7/3/22

Igrexa de Santa Mariña de Augasantas (Allariz, Ourense): introdución e interior.

 


Despois de tela visto por fóra hai moitísimo anos, en boa compaña tiven a oportunidade de coñecela tamén por dentro. Esta fermosísima igrexa está nunha contorna marabillosamente coidada.

O texto que poño a continuación é de Ramón Yzquierdo Perrín. Arte medieval (I). Galicia. Arte. Tomo X. A Coruña, Hércules, 1993 páxinas 415-421.


Santa Mariña, mártir cristiá posiblemente do século II, goza dunha vida lendaria que orixinou un culto importante, no que é parte destacada a igrexa de Augasantas. Os cóengos regulares de Santo Agostiño construírona en data avanzada do século XII; estes, segundo Regal, foron substituídos no XIII por templarios, que a ocuparon ata a súa supresión no ano 1312. Daquela quizais volveron os cóengos, aínda que cara a 1500 a súa situación debía de ser deplorable. Para frei Benito de la Cueva, a historia é diferente, xa que en 1143 residía en Augasantas unha comunidade bieita que dependía de Celanova “y, aunque por la ynjuria de los tiempo el monasterio feu destruido, … los abbades de Zellanova conserbaron la pressentación del prelado… por más de 300 años, hasta que el año de Cristo 11459 pidió al monasterio su magestad el rey… la pressentazión y se quedó con ella”. Máis tarde a xurisdición pasou a ser episcopal pola reclamación do bispo de Ourense. (…)  Unha vez nas mans do prelado, este estableceu no antigo mosteiro a súa residencia de descanso ata o século XIX.



A igrexa de Santa Mariña de Augasantas é de planta basilical de tres naves, que rematan noutras tantas ábsidas semicirculares. 



(…) Piares cruciformes  separan as naves e os catro tramos en que se artellan. Os arcos de acceso ás ábsidas son semicirculares, dobrados, cunha lixeirísima tendencia a apuntarse e de sección rectangular, apóianse en columnas encastradas mediante capiteis estilizados de follas e no propio muro. Unha imposta serve de sustento ás columnas esveltas das ventas da capela central, rematadas con arcos semicirculares; sobre cada unha, na bóveda, fórmanse unas excepcionais lunetas. Enriba do arco triunfal de cada capela ábrese un rosetón, de considerables dimensións e complexa decoración, de esquema xeométrico na central; e máis pequeno e con decoración cruciforme, nas laterais. Sobre o óculo decorado da capela maior téndese un arco de descarga de medio punto.



Tanto os arcos formeiros como os faixóns son apuntados, dobrados e de sección rectangular; e os capiteis teñen, a maioría, unha ornamentación de follas que con frecuencia rematan en bólas. Nun piar inmediato á fachada occidental vence, sen embargo, dous capiteis historiados: nun deles, diversas figuras humanas sentadas, quizais espidas, a maioría imberbes e con melena curta, adoptan diferentes actitudes e algunas dialogan. No outro, unha figura levanta os brazos e agárrase a unha froita; o corpo dóbrase de tal xeito que as pernas  quedan paralelas ao colariño. Viste túnica ata os pés cinxida á cintura e pequeno e escote en pico. Aos lados vence sereas paxaro de longa cola enroscada.



Como as tres naves se cobren cun tellado único, nas laterais levántanse sobre as columnas encastradas unhas pilastras nas que estean os arcos torais; tan insólita organización fai que na metade inferior dos muros extremos se abran xanelas con arcos de medio punto, mentres que cara a arriba só as pilastras e impostas rompen a monotonía dos paramentos. Xunto aos capiteis, nos que cargan os faixóns da nave central, colocáronse dous capiteis-ménsula, solución utilizada na última etapa construtiva da catedral de Ourense, na igrexa mosteiro de Oseira e no primeiro tramo da nave de san Xoán de Portomarín, entre outros exemplos que se poderían citar. Neste caso, a súa innecesaria presencia obedecen a un influxo da catedral de Ourense e poderían indicar un proxecto abandonado de cubrir con bóvedas de crucería esta nave; a presenza do falso triforio sobre os formeiros contribuiría a facer inviable tales bóvedas.



O falso triforio de Augasantas é semellante aos de Aceveiro e Xunqueira de Ambía (lembrade o escrito sobre o desta última igrexa), pero ao mesmo tempo diferente, xa que en cada tramo se alzan tres arcos de medio punto, que estean en curtas columnas apegadas; os capiteis teñen decoración vexetal. Sobre el apóiase o teito de madeira que cobre as naves; algunhas trabes  amosan unha decoración xeométrica de sabor islámico, que, segundo o doutor Chamoso, foi frecuente en Galicia durante o século XV.



Na contraportada unicamente podemos salientar o arco liso da porta e o rosetón, que se abre na parte superior, pechado por fermosa decoración xeométrica semellante á do existente sobre o arco triunfal da capela maior, que maila os trazos xeométricos chega a perfilar elementos florais. O óculo, por dentro e por fóra,  decórase cun motivo inusual: unha serie de rolos pequenos con gravado xeométrico no extremo, que forman, xunto cos das portadas principais e sur de Santiago de Allariz, un grupo singular e que ten como colofón, moito tempo despois, a súa utilización na portada lateral da igrexa de Monterrei.






FOTOS: INICIARTE

No hay comentarios: