17/5/12

Picasso: "Ma Jolie"


Pablo Picasso. “Ma Jolie” (Muller con mandolina ou guitarra) 1911-1912 Óleo sobre lenzo, 100x65,4 cm. Museum of Modern Art. Nova York.


Trátase da obra que Picasso dedica ao seu novo amor, Eva Gouel pseudónimo de Marcelle Humbert (1885-1915), compañeira do pintor Louis Marcoussis. Será a súa segunda compañeira: ela contaba con 26 anos e o pintor con 30 e foi o verdadeiro motivo para que cesase a súa relación con Fernande Olivier. Morrerá en 1915 de tuberculose ou de cancro. Nunha carta escrita a Kahnweiler, Picasso escribiu, referíndose a Eva: “Quéroa moito e escribireino nos meus cadros”. O apelativo cariñoso “Ma Jolie” aparece no lenzo e forma parte do refrán dunha popular canción de amor da época titulada Chanson derniére: “O Manon, ma jolie, mon coeur che dit bonjour” (Oh Manon, fermosa miña, o meu corazón diche bos días).

Nesta obra, do mesmo xeito que en Muller con mandolina, chégase á culminación da transcendencia metafísica do cubismo analítico: desapareceron xa as últimas pegadas do modelado plástico a favor dun gran espazo construído por medio de segmentos cada vez máis pequenos, numerosos e transparentes.
 
A inserción de palabras e frases, neste como noutros cadros, se por unha banda axuda a descifrar a imaxe, por outro contribúe a facer máis complexa a composición. Ma Jolie prefigura por este motivo a fase posterior, que ocupará a Picasso e Braque de 1912 a 1915 e na cal os primeiros elementos tomados da realidade e incluídos no cadro serán precisamente os carácteres topográficos. Illados ou agrupados en breves frases, a miúdo faltos dalgunha letra, estes elementos remiten ao ambiente exterior ou a un obxecto presente, por medio da súa forza semántica. Insérense na estrutura pictórica en tanto que imaxes. Empeza así o intercambio entre ler e ver que, iniciado nos surrealistas, farán progresar os cubistas ata a culminación alcanzada no dadaísmo.

Ma Jolie, a pesar da cita da canción popular e a homenaxe a Eva Gouel, segue sendo unha pintura enigmática e hermética.

É unha obra que se afasta do tradicional retrato pero hai pistas para identificar o obxecto representado: a masa central triangular indica sutilmente a forma da cabeza da muller e o torso; igualmente, un grupo de seis liñas verticais no centro inferior da pintura representa as cordas do instrumento musical que a muller toca.

No hay comentarios: