada imposta e apóiase, como é habitual neste tipo de torres, sobre capiteis estilizados. O actual remate é posterior á Idade Media. O do extremo sur arrinca, tamén enriba de capiteis, á altura da arquivolta da portada e semella quedar tras o contraforte que se levanta neste extremo da fachada. Tamén neste caso, o remate cupuliforme, igual ao da torre do outro lado, é máis recente. 



Na rúa central (o muro adiántase casa ata o bordo dos contrafortes que a limitan) ábrese na parte inferior a porta, con dobre arquivolta sinxela, apuntada e moldurada, sobre un par de esveltas columnas acobadadas a cada lado. O tímpano é liso e está formado por varias ringleiras de perpiaños. Esta sobria e inesperada portada queda albergada por un amplo arco semicircular de descarga, ornamentado por follas amplas de sabor mateano. Tal arco é unha clara influencia dos que se ven, por exemplo, nas fachadas do cruceiro da catedral de Ourense. A torre-espadana que se levanta sobre a fachada é xa obra do século XVIII.



A igrexa de Augasantas iniciouse, pois, antes de rematar o século XII e igual cá de Xunqueira de Ambía, coa que a unen tantos detalles, empezouse pola cabaceira e continuou polos muros perimetrais, acometendo despois a división interna das naves, o que explica os cambios de trazado e cubertas que deixan aflorar con claridade o influxo da catedral de Ourense; este feito evidencia que o remate da igrexa non se produciu ata o século XIII. Nos séculos posteriores, en especial durante o barroco, a fábrica experimentou algunas transformacións e adicións que conformaron o soberbio conxunto actual.





FOTOS: INICIARTE

 

No hay comentarios: