10/5/12

Calder e a escultura cinética


Esta é a segunda entrada que fago sobre un artista que hai anos me acompaña… Alexander Calder, nacido 1899 e morto en 1977 nos Estados Unidos de América.

 Calder. Nancy. Palma de Mallorca.

Foi fillo e neto de escultores con formación académica en enxeñería mecánica e con longas estadías en París. Comezaría a ser recoñecido grazas ás súas esculturas de arame e unas construcións abstractas motorizadas. Mais a importancia na arte do XX venlle dada por ser o creador de esculturas  grandes estáticas (stabiles). Pero cando regresa desde París aos Estados Unidos en 1931 comezaría a realizar os seus “s” e , xa que logo, a iniciar a escultura cinética: esculturas con/en movemento. Semella un contrasentido, non?: esculturas e movemento. Pois efectivamente Calder o consegue. E para iso pode empregar diversos xeitos, desde que o espectador mova a obra, que o faga o vento ou ben dotala dun motor. 

Fixádevos como o argumentaba Calder: “Por que ten que ser estática a arte? O seguinte paso na escultura é o movemento. Por que non poñer formas plásticas en movemento? Non sinxelamente  nun movemento rotativo, senón a combinación de diferentes movementos de distinto tipo, velocidade e alcance para producir algo completo. Do mesmo xeito que se poden compoñer  cores e formas, tamén se poden compoñer movementos”.
Calder no Art Museum de Milwaukee.

 Ao elaborar as súas esculturas en movemento, os seus “mobile”, rachaba coa tradicional concepción da escultura como algo estático e principiaba a xeira da escultura cinética, da separación da escultura dun soporte no chan… Co paso do tempo os seus móbiles será de pé, fixados a unha parede ou colgantes do teito. E, simultaneamente iraos facendo máis “estables” ao susbtiituír  as inestables estruturas de fíos e arame por materiais de maior consistencia.

Xunto cos seus “mobile” tamén son de salientar os seus “stabile”, é dicir, obras fixas de aceiro ou de ferro. Unha evolución lóxica serían as “stabile-mobile”, unas construcións hibridas, entre os móbiles e as estáticas, realizadas con ferro ou aceiro e pintadas de vermello ou negro. E polo tanto, darlle unha nova función a uns materiais nitidamente industriais.

As súas obras teñen vida a partir dun lixeirísimo golpe. Unha corrente de aire chega para xerar un movemento rítmico que se estende ata o infinito. E quen inicia o movemento? Pois o espectador que deste xeito forma parte imprescindible da creación artística.

Ademais e progresivamente irá dando máis tamaño ás súas obras, chegado ser realmente monumentais (fixádevos no Flamingo de Chicago). Outra características será a abstracción das súas obras aínda que, ás veces, fagan referencia a seres vivos.
Clader. Flamingo. 1974. Chicago.
 
En canto aos materiais empregados… grande variedade desde arame ata chapa, madeira, latón, aceiros e en moitas ocasións con gran colorido… e cunha clara preferencias polo vermello.

Cando morreu o seu amigo J. Johnson Sweeney declarou. “Botaremos en falta a súa danza e o seu rudo carácter de oso dormitando, o mesmo que botaremos tamén en falta a súa camisa sempre vermella, un símbolo de calor humano. Pero o seu sentido do ritmo, o seu sentido de humor e a súa capacidade de diversión, elementos da mesma importancia que a arte para a súa vida (…) ficarán sempre na lembranza”.

E das súas relacións con Miró… Deixarémolas para outra ocasión. Podedes ter máis información na Calder Fundation.
FOTOS: Iniciarte.

No hay comentarios: