O Colexio da Nosa
Señora da Antiga de Monforte de Lemos, en plena Ribeira Sacra luguesa é
coñecido popularmente coma O Escorial Galego, entre outras razón pola súa
harmonia e simetría.
Texto do profesor
Soraluce, con mínimos cambios:
“Dende os
postulados platerescos de R. Gil de Hontañón ou Mateo López, a evolución cara a
un renacemento galego máis clásico veu da man de mestres andaluces e
santanderinos, como Ginés Martínez, Gaspar de Arce ou Jacome Fernández a finais
do século XVI. Entre tanto estábase difundindo por Castela unha nova versión do
clasicismo “romano”, tamizado por Herrera e os seus seguidores. Esta denominada
escola vallisoletana penetrará en Galicia a partir de 1590, formando neste
depurado estilo a numerosos mestres canteiros galegos, que prepararán o terreo
para a posterior chegada do barroco. A obra clave destoutra corrente
renacentista será o Colexio do Cardeal en Monforte de Lemos (Lugo), do cal os
seus autores foron os mestres arquitectos xesuítas Andrés Ruiz, Juan de Tolosa
e Juan Bustamante, coa intervención de Juan de Nates e Simón de Monasterio.
Ata o século XIX
críase que o autor do Colexio do Cardeal fora Juan de Herrera, apuntándose
incluso a posibilidade da intervención dun proxectista italiano, sen embargo, a
serie de mestres, entre os que destacan Tolosa e Nates, senlleiros discípulos
de Herrera, sitúa a obra no seu verdadeiro contexto arquitectónico, alleo ao
renacemento compostelán, mercé á iniciativa do cardeal Rodrigo de Castro,
arcebispo de Sevilla de orixe monfortina e home de confianza de Filipe II. O
seu interese por crear unha fundación xesuítica en Monforte, vila na que paseou
a súa xuventude, tiña como obxectivo satisfacer ambiciosos plans educativos e
culturais. En 1591 mandou adquirir os terreos dunha gran planicie xunto ao río
Cabe para esta finalidade, pero a súa morte (1600) impediríalle ver rematada
tan magna empresa.
O pai Andrés Ruiz
foi o primeiro arquitecto da obra monfortina. Del só sabemos que fixo as
trazas, presentadas en 1592 para poxar as contratas, sen que a súa intervención
pasara dos alicerces, xa que ao ano seguinte o substitúe Juan de Tolosa,
arquitecto ao que hai que atribuír o proxecto do templo, monumento central do
conxunto. A posición simétrica dos dous grandes patios, coa igrexa en eixe e a fachada
única para templo e edificio, responde ao novo tipo de arquitectura monástica e
hospitalaria, da cal o máximo expoñente fora o Escorial. Alí crese que
iniciou a súa actividade o fillo dun
aparellador de Juan Bautista de Toledo, Juan de Tolosa, ao que se pode seguir a
pista en numerosas obras clasicistas repartidas por Castela. Seus parecen ser
os mosteiros contemporáneos de san Juan de Corias en Asturias e o templo do
mosteiro galego de Montederramo. A súa aportación hai que valorala na difusión
dun modelo viñolesco de templo xesuítico cunha gran nave, cruceiro, cúpula,
ábsida rectangular e capelas laterais unidas entre si, compoñendo os muros
interiores con grandes piastras clásicas que soportan un friso corrido no que
descansas as bóvedas de canón e de aresta de naves e capelas. En Corias
utilízase a orde dórica; en Montedorramo, a xónica; e en Monforte, a corintia;
pero nos tres casos trátase de grandes masas concibidas coa grandiosidade
romana de todo o herreriano.
Para Monforte e
Montedorramo, Tolosa cortou os patróns de cantería e realizou os modelos
(maquetas) dos elementos clásicos segundo documentos da época, a fin de que
mestres como Diego de Isla, Juan de Cajigas ou Juan e Pedro de Sierra
realizaran materialmente estas construcións. Dos claustros do Colexio do
Cardeal, só o apegado ao costado sur do templo é renacentista. Levantouno Simón
de Monasterio xa no século XVII cun deseño en orde dórica.
A fachada principal
do Colexio, coa interesante portada da igrexa situada no centro, merece un especial
detemento para comprobar o grao de amalgama ao que chegou a nosa arquitectura
manierista. A portada ordénase en dous corpos distintos superpostos: o inferior
almofado acolle unha composición en orde dórica de robusta impronta italiana,
mentres que o corpo alto, coas súas piastras xónicas, ten o selo da escola
herreriana. Tal diverxencia pode deberse á intervención de dous mestres,
posiblemente Tolosa ou Bustamante na zona baixa e Juan de Nates na superior, xa
que o deseño recorda a outros remates seus en templos de Palencia, Valladolid
ou Medina do Campo.
O resto da fachada,
o monumental muro ordenado en tres plantas, responde a unha solución
tipicamente española, seguindo a tradición de fachadas palacianas de Rodrigo
Gil de Hontañón, cunha galería superior, moi pouco esculiarense. En resume,
Monforte compendia a influencia de distintos focos renacentistas como Roma,
Vignola, O Escorial, Valladolid, Gil de Hontañón, etc. Un magnífico colofón a
toda unha época da arte galega.”
En resume, a planta
actual do edificio ten unha igrexa cuberta cunha bóveda de canón, un claustro a
cada lado, o da dereita máis amplo, tendo nun dos seus lados a sancristía, unha
serie de dependencias ao redor dos claustros e un corpo alongado á dereita de
todo o edificios segundo se dirixe a vista á fachada.
O sobre a
evolución histórica do conxunto arquitectónico cómpre sinalar que foi Real
Seminario de Estudos ata 1773, mesmo xérmolo dunha universidade (tivo sete
cátedras). Despois da expilsión dos xeuítas de 1767, ordenouse a retirada de
calquera símbolo desta congragación (vésaxe o espazo en branco tras retirarse o
escudo da orde no retablo de Francisco de Moure. Dende mediados do século XVIII
é propiedade da familia Alba, cedido aos Pais Escolapios en 1873.
Como
noutras obras arquitectónicas, o terremoto de Lisboa de 1755 tamén deixou aquí a súa pegada: gretas na cúpula, danos da escaleira monumental, ademais doutras
incidencias menores.
Do seu importante patrimonio artístico (varios grecos, Andrea del Sarto, Francisco Pacheco, Francisco de Moure…) falaremos
noutra ocasión.
Cita de José Ramón
Soraluce Blond. Guía da arqutectura galega. Vigo, Galaxia, 1999, pp. 87-90.
Fotos: INICIARTE.
Fotos: INICIARTE.
Bibliografía
Bonet Correa,
Antonio. La Arquitectura en Galicia durante el siglo XVII. Madrid, CSIC, 1984.
Cotarelo Valledor,
Armando. El Cardenal Don Rodrigo de Castro y su fundación en Monforte de Lemos.
Vol. 1. Madrid, Magisterio Español, 1945.
Hermida Balado,
Manuel. Lemos: pequeña historia de un lugar con mucha historia. Madrid, Fenix,
1969.
Huerta, Santiago.
Arcos, bóvedas y cúpulas: geometría y equilibrio en el cálculo tradicional de
estructuras de fábrica. Madrid, Instituto Juan de Herrera, 2004.
Lorenzana Lamelo,
María Luisa. 1989. Aportación documental al estudio histórico-artístico de dos
fundaciones monfortinas: El colegio de la Compañía y el convento de las Clarisas. Lugo,
Deputación de Lugo. 1989
Martínez González,
Esteban. Colegio de Ntra. Sra. De la Antigua (Monforte de Lemos). León,
Everest, 2000
Pérez de los Cobos,
Francisco. Proyecto de conservación, reforma y ampliación del Colegio de Ntra.
Sra. De la Antigua de Monforte de Lemos. s. l., 1915.
Rivera Vázquez,
Evaristo. Galicia y los jesuitas: sus colegios y enseñanza en los siglos XVI al
XVIII. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 1989.
Soraluce Blond,
José Ramón. Guía da arqutectura galega. Vigo, Galaxia, 1999.
No hay comentarios:
Publicar un comentario