Desde hai moitos anos, o comedor
da miña casa está presidido por un cartel publicitario de principios do século
XX. Un cartel (60 x 150 cm.) asinado por M. Miguel e impreso na Coruña que
anuncia a tenda de instrumentos musicais “Canuto Berea” da rúa Real. Unha tenda
que desapareceu hai uns trinta anos. Para comprender a importancia do
cartelismo poño unha selección textos da profesora Sobrino Manzanares.
“A semellanza do resto de España,
a produción de carteis xurdiu en Galicia como resultado da introdución de
novos procedementos litográficos que
desde finais do século XIX se empregaban como técnica de reprodución en toda
Europa.
O conxunto mudanzas producidas no
marco da Revolución Industrial e a necesidade de dar saída aos novos produtos
fabricados promoveron a súa difusión publicitaria que paralelamente ao
desenvolvemento das técnicas de impresión permitiron unha reprodución de imaxes
a gran formato e varias tintas de cor, facilitando a expansión dun dos
pioneiros medios de comunicación de masas: os carteis.
Ambos aspectos, concluíron nunha
nova preocupación pola calidade artística das imaxes e estampacións xeradas
baixo a influencia do Modernismo, o primeiro estilo identificativo das artes
aplicadas e principal impulsor desde finais do século pasado (XIX) da andadura
internacional do cartelismo.
… Mais, o verdadeiro nacemento
dos carteis xurde co desenvolvemento dos medios de reprodución mecánica, co
proceso técnico que posibilitou, a partir dun único deseño manual, a obtención
de múltiples imaxes creadas e a gran formato. E mentres que a orixe da súa
produción está en razón destes novos procedementos industriais, o seu principal
impulso recibiríao das novas esixencias da publicidade: da crecente necesidade
de informar e persuadir que impoñen os novos modelos do mercado e, como
consecuencia, da súa xeralización de dar aviso de tódolos sucesos da vida
social que requiran ser difundidos. En definitiva, acabou converténdose desde
finais do século XIX no máis novidoso vehículo de información e, xa como
propaganda de espectáculos, produtos comerciais, culturais ou causas políticas,
os carteis convertéronse no signo dos novos tempos, na imaxe dunha sociedade, a
do cambio de século, que aspiraba a ser moderna.
Por outra parte, o cartel non é
só o máis antigo representante da cultura de masas, senón que durante moito
tempo os seus deseños mantivéronse próximos ó mundo das artes plásticas. Desde
a creación do que se entende por cartel moderno –atribúese a Cheret en 1866 a
creación do primeiro cartel litográfico colorido- ata a Segunda Guerra Mundial,
o cartelismo progresou próximo dos movementos artísticos e, a pesar de constituír un produto técnico e
seriado, un medio de comunicación (…), desde moi cedo atraeu a atención dos
artistas que nos seus deseños gráficos despregaron un conxunto de recursos
paralelos ás directrices da pintura. Sen embargo estivo case sempre considerado
como un produto menor e frecuentemente excluído do discurso tradicional da
Historia da Arte.
(…) O cartel posúe pola propia
natureza unha curta vida. O seu débil soporte, o papel, e a rápida
obsolescencia do que anuncian definen o seu carácter efémero ademais dunha vocación
que é ser inmediatamente sustituído por outro.
(…) Hai que supoñer tamén que
unha sociedade eminentemente rural como a galega non era o ámbito máis idóneo
para o desenvolvemento do cartelismo que por definición é un fenómeno
basicamente urbano. E, con máis razón aínda ao non contar Galicia, salvo
excepcións, con grandes industrias ou firmas comerciais que demandaran a
conseguinte publicidade, principal estímulo, conforme sinalamos, da renovación
do cartelismo moderno. Segundo se pode comprobar, as imaxes prodigábanse pouco
nos anuncios da prensa galega e, en gran parte, estas xa viñan impresas de
fóra, desde as propias casas comerciais.
(…) Do mesmo xeito que no
conxunto das actividades gráficas, influíron neles as dúas grandes correntes
das artes decorativas do primeiro terzo de século (XX): o Modernismo, tardía e
peculiarmente asumido polos artistas galegos, e o Art-Decó que con ecos máis
lonxincuos chegará desde o remate da década dos vinte. En todo caso, hai que
lembrar que os carteis, como testemuñas da cultura visual da época,
participaron tamén dos elementos estéticos que imperaron durante máis de trinta
anos en toda a linguaxe artística galega. O seu estilo vincúlase a formas
derivadas da tradición realista, desde semellante visión costumista propia do
rexionalismo pictórico ou da minuciosidade dos deseños da ilustración, sen
rexeitar elementos decorativos e tipográficos derivados do Modernismo
internacional. A pesares disto, fronte a esta orientación de índole
conservadora e tradicional que persistiu unhas artes plásticas ata a II
República, será no deseño gráfico onde se produzan as pioneiras innovacións
estéticas da arte galega, precedentes en moitos casos das que se darán na
pintura polos protagonistas do “Movemento renovador” dos anos trinta.
(…) Os protagonistas (os autores)
foron en parte pintores que ocasionalmente participaron na actividade
cartelística (Lloréns, Maside, Souto, Maruja Mallo, Carlos Sobrino, Juan
Luis…-, ademais de ilustradores, caricaturistas e debuxantes (Castelao,
Federico Ribas, Camilo Díaz Baliño, Máximo Ramos, Manuel Bujados, Alvaro
Cebreiro, Fernández Mazas, Rafael Barros, Torrado, Gil de Vicario, etc.- Todos
eles, xunto con outros deseñadores descoñecidos como os propios artesáns que
desde os obradoiros crearon e reproduciron os bocetos, contribuíron á creación
do cartelismo en Galicia.
(…) A súa historia configúrase
nunha síntese de tradición´n e modernidade e, de feito, o contraste entre as
pervivencias de provincialismo artístico fronte ás aspiracións innovadoras
do deseño, caracterizará a evolución da linguaxe dos carteis rexionais".
Texto procedente de:
María Luisa Sobrino Manzanares. O cartelismo en Galicia. Dende
as súas orixes ata 1936. A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1999. Citas
das páxinas 6 a 18.
No hay comentarios:
Publicar un comentario