A cripta de San Antolín, situada baixo a actual catedral de
Palencia (España), é o único resto da primitiva catedral visigótica construída na segunda metade do
século VII, engadíndose posteriormente elementos románicos. A cripta está dedicada a San
Antolín, mártir, patrón de Palencia. Os seus restos consérvanse neste lugar ao
que deu nome.
Igrexa prerrománica
No solar onde se achan agora a cripta e a Catedral de
Palencia, existiu na antigüidade un templo de culto pagán ao que, segundo algúns
historiadores sucedería un paleocristiano de época romana, feito que
parece concordar coas pegadas romanas existentes no exterior, ao mesmo nivel.
Así pois, o vestixio máis antigo de culto que se conserva na actualidade é o
fondo da cripta, edificación que data de mediados do século VII. Os restos de
Antolín, nobre galo- visigodo, santo e mártir, chegarían a Hispania no cortexo do rei Wamba desde
Narbona no ano 673. O mesmo Wamba
mandaría construír o enterramento.
Un arco descentrado conecta o espazo soterraño
visigótico coa ampliación
románica, con saída ao centro da ábsida. Para algúns autores, como
Helmut Schlunk, a Cripta é o "martyrium", o lugar que garda as súas reliquias, de San Antolín, pero
outros historiadores dubídano.
Primeira restauración
Perdida a diocese palentina tras a ocupación musulmá, non se
restaurou ata que o propio rei Sancho
III o Maior encomendou ao bispo de Palencia
Poncio a organización da mesma.
Recentemente descubertas as ruínas visigóticas que abrigaban os restos do
mártir, sería elixido o lugar como enclave da sede episcopal. Tras a
restauración e ampliación do lugar do martirio, conságrase o novo edificio con
presenza do rei e de varios bispos no ano 1035. A investigación arqueolóxica demostrou
que a cripta orixinal tiña, ademais dos restos que poden verse hoxe, outras
dependencias encostadas.
Incorporación á catedral
Xa no século XII,
edificaríase un templo románico, que
respectou a parte soterraña da cripta,
engadíndose posteriormente outras construcións, tanto románicas como góticas e platerescas, o que lle presta a configuración
actual da Catedral de Palencia.
Descrición
Segundo Pablo López de Ousaba, a cripta levantouse sobre
unha antiga edificación romana. O máis antigo visible da cripta é a obra visigótica da segunda metade do século VII.
Esta primitiva igrexa vese ampliada no século
XI, na época do románico temperán
e é exemplo do primeiro románico
castelán.
A Cripta encádrase na "tipoloxía de soterraño". A planta é rectangular, irregular
e alongada, de 3x11 metros, con cuberta
plana. Levántase sobre varios arcos de ferradura transversais, que parten
do basamento lateral, como é habitual
nos edificios soterraños. O muro este -a
cabeceira- é o máis moderno. Decórase por diante con tres vans de arcos de
ferradura visigodos moi pequenos, que
descargan en dúas columnas con capiteis corintios moi desgastados e basamentos antigos. Os muros norte e sur
teñen portas con arcos visigodos.
Pódense diferenciar dúas áreas:
A visigótica do século VII, a máis oriental, cuberta con bóveda de
canón de medio punto, rematada por unha ábsida con columnas.
A prerrománica
do século
XI, de planta rectangular de nave única, 17 metros de longo por 7 de
ancho, de catro tramos, cuberta con bóveda de canón, sostida por arcos faixóns apoiados en grosos perpiaños que fan de pilastras nos muros laterais, rematada polo
tramo recto do presbiterio e a ábsida.
Na súa construción empregáronse perpiaños de boa calidade de tamaño variado,
ben aparellados.
É a parte máis oriental da cripta. Está formada por un curto
tramo recto con cuberta en arco de medio punto, rematada por tres vans con
arcos de ferradura apoiados en dúas columnas reutilizadas de capiteis moi
deteriorados, cimacios con decoración
xeométrica e vexetal e baseas antigas.
Un arco dobre conecta a zona
visigótica coa prerrománica.
O tramo recto do Presbiterio, únese á nave no primeiro
arco fajón que fai de arco triunfal.
No muro nordés atópase unha estatua de S. Antolín.
Nave
A nave única, de estilo
prerrománico (século XI), consta
de catro tramos con cuberta de bóveda de canón soportada por arcos faixóns de
doelas irregulares apoiados en
pilastras sobre plinto corrido.
Entre os arcos laterais de cada tramo, sitúanse xanelas de
medio punto e fortemente abucinadas ao interior.
No tramo do pé da cripta, fronte á escaleira de acceso á
cripta, consérvase un pozo con brocal.
O acceso á cripta en época medieval realizábase por unha
porta lateral inutilizada no século XVI
cando se construíron a escaleira actual que baixa desde o transcoro da Catedral e o arco de medio punto
apoiado en impostas decoradas e xambas lisas.
A decoración da escaleira mostra baixorrelevos do martirio de san Antolín e a lenda do rei Sancho III o Maior.
A ampliación
prerrománica do século XI.
Cara a 1034, realízanse a reconstrución e ampliación románicas. A nova planta rectangular cóbrese
cunha bóveda de canón, sostida por catro arcos
faixóns de fina sillería.
Texto: Wikipedia
Fotos: Iniciarte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario