Cando coñeceu Picasso a arte negra?
Desde cando podemos ver influencia da cultura africana nas súas obras? É unha
vella polémica á que o artista malagueño non contribuíu precisamente a
resolver.
En 1907 no Museo do Home do Trocadero, Picasso descobre as esculturas e máscaras africanas. Fica abraiado.
Vlaminck, o pintor fauvista e veciño de
Picasso, ten varias esculturas de Dahomei e de Costa de Marfil. Véndelle unha
escultura a Derain quen a amosa a Matisse e a Picasso. Matisse tamén mercará
unha pequena escultura africana que tamén amosaría a Picasso. Coñecía xa Picasso
estas obras antes de principiar pintar As señoritas de Avignon?
Boceto para As señoritas de Avignon
Vexamos que dicía ao respecto o propio
Picasso:
Señorita africana das prostitutas de Avignon
“Sempre se fala da influencia dos
“negros” na miña obra. Como evitala? A todos gustábannos os fetiches. Van Gogh
dixo: “todos tiñamos algo en común, a arte xaponesa”. No noso caso, eran os
“negros”. As súas formas non influíron máis en min que en Matisse. Ou en
Derain. Pero, para eles, as máscaras eran esculturas como tantas outras. Cando
Matisse me ensinou a súa primeira cabeza negra, faloume da arte exipcia (…). As
máscaras non eran esculturas como tantas outras. En absoluto. Eran algo máxico.
E por que non as exipcias ou as caldeas? Non nos demos conta. Aquelas eran
primitivas, non máxicas. As “negras”, eran intercesores, entón aprendín a
palabra francesa. Intercesores contra todo: contra os espíritos descoñecidos,
ameazadores. Eu sempre miraba os fetiches. Entón comprendino: eu tamén, eu
estou contra todo. Eu tamén creo que todo, todo é descoñecido, ¡inimigo! ¡Todo!
Non os detalles. As mulleres, os nenos, os animais, o tabaco, xogar? ¡Senón o
todo! Comprendín para que lle servían as esculturas aos “negros”. Por que esculpían
así e non doutra forma. Con todo, ¡non eran cubistas! (…) Pero, todos os
fetiches, servían para o mesmo. Eran armas. Para axudar á xente a non ser presa
dos espíritos, a volverse independentes. Eran ferramentas. Se lle damos unha
forma aos espíritos, volvémonos independentes”.
Neste mesmo senso e nesta mesma
entrevista, Picasso recoñeza que “As señoritas de Avignon” foron a súa
“primeira tea exorcista”
Texto citado en André Malraux. La Tête d´obsidienne. París, Gallimard,
1974.
No hay comentarios:
Publicar un comentario