4/6/12

Picasso sometido a un referendo en Suíza


Un pintor sometido a referendo? Pois si, e o artista tiña que ser Picasso e o lugar en Basilea (Suíza). Vexamos como foi a historia segundo lembra o neto do malagueño, Olivier.

En 1967, o propietario de dúas obras (O arlequín sentado e Os dous irmáns) que as tiña depositadas no Museo de Basilea, decidiu vendelas. O responsable da conservación da colección do museo, Franz Meyer, convence ao consello municipal para que aplique o dereito preferente de compra. O prezo fixado era de 8.400.000 francos suízos (case un 14 millóns de euros). Desa cantidade, a cidade debería aportar seis millóns e o o resto tería que conseguilos o museo.

A pinacoteca fai gala dunha grande imaxinación para buscar os cartos, mesmo organizando unha gran festa. Consegue os fondos precisos. Mais logo principian as opinións contrarias á que a cidade teña que aportar os seis millóns comprometidos e unha serie de persoas decidiron propoñer a celebración dun referendo con gallo de determinar se Basilea debería ou non solicitar un crédito extraordinario destinado á adquisición das obras de Picasso.

O 22 de decembro de 1967 un 55% dos votos emitidos foi favorable á mercar os dous cadros. Picasso foi avisado con prontitude do feito e ficou abraiado pola adhesión popular. A resposta do pintor foi invitar ao conservador do museo, Franz Meyer, á súa residencia de Mougins. A sorpresa do suízo tivo que ser tremenda cando Picasso lle agasalla con catro cadros máis en agradecemento á poboación de Basilea polo esforzo económico que viñan de asumir.

Seis cadros polo prezo de dous…

O arlequín sentado foi pintado en 1923, é un óleo sobre lenzo de 130,5 x 97 cm. e que se conserva no Museo de Basilea (só faltaría). Fixo de modelo Jacint Salvado, amigo de Picasso.

Bibliografía: Olivier Widmaier Picasso. Picasso, retratos de familia. Madrid, Algaba, 2003.

No hay comentarios: