O seguinte texto é anterior ao último arranxo do mosteiro.
Para ver os seu expolio, o seguinte artigo e para coñecer as bases da súa rehabilitación o seguinte texto.
(…) Outra das obras que, pola complexidade arquitectónica e
pola riqueza ornamental e iconográfica dalgúns elementos, foi atribuída, ás
veces, á actuación do propio mestre Mateo, ou a algún dos seus colaboradores
máis directos, é a de San Lourenzo de Carboeiro. Por iso, quizais, atraeu a
atención de numerosos investigadores; as opinión poden variar sobre
determinados aspectos, pero todos os autores coinciden en salientar o valor de
tan singular monumento, máis próximo a Santiago ca a Ourense ou Portomarín, que
se construíu ao mesmo tempo có Pórtico da Gloria, ao longo do último cuarto do
século XII, e que debeu rematar, probablemente, nos primeiros anos do XIII.
O estudo de Carboeiro revela a presenza de artistas de
diferente formación e de capacidades tamén distintas. Probablemente, esta
edificación concentrou un grupo de xente de distinta procedencia que
intercambiarían opinión e experiencias. A transcendencia de Carboeiro non
queda, pois, reducida á propia igrexa, senón que lle deu vida a un obradoiro no
que se formou un grupo de artistas que difundiron o seu estilo por unha zona
relativamente ampla e ata unha data próxima ao ano 1225.
Na época prerrománica había aquí un pequeno mosteiro que,
aínda que ás veces se creu que o fundaran o conde don Gonzalo e a súa esposa,
xa existía antes. De calquera xeito, o século X resultou confuso e turbulento
para Carboeiro. Non obstante, durante as dúas centurias seguintes o auxe foi
continuo e a prosperidade económica favoreceu a renovación dos edificios
monásticos e mais da igrexa, iniciada no último cuarto do século XII, momento
no que gozaba do favor real, o mesmo ca durante o século XIII. Os privilexios e
doazóns de Afonso VII, Fernando II, Afonso IX, Fernando III, Afonso X e Sancho
IV foron especialmente significativos. Pero, avanzado o século XIII e, sobre
todo, durante o XIV e o XV, a crise que lle afecta ao mosteiro acentúase, feito
que determina a súa anexión a San Martiño Pinario no ano 1499, confirmada por
Alexandre VI ao ano seguinte. Queda como propiedade do grande mosteiro
santiagués, por iso a desamortización supuxo un abandono irremediable, que fixo
que o edificio se arruinase contra o 1880. (…)
O monumento levántase nunha pequena península formada por un
dos meandros do río Deza, nun lugar de singular beleza do concello de Silleda;
esta situación, xunto coa orientación litúrxica da planta, condicionou
seriamente o desenvolvemento da obra. As naves son máis curtas do que se
podería esperar, aínda que, en xeral, respectan unas proporcións correctas. A
forte pendente do terreo contra o leste obrigou á construción dunha cripta que
permitiu edificar a complexa cabeceira da igrexa superior cun deambulatorio de
capelas radiais. É unha solución única en Galicia que se vinculou á actividade
de destacados seguidores de Mateo.
A CRIPTA
A cripta consta de tres capelas radiais, cada unha cun tramo
recto e remate semicircular; polo exterior englóbanse nun xigantesco cubo que
lembra a impresionante mole do “cimorro” da catedral de Ávila. Unhas
estreitísimas seteiras, que a penas a iluminan, son as únicas aberturas. Fronte
ás capelas levántanse catro monumentais columnas cilíndricas, rematadas en
caveto, que dividen a cripta en cinco tramos que se corresponden cos do
deambulatorio da igrexa alta. Polo oeste un muro recto pecha a cripta; entre el
e as columnas queda un espazo que actúa como eixe planimétrico do conxunto que
se cobre cunha singular bóveda. Nos extremos desembocan as escaleiras de
caracol que conducen ata o deambulatorio. A cripta carece de ornamentación,
agás un entrelazo cruciforme no intradorso dun arco.
Esta cripta non ten precedentes nin paralelos en Galicia, xa
que a da catedral de Santiago é moi diferente, tanto desde o punto de vista
estilístico como espacial. Lambert sinalou unha influencia borgoñona,
especialmente nas columnas grandes, proveniente do mestre Mateo ou ben dun
mestre borgoñón que viñese a Galicia. Máis verosímil parece, sen embargo, que
sexa obra dun colaborador de Mateo coñecedor da arte borgoñona. No exterior
unha inscrición recolle a data do primeiro de xuño do ano 1171.
Texto de: Ramón Yzquierdo Perrín. Arte protogótica. En Galicia XI.
Arte. Proxecto Galicia. Hércules Ediciones. pp 170-177.
Fotografías: INICIARTE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario