Michelangelo Merisi. Caravaggio. Judit e Holofernes.
1599. Óleo sobre lenzo 145 x 195 cm.
Galleria Nazionale d´Arte Antica en Roma.
Palazzo Barberini.
Palazzo Barberini.
Probablemente foi pintado a fins de 1599 para o xenovés Octavio Costa quen o tivo sempre como unha das súas mellores posesións, mesmo de xeito tal que no seu testamento de 1632, ordenoulles aos seus herdeiros que “non debían desprenderse, baixo ningún concepto, dos cadros de Caravaggio, e en concreto do de Judit” ( Langdon, páx. 203). Para Octavio Costa tamén pintara A conversión de Magdalena (hoxe en Detroit) e, probablemente, San Francisco recibindo os estigmas (hoxe en Hartford).
A pintura foi dada a coñecer en 1951, cando, tras ser restaurada, presentouse en Milán. É situada como a ponte de unión entre a etapa de formación de Caravaggio e a súa nova visión naturalista, xa completamente definida nas súas obras da capela Contarelli (1600). Neste lenzo é a primeira vez na que Michelangelo Merisi pinta un tema histórico de gran violencia e dramatismo, sintetizando tamén, por vez primeira, o novo xeito de pintar do natural nunha temática deste tipo.
A historia de Judit cóntase nun dos libros apócrifos que os protestantes rexeitaron pero que os papas Sixto e Clemente incluíron na Biblia de 1592 (nesta ligazón podedes ler polo miúdo esta peculiar historia). Segundo o recollido nese texto, Judit, viúva e rica herdeira xudía, salvou ao seu pobo dos ataques de Holofernes, xeneral asirio. Para iso, vestiuse coas súas mellores roupas, seducindo ao xefe militar, e cando este durmía, coa axuda da súa serventa Abra “chegándose ao seu leito, agarrouno polos cabelos ao tempo que dicía: “Dáme forzas, Deus de Israel, nesta hora”. E con toda a súa forza feriuno dúas veces no pescozo, cortándolle a cabeza". (13,7-8). Abra, que facía garda fóra da tenda, gardou a testa como sanguento trofeo.
A figura da heroína Judit gozou de moita fama no século XVI ao seren considerada coma unha representación anticipatoria da Virxe María e coma un símbolo da Igrexa. Naqueles tempos contrarreformistas, Judit representaba a unha igrexa militante, que descarga o seu terror sobre os herexes e os pecadores. A ferocidade da escena, que contrasta coa elegante e distante beleza de Judit, está concentrada no berro inhumano e no espasmo do corpo de Holofernes, onde Caravaggio representou con extraordinaria eficacia o intre máis temido da vida dun home. O intre do tránsito da vida á morte.
Nesta obra, na que Caravaggio enfrontábase por vez primeira ás dificultades que presentaba unha narración dramática, creou unha imaxe terrorífica. A maioría dos artistas que pintaran este tema, adoitaran facelo cando Judit xa cometera a súa acción, representándoa coa cabeza de Holofernes na súa man. Micheangelo Merisi, pola contra, amosa o intre preciso da decapitación, na busca da teatralidade. Representa ao xeneral asirio no preciso intre da súa morte, coa testa como punto de encontro de sólidas liñas diagonais. Profire un berro e do pescozo brota un chorro de sangue. Non hai espazo que separe ás figuras de medio corpo situadas en primeiro plano e que impoñen a súa presenza ao espectador, o cal vese implicado no dramatismo da escena. Holofernes, retórcese coma un animal é, nesta obra, a pura representación do mal. O xigantesco Holofernes xa non está vivo, tal e como nos indican os seus ollos voltas cara atrás, mais aínda non está morto, posto que a da súa gorxa emana un berro, o seu corpo contráese e as mans agárranse sobre o leito.
Judit, viúva que viste parcialmente de branco, ten un aspecto frío e case virxinal, cun rostro brillante e de fermosa feitura. Probablemente a modelo de Caravaggio non fora a habitual Fillide senón Geromina Giustiniani. Ten unha expresión de consternación, de horror ao mesmo tempo que de decisión, cun xesto duro, frío. O seu rostro non reflicte nin trunfo nin paixón, só unha mestura de determinación e noxo. Atenta contra o home indefenso e á menor distancia posible.
Fronte á historia bíblica onde a criada ficaba na porta da tenda de Holofernes en funcións de vixilancia, Caravaggio pinta a Abra contemplando a escena. Temos que pensar que ao introducila no lateral do cadro, Caravaggio pretendía amosar o contraste entre as enrrugas da ancián e a pel aterciopelada da heroína.
O carácter ritual da pintura, as expresións e os xestos paralizados das figuras son tamén un produto do método de pintura ao natural de Caravaggio. Sobre a superficie do lenzo percíbense unhas liñas feitas co buril (ao redor do brazo e ombro esquerdo de Judit, ao redor do pescozo da criada e ao redor da cabeza de Holofernes) e parece ser que ao pintar a partir de modelos do natural, Caravaggio as usou para corrixir os elementos esenciais da composición. A crueza dos detalles e o realismo da decapitación, fan pensar aos especialistas que a pintura puido ser realizada baixo a impresión das execucións de Roma deses anos. Podemos lembrar, agora, que o propio Leonardo da Vinci aconsellaba aos pintores acudir ás execución para estudar os xestos dos axustizados.
O artista deulle a estas figuras unha realidade nova e sanguenta. Así, pinta a Holofernes desperto, consciente do momento da morte, a diferencia do que viña sendo habitual. A escena case semella un drama sadomasoquista e, mesmo, erótico, que revela unha fascinación polo horror, a sangue e o sexo.
Como saberedes, Caravaggio é un dos meus artistas preferidos. Lembro ben a primeira vez que vin esta obra (a segunda foi en Roma). Foi en Madrid en 199 na exposición na que se presentaba a obra tras a súa última restauración. Provocoume un forte impacto. Violencia, sangue… relixiosidade? Persoalmente non atopo a escena nin erótica nin con referencias sexuais a pesares da permanente obsesión dos seus biógrafos por relacionar a tormentosa vida de Caravaggio cos seus cadros.
Bibliografía:
Caravaggio.Madrid, Museo Nacional del Prado, 1999.
Eugenio Carmona. Caravaggio. Madrid, Arlanza, 2005.
Helen Langdon. Caravaggio. Barcelona, Edhasa, 2002.
Rose-Marie Rainer Hagen. Los secretos de las obras de arte. Tschen, 2002, Tomo I.
Créditos das imaxes: Rostro de Judit, Rostro da criada, Rostro de Holofernes.
Déixovos, finalmente, cun magnífico vídeo visto en Polos vieiros da arte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario