18/1/21

A Corinto Antiga (III): O Templo de Apolo


 


Ata o último decenio do século XIX, o único e importante monumento que se levantaba na praza, aos pés do Acrocorinto, era en realidade un monumento arcaico: un templo  dórico de grandes columnas monolíticas, actualmente identificado co templo de Apolo.


A súa datación xa está confirmada en torno ao 540 a. C., por algúns fragmentos de cerámica atopada entre os desperdicios acumulados ao facer os bloques.

O templo de Apolo, erguido sobre unha altura que dominaba o ágora, era de grandes dimensións, 21,5 por 53,8 metros, e  períptero, é dicir, rodeado dunha fila de columnas, seis nos lados curtos, 15 nos longos.

Cada columna era dun só bloque e tiña 7,2  metros de altura. No interior da  columnata abríase a naves, precedida dunha pronao e seguida do opistodomos, con dúas columnas cada un, entre as antas, e unha dobre cella, cuxa cuberta viña sostida por dúas filas de columnas.

O refinamento e o impoñente da construción veñen evidenciados polo uso das correccións ópticas, que aparecen por primeira vez nun templo grego, curvando cara arriba o estilóbato, tanto nos flancos como na fronte.

A exploración da zona demostrou igualmente que no mesmo lugar levantouse antes un templo aínda máis arcaico, do século VII a. C.

O primeiro en lembralo é Ciriaco de Pizzicolli dei Ancona, famoso navegante, anticuario e humanista que visitou Corinto en 1436: «Entre moitas ruínas dispersas -escribe en latín- tan só permanecen intactas dez enormes columnas do templo de Juno Corintia cos seus grandes  arquitrabes: as columnas teñen un diámetro de sete palmos (1,55 metros), os arquitrabes, unha lonxitude de dezaseis palmos (3,54 metros)»

En realidade o número das columnas entón en pé era maior de dez, probablemente trece, como resulta dun engadido do mesmo tempo de Ciriaco. O templo foi datado, pola cerámica achada, cara ao 540 a. C., aínda que fora erixido sobre un templo anterior. Consérvanse en pé sete columnas do mesmo.

Na descrición dunha xornada de viaxe contida no Códice Ambrosiano, atribuída a un tal Domenicus Brixianus e datada en torno ao 1470, dise ademais:  «En  Corinto, cara ao golfo de Patras, había edificios antigos, muros grosos de pedras cadradas. Quedan agora en pé unhas doce ou catorce columnas de mármore e bastante grandes, colocadas a escuadra».

Un monumento tan grande, o templo grego máis grande do Peloponeso, non podía escapar á atención dos diversos viaxeiros que visitaron Grecia nos séculos seguintes. Le Sieur Du Loir, que estivo en Corinto antes de 1654, e mesmo Jacques Spon e George Wheler, que a visitaron en 1676, atoparon un templo con doce columnas en pé (once do peristilo máis unha columna illada na zona do opistodomos).


Julien David Le Roy, que a viu pouco despois, probablemente esaxera cando debuxa o templo con catorce columnas (trece máis unha). Cando J. Stuart visitou o edificio en 1776, engadíronse pequenas habitacións turcas, pero aínda permanecían en pé once columnas do peristilo e unha máis illada.

A. Blouet, con todo, que visitou Corinto en 1828,só viu en pé sete columnas do peristilo, as que permanecen hoxe. Aquela illada ou fora demolida ou se esborrallou antes de 1875. As outras catro foran reducidas a fragmentos polo gobernador turco antes de 1818 para construír unha casa.

William Martin Leake, a quen se debe importantes publicacións sobre monumentos de Grecia, é o primeiro que o sitúa temporalmente na metade do século VII a. C. e que o identifica, aínda que erroneamente, co templo lembrado por Pausanias, de Atenea Calinítide, a deusa que proporcionara a Belerofonte o cabalo Pegaso, despois de que ela domárao e posto un freo.

O primeiro estudo científico do monumento débese ao soado arquitecto e arqueólogo alemán Wilhelm Dörpfeld en 1886. Clarificou parcialmente a planimetría e a forma do templo, examinou as restauracións da época romana, e atribuíuno, dado que a cella estaba dividida en dúas, a dúas divindades, coa exclusión de Atenea Calinítide.

Dez anos despois, a Escola Americana de estudos clásicos de Atenas iniciou a escavación do templo, dirixida por R. B. Richardson. A área foi completamente explorada entre 1896 e 1901, e tras a primeira campaña Richardson podía xa propoñer a identificación do templo como o de Apolo, identificación que actualmente se considera certa, tomando como base a descrición de  Pausanias e aos monumentos veciños, como a fonte de  Glauce e o teatro romano.

Texto: Wikipedia.

Fotos: Iniciarte.


No hay comentarios: