3/6/19

Vladimir Tatlin: Maqueta do Monumento á Terceira Internacional



Visitando o Centro Pompidou de Málaga puden, por vez primeira, contemplar esta obra. No facebook do museo pódese ler o seguinte:

Maqueta do Monumento á Terceira Internacional, 1919/1979.

Froito dun encargo do goberno  soviético, este fito da arquitectura  utópica e de propaganda constitúe  ademais o culmen da teoría  constructivista de Tatlin sobre a emancipación da superficie do lenzo en prol do espazo  tridimensional. Aínda que irrealizado, o seu  propósito era totalmente funcional: estaba destinado a acoller, nos seus 400 metros de altura, as oficinas da  administración da III Internacional, que estarían distribuídas nos catro corpos  xeométricos internos. A modo de Torre de  Babel, o movemento  helicoidal ascendente simboliza os ideais da  revolución e a  unión dos pobos na loita contra o capitalismo, en favor do progreso  histórico e dos valores universais.


Igualmente, na cartela da peza pódese ler:

O Monumento á III Internacional de Vladimir Tatlin tiña que superar a altura da Torre Eiffel; tiña que contar con edificios en rotación; un proxector tiña que mostrar mensaxes nas nubes. Esta torre, da cal Tatlin realizou unicamente unha maqueta, pasou á historia como un mito da arquitectura utópica. A proposta desta parede de imaxes é entender a súa importancia e o seu alcance en catro movementos: as fontes de inspiración de Tatlin para crear o seu Monumento, a fase de construción da maqueta orixinal –que non se conservou-, as diferentes reconstrucións levadas a cabo para exposicións en museos e, por último, a influencia desta obra nos artistas contemporáneos.


E para o mestre Argan:
A formación de Tatlin non é moi distinta da  Malevic, pero o seu é un programa concreto de acción política. Toda distinción entre as artes debe ser eliminada como residuo dunha xerarquía de clases; a pintura e a escultura son tamén construción (e non representación) e por tanto deben servirse dos mesmos materiais e dos mesmos procedementos técnicos que a arquitectura, a cal debe ser á vez funcional e visual, é dicir, debe visualizar a función. Xa non hai artes maiores e menores; como forma visible, unha cadeira non é tan distinta dunha escultura e unha escultura debe ser tan funcional como unha cadeira. A arte debe ter unha función concrtea no desenvolvemento da revolución. A excitación revolucionaria potencia as facultades inventivas e estas dan un sentido creativo á revolución. Hai que dar ao pobo incluso a sensación visual da revolución, do cambio de todo, empezando polas coordenadas de espazo e tempo. Os artistas convértense en xeniais directores do  entusiasmante “espectáculo” da revolución; son eles os que organizan as festas populares, as conmemoracións , os desfiles e as representacións teatrais.


Encargado de estudar o Monumento á Terceira Internacional (1919), Tatlin proxecta a súa Torre Eiffel proletaria: unha xigantesca espiral de tramado metálico que vira sobre si mesma e funciona como emisora de noticias e sinais. A cidade soviética debe ser unha estrutura e unha figura novas. A arte, que xa non pode ser representativa ao non quedar valores institucionalizados que representar, será informativa, visualizará momento a momento a historia que se fai e establecerá un circuíto de comunicación entre os membros da comunidade. É unha intuición  profética que non volverá ser tomada en consideración ata moitos anos máis tarde pero xa non no marco dunha revolución senón no da sociedade  neocapitalista ou de consumo.

Giulio Carlo  Argan. El arte moderno. Valencia, Fernando Torres, 1977,  pp. 397-399.



Vídeo sobre unha retrospectiva de Tatlin en Suiza:


Fotos: Iniciarte

No hay comentarios: