Tras pasar moitas veces onda ela decidín, o verán pasado, facer unha paradiña coa bicicleta na baixada cara a Betanzos. Non é que sexa un templo espectacular pero ten o encanto do pequeno románico galego rural. Segundo nos conta Turismo de Galicia e , é unha construción de estilo románico de finais do século XII ou principios do XIII. Na súa planta rectangular desenvólvese unha soa nave da que sobresae a ábsida rectangular.
No interior o espazo entre a nave e o presbiterio resólvese
mediante un arco triunfal apuntado, sobre dúas
semicolumnas de fuste curto e capiteis ornamentados con
entrelazados, volutas e debuxos.
Á nave accédese mediante tres portas rematadas con arcos de
medio punto ao interior, unha en cada muro lateral e outra aos pés, pero a
meridional está tapiada.
Ao realizar unha limpeza dos paramentos apareceron restos de pinturas murais, das que só se conserva
unha imaxe de gran tamaño de Santa Catalina. Catalogouse como obra do
Renacemento.
Por fóra, na ábsida, ábrese unha xanela de medio punto
rematada por dúas arquivoltas. Baixo o
beirado dispóñense cinco canrrozos de
proa e outro cunha folla rematada nunha bóla.
A porta norte, cuxas xambas rematan en sinxelas mochetas cortadas en proa, ten un enorme lintel sen decoración; con todo, na do mediodía é pentagonal, liso e está sostido por mochetas con
pomas.
Os canzorros que sosteñen os beirados mostran diferentes perfís e motivos ornamentais: en proa, a bisel, con nacela, con follas, rolo, etc., e posiblemente foron incorporados en diferentes momentos, aínda que a maioría reproducen modelos habituais en edificios románicos tardíos.
A fachada occidental reconstruída no século XVIII, ten unha sinxela porta rematada en arco de medio punto e un tímpano liso. Sobre ela ábrese unha xanela alintelada e no piñón construíuse unha espadana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario