Había tempo que non para en Ribadeo e, sempre, os pasos
lévanme ata a Praza de España para contemplar este fermoso edificio.
Copio o texto de Arte. La guía
A Torre dos Moreno é un excepcional exemplo da arquitectura
indiana que se deu, sobre todo ao norte do país, a finais do século XIX e comezos do XX.
Durante o século XIX
moitos españois de comunidades como a galega, a asturiana ou a vasca emigraron
en masa a América Latina. Moitos deles quedaron alí para sempre, outros
chegaron a facerse ricos, e uns poucos (ou eles mesmos ou os seus descendentes)
tras amasar diñeiro decidiron regresar
aos seus lugares de orixe. E alí plasmaban o seu poder económico construíndose
grandes casaróns e mansións. Pero xa non o facían seguindo os preceptos da
arquitectura tradicional do lugar. Era moi habitual que incorporasen elementos
arquitectónicos ou ornamentais vistos en terras americanas. Ao mesmo tempo que
pretendían que os seus edificios fosen moi modernos, incluíndo as últimas
tendencias, para así mostrar que eran homes do seu tempo e que coñecían a
máis rabiosa actualidade.
De todo iso é un excelente exemplo a Torre dos Moreno de
Ribadeo. Unha grandiosa mansión que mandaron construír en 1915 os irmáns Pedro
e Xoán Moreno Ulloa á súa volta duns anos en Cuba. E non só viñeron eles desde alí,
tamén se trouxeron ao arquitecto arxentino Julián García Núñez, a quen lle
encargou o proxecto do seu fastuosa
vivenda. Pero aínda por riba, o arquitecto contou coa colaboración do enxeñeiro
Agustín Ardex, quen traballara con
Antoni Gaudí.
O resultado foi un edificio sorprendente naquela pequena vila.
Unha construción que usaba os máis modernos materiais da época: o cemento, o
ferro e o vidro. Pero non só diferenciábase nos materiais do resto de
edificios, tamén nas súas formas moi
eclécticas. Nelas mestúranse as tendencias modernistas con detalles
vistos na arquitectura cubana, e mesmo elementos clásicos, como as cariátides que chaman a atención na airosa
cúpula que hai na esquina da construción.
Ademais no seu interior incluíanse novidades nunca vistas
aquí como os ascensores ou diversos cuartos de baños. Iso por non falar do
tamaño da obra, que ten unha planta próxima aos 1.000 metros cadrados, ao longo
dos cales se distribúen dúas vivendas distintas en senllas plantas.
A Torre dos Moreno é unha casa de indianos situada en
Ribadeo, na praza de España e na rúa de Ibáñez, no Ben de Interese Cultural
(BIC) do conxunto histórico da Vila de Ribadeo e BIC por si mesmo dende 1997.
Foi mandada construír por Pedro e Juan Moreno Ulloa en 1915 e deseñada polo
arquitecto Julián García Núñez e o enxeñeiro Ángel Ardex. Cun certo aquel
ecléctico, pódese considerar de estilo modernista, cimentado sobre unha
estrutura mixta de formigón e ferro. Con anterioridade a 1915, ocupaba o lugar
a chamada "Torre Julia" ou "Torre da Fortaleza", resto da
antiga fortaleza de Ribadeo.
Descrición
Conta con diversos adornos, como alicatados, mármores,
vidreiras, grecas, tellado con tellas de porcelana (cerámica vidrada) de cor
vermella que reflicte a luz solar ou pilastras. A cúpula da torre principal
está mantida por catro cariátides. A planta ten 950 m², e o solar, 1.050 m².
Consta de baixo, tres plantas e baixocuberta, a parte do saínte da torre
principal. Leváronse a cabo varias restauracións parciais, que polo momento
case só aseguraron o non avance da deterioración do edificio.
O tellado que mantén a cúpula ábrese como os típicos de
contos de fadas ó estilo centroeuropeo, do mesmo xeito que o resto de tellado
visible, que coinciden co vixente a principios do século XX en Cuba, lugar de
emigración dos seus primeiros propietarios.
Ten tres escaleiras e seis patios, asegurando a comunicación
e claridade no edificio. En cada planta hai dúas vivendas, nas que están
incluídas habitacións principais, secundarias e de servizo, con alturas de
catro metros.
As galerías están realizadas en fundición, coroadas por tres
arcos e con vidros policromados.
A estrutura básica é de formigón armado, novo material na
zona na época da construción, polo que o seu tratamento non foi adecuado e a
estrutura sufriu moito.
Actualidade
O 23 de decembro de 2010 no DOG sae unha resolución que
abrirá paso a un novo enfoque para salvar o monumento, Ben de Interese
Cultural, da ruína.
O 13 de xaneiro de 2011 comezan os traballos de
apuntalamento para tentar salvala da súa caída, tras arranxos anteriores no
interior.
O repartimento da propiedade lévase complicando na historia
por división por herdanza, o que asemade complica o seu mantemento e futuro.
Despois dun proceso de compra pola empresa 'Paisajes de Asturias', propiedade
de Víctor Madera, en 2015 a estrutura de propiedade corresponde
aproximadamente: un 60%, Paisajes de Asturias; 21% Concello de Ribadeo
(adquirido en 1996) e 19%, herdeiros na Arxentina.
No ano 2019 Paisajes de Asturias compra a parte do concello,
facéndose co 81 %, co compromiso de facer arranxos.
Fotos: Iniciarte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario