19/5/14

Francisco Asorey: Monumento a San Francisco en Santiago


Unha das pezas escoltóricas máis chamativas de Santiago de Compostela é este Monumento a San Francisco de Asorey, realizado polo escultos cambadés entre 1926 e 1930. Se quixérades unha información máis completa sobre a orixe, a inauguración, a descrición non deixedes de visitar a Fundación Asorey.

O profesor Otero Túñez escribe: 
“Sobre unha plataforma de 4 metros de lado, onde consta a inscrición conmemorativa, a data e a sinatura do escultor, ascende unha especie de cruceiro, cos seus 12 metros de alto, distintas clases de granito e máis de 20 esculturas. Asentan estas sobre rudos bloques de pedra, símbolo das paixóns combatidas polo santo e recordo aínda dalgunhas concepcións de Rodin e dos monstros das bases do noso Pórtico da Gloria. Integran a primeira serie de figuras dous grupos diante e outros dous atrás, separadas ámbalas dúas frontes polos idílicos relevos da ovella co seu aniño e o lobo de Gubbio gorecendo entre as patas o graciosísimo coello, relevos onde o cicel de Asorey acada un dos maiores acertos animalistas da plástica contemporánea” .


Pola súa banda, Antón Castro engade o seguinte: 
“O artista cambadés exemplifica a renovación escultórica galega no primeiro terzo do século (XX) dentro da tradición máis arraigada, que asocia un sentimento aínda rexionalista a outras variedades lingüísticas do vangardismo máis clásico nunha liña que iría do expresionismo ó postcubismo. A súa personalidade adquire unha definición especial cando asume a conciencia primitivista que afunde as súas raíces no máis profundo das tradicións galegas, portadoras de connotacións simbólicas. A súa inspiración no mundo escultórico medieval, particularmente no románico culto santiagués, dotará ás súas figuras dun sabor arcaizante, calidade na que se conxugan a tradición e o popular co material que mellor define a arte galega: o granito. 


O Monumento a San Francisco trataba de conmemorar o VII centenario da norte do santo de Asís e nada mellor que facelo fronte á igrexa dedicada ó mesmo. Tanto a estrutura –en forma de cruz de 12 metros de altura, que parte dunha base duns 4 metros- como a complexidade do programa iconográfico implican un dos mellores manifestos da escultura galega na súa concepción simbólica e estética. O escultor invítanos a unha lectura vertical do cruceiro –manifesto de abaixo arriba, establecendo un sistema narrativo que centra os seus puntos culminantes no equilibrio entre o alegórico das imaxes e a rugosidade natural, abstracta, xeométrica e labrada das pedras, que ligan o monumento á poética material e urbana do contexto: representación da sociedade gótica e seguidores do franciscanismo, as pedras que simbolizan o cordón da orde, que serven de base á representación das virtudes e, de fronte, o santo cos brazos abertos protexido pola figura superior dun Crucificado. Constitúe, ó dicir do seu máis destacado estudoso, o profesor Otero Túñez, o máis grandioso dos cruceiros galegos. E un modelo inestimable da fusión de estéticas primitivistas e románicas, revisitadas baixo o ollo da modernidade".

Citas:
R. Otero Túñez. "Asorey". En Artistas Galegos. Escultores. Realismos rexionalistas. Vigo, Nova Galicia Edicións, 2002. Cita da páxina 27.
X. Antón Castro. "Arte contemporánea". En 100 obras mestras da Arte Galega. Vigo, Nigra, 1996. Cita da páxina 176.

Fotos: Iniciarte

No hay comentarios: