27/2/12

Bernini: a praza de san Pedro do Vaticano



Toda a fortaleza da Roma triunfante barroca amosouse no urbanismo da Praza de san Pedro (1656-1667) concibida por Bernini.

Despois de rematar a facha do templo, ese elemento que anula a visión da cúpula de Miguel Anxo, o papa Alexandre VII, encargou a Bernini a realización dunha nova praza que dera cobillo aos fieis da cristiandade.
É unha obra que ten por obxectivo resaltar a fortaleza espiritual e material do papado como centro da relixión católica. A súa estrutura está condicionada pola existencia da basílica e do obelisco. O arquitecto dispuxo unha elipse aberta, construída por un conxunto de columnas xigantes de orde toscana con entaboamento xónico, conectada coa cidade e unida por un corredor diverxente á fachada da basílica, á que singulariza e resalta, a xeito dun grande escenario teatral onde o Papa realiza aparicións públicas. Esta idea escenográfica vese salientada pola creación dun espazo central de forma oval arredor do obelisco encerrando o simbolismo do omphalos mundi e suxerindo os brazos da igrexa abertos ao fiel.

Temos que pensar que a configuración actual da praza está modificada pola apertura da Vía della Conciliazione, durante o fascismo xa que racha o efecto sopresa deseñado polo gran Bernini. Lembrade que todas as rúas que rodeaban a praza eran moi estreitas e pequenas e que, polo tanto, calquera persoa que accedes á mesma atoparíase cun gran recinto non que era recibido “cos brazos abertos”. Ademais Bernini deseñara xunto coa Piazza Retta (a trapezoidal), a Piazza Oblicua (a oval) un terceiro espazo, o Terzo Braccio que non se chegou a edificar. Pretendía que a praza fora unha especie de atrio da basílica.

A praza, como xa dixen, ten forma elíptica, medindo o eixo maior 339,97 metros e o menor 239,97. A columnata está conformada por catro ringleiras en estilo dórico toscano, formando tres corredores. Son un total de 248 columnas e 88 piares construídos en mármore travertino, de 16 metros de altura. A columnata conforma dous semicírculos que crean a elipse.


A idea de Bernini era potenciar, de novo, a cúpula de Miguel Anxo, e contrarrestar, dalgún xeito, a fachada de Maderno. Para iso deulle á columnata unha altura moi inferior á nova fachada, mentres que as pesadas columnas toscanas realzaban a verticalidade da fachada.


Sobre a columnata hai 162 figuras de santos, realizadas segundo os deseños do propio Bernini.

Case no centro da elipse atopamos o obelisco de Heliópole, colocado alí en 1586 e que, xa que logo, condicionaría o deseño da praza. Procedía do antigo circo de Nerón. É un obelisco cun peso de 360 toneladas rematado cunha cruz de bronce que contén un fragmento da cruz onde morreu Cristo (outro anaco da cruz?)  Se nos situáramos no centro da praza, onde hai un disco de granito e mármore que o indica (“Centro del colonnato”), apreciaríase como se non houbera as catro ringleiras de columna xa que Bernini consegue o efecto óptico de apreciar tan só a exterior, xa que as interiores  van, progresivamente reducindo o seu diámetro.

Como curiosidade podemos lembrar que entre a basílica e a praza ocupan o 20% do territorio do Vaticano.





Fotos de INICIARTE.

25/2/12

Faleceu Leopoldo Novoa

Copio da Voz de Galicia, a triste nova do pasamento de Nóvoa. É un artista do que fixen varias entradas en INICIARTE e do que teño algún grabado. Foi sempre un home enteiro, artista apaixoado e figura non ben tratada na súa terra:


Leopoldo Nóvoa faleceu en París a tarde do pasado xoves, segundo confirmou onte a súa familia, que explicou que permanecía hospitalizado desde o fin de semana. O pintor, nacido en Salcedo (Pontevedra) en 1919, realizara un intenso percorrido pola pintura do século XX ata ser recoñecido como unha das grandes figuras internacionais. O pintor será incinerado e as súas cinzas trasladaranse a Galicia en maio.
Os últimos anos do artista demostraran o seu carácter activo e, ata tras superar os noventa, seguiu realizando exposicións e profundando nun particular xeito de traballar que levaba a pintura cara á terceira dimensión.
Fillo de uruguaio, en 1938 instálase en Uruguai, aínda que o carácter itinerante se volverá para Leopoldo Nóvoa case unha constante. Nos anos cincuenta viaxa a Arxentina como primeira parte dun periplo vital de artista que o levaría nos anos sesenta a fixar a súa residencia en París. No Buenos Aires do medio século contactou con Luís Seoane e no ambiente parisiense coincidiu con Julio Cortázar.
En 1979 arde o seu estudo parisiense. O lume cómese toda a súa obra, pero lle deixa a cinza que se convertería nunha das materias particulares do seu traballo nos anos posteriores.
Desde París regresou a Galicia e comezou unha viaxe anual que dividía o tempo entre a capital francesa e o seu estudo de Armenteira. Unha viaxe estacional sobre o que se foi perfilando unha obra que non quixo entender de tamaños, nin de cambiar as formas en función do espazo, e que o mesmo valía para pequenos gravados que para grandes murais. Murais que lle supuxeron algún desgusto, como o proxecto do que se encargou na coruñesa avenida de Arteixo e que foi cernado para colocar un paso elevado de peóns. Nos últimos anos a súa actividade en Galicia foi en aumento. As exposicións retrospectivas e as que protagonizou en galerías privadas significaron un reencontro de Nóvoa co público galego.

23/2/12

Gregorio Fernández: Cristo xacente



Gregorio Fernández. Cristo xacente. 1627. 
Talla en madeira policromada. 46 x 74 x 191 cm. 
Comitente: Casa Profeta da Compañía de Xesús en Madrid. Ubicación actual: Museo Nacional de Escultura, Valladolid. É propiedade do Estado desde 1767 coa expulsión dos xesuítas.

En varias ocasións comentei a incidencia das directrices artísticas do Concilio de Trento. A ise desexo de provocar sentimentos marcadamente relixiosos nos fieis hai que engadir nos territorios casteláns do século XVII a incipiente crise económica pola que aristocracia e a burguesía deixaron de ser o cliente principal da arte. As igrexas, os mosteiros e a propia monarquía hispánica permanecerían como os grandes consumidores da arte.

Neste contexto contrarreformista, Gregorio Fernández, galego que amosaría a importancia da madeira na escola escultórica castelá, dirixirá gran parte das súas obras a un público numeroso, os fieles dos templos e non xa a un grupo reducido (aristocracia, burguesía). Ademais chegaría a contar cun obradoiro de moitísima importancia.

A principal obra, apreciación estritamente persoal, de Fernández foi o seu Cristo xacente, ou tal vez sería mellor dicir, a súa serie de cristos xacentes posto que non foi só un o realizado senón, ao comprobar o impacto causado nas persoas que contemplaban a obra (e tamén poderíamos engadir no  peto do autor), realizaría moitos máis: en Valladolid fixo para a igrexa de san Paulo, santa Catuxa (só exposto nos xoves santos) ou santa Ana; en Madrid para os mosteiros de san Filipe Neri, da Encarnación e de san Plácido; en Segovia para a súa catedral, para a parroquial de Medida de Pomar (Burgos), na catedral de Astorga e para o convento das Clarisas de Monforte de Lemos (Lugo)

Conceptualmente, o Cristo de Fernández aportan unha novidade fundamental, unha nova iconografía, ao representar ao Cristo morto en solitario, sen a compaña da cruz, dos verdugos, da Virxe ou doutros persoeiros.

O corpo aparece espido, tendido sobre unha saba e unha almofada. Mais é un corpo recén morto posto que os sinais da súa tortura son ben visibles: a ferida da lanza no seu costado, con pingas de sangue manando, os pes e as mans  coas pegadas dos cravos, os xeonllos totalmente ensanguentados, os ollos entreabertos (tremendo simbolismo do pathos helénico). Todo iso amosado cun verismo insuperable. Verismo que vese referendado pola calidade da talla na barba e no pelo, nos detalles corporais como podan ser as costelas marcadas, a elevación do esternón a consecuencia da morte na cruz, dos dedos de mans e pes… Mais probadamente a mestría de Fernández amósase con todo o seu esplendor na saba que contén o corpo inerte. Todo un prodixio de pregues.

A importancia deste figura do Cristo descarnado e expresionista vese resaltada pola policromía: sangue, mouratóns, con cores que oscilan entre o vermello contundente ata os tons violáceos; con violentos claroscuros (fixádevos no pano que cobre a zona xenital). A almofada conta cunha policromía que imita á perfección os bordados. Como novidade poderíamos dicir que o escultor de Sarria abandonou o empregou do ouro. Noutras obras engadiría complementos como ollos de cristal, anacos de vidro simulando as bágoas, cabelo natural... Con este conxunto de recursos técnicos, consegue o artista transmitir un patetismo desmesurado que racha coa tradición da contención dos sentimentos propia de momentos artísticos máis “clasicistas”. É unha obra tremendamente realista pero ao mesmo tempo cun profundo carácter místico que consegue espertar a piedade popular. A súa carga dramática podería achegarnos ao gótico.

Esta obra foi realizada para ser exposta aos fieis permanentemente no convento e nos días nos que se lembraría a morte de Cristo sería situada aos pes do altar maior. A obra tivo que producir nos fieis un tremendo fervor relixioso ao amosarlles esta imaxe tan próxima e tan  vehemente patética.

Mirade, finalmente, outras fotos do Cristo xacente que o Duque de Lerma encargou para a igrexa de san Paulo de Valladolid en 1615. Está situado na capela da ábsida dereita, nunha furna dourada apoiada sobre un pedestal. Ten como peculiaridade que a cabeza do morto está apoiada sobre dúas almofadas talladas e policromadas en dourado.





FOTOS: INICIARTE
Bibliografía: 
Martín González, Juan José. El escultor Gregorio Fernández. Madrid, Ministerio de Cultura, 1980.
Martín González, Juan José. Escultura barroca en España, 1600-1770. Madrid, Cátedra, 1983.

20/2/12

O Greco: selección de vídeos

Preséntovos unha selección de vídeos sobre O Greco e as súas obras. 



Ademais desta selección non deixedes de ver  o de Juan Carlos Ortega, no seu programa La mitad invisible sobre o Enterro do señor de Orgaz, insuperable.

18/2/12

Proba do Renacemento

Condicionado "relativamente" polas preferencias do alumnado, puxen a seguinte proba:




A Piedade de Miguel Anxo.




O Tributo de Masaccio.

En canto a vocabulario, os conceptos escollidos foron:
-Esfumato.
-Partes dunha mesquita.
-Perspectiva aerea.
-Veladura.

16/2/12

Sen Comentarios XXXIII: arquitectura high tech


Peculiar interpretación da arquitectura high tech en Viana do Castelo.

13/2/12

Castelo de Peñafiel (Valladolid)


O castelo de Peñafiel é un castelo situado na localidade vallisoletana de Peñafiel (España), que se alza sobre unha loma estreita e longa que lle proporciona a característica forma dunha nave. Foi declarado Monumento Nacional o 1 de xuño de 1917. É propiedade do Concello de Peñafiel.

A orixe da fortaleza remóntase ao século IX, quedando constancia documental da súa existencia en 943, cando era rei de León Ramiro II. En 983 apoderouse dela Almanzor, ata que en 1013, foi reconquistada polo conde castelán Sancho García; a el parece que se debe o cambio do primitivo nome de Pena Falcón polo de Peñafiel (en latín Penna Fidele); cando o conde Sancho García tómao aos árabes e pronuncia a soada frase "desde hoxe en diante esta será a pena máis fiel de Castela". As desavinzas matrimoniais entre Urraca de Castela e Afonso I o Batallador deron lugar a que este se vise cercado no castelo de Peñafiel en 1112 polas tropas da súa esposa e, noutra ocasión, polas do seu sogro Afonso VI. Por entón fora alcaide da fortaleza o burgalés Álvar Fáñez, primo irmán de Rodrigo Díaz de Vivar.


Fernando III o Santo instituíu o señorío de Peñafiel para o seu fillo Afonso X o Sabio, o cal transferiuno ao seu sobriño, e neto do rei santo, o infante don Xoánn Manuel. Este foi quen se ocupou da reedificación do castelo e do recinto amurallado na primeira metade do século XIV. Algo despois, sendo rei de Castela Pedro I o Cruel, suprimiuse o señorío e pasaron os seus bens a propiedade rexia. De Xoán I pasou o castelo a mans de Fernando de Antequera, e das deste ao seu fillo Xoán II de Aragón. Sendo Xoán aínda infante residiu no castelo durante algún tempo, de forma que nel naceu (1421)) o seu primeiro fillo, Carlos, príncipe de Viana. Nel tamén protagonizou unha revolta contra Xoán II de Castela, quen o tomou en 1451 e ordenou a súa demolición. No entanto, en 1456 concedeu a don Pedro Téllez Girón, Maestre da orde de Calatrava, os dereitos sobre os restos do castelo, incluído o do seu reedificación.


O seu trazado en planta posúe forma moi estreita e alargada (uns 35 m de anchura fronte a 210 m de lonxitude). O conxunto está defendido por unha primeira muralla exterior de lenzos lisos que pode datar do século XI e ser, xa que logo, a parte máis antiga da construción. No seu lado oriental ábrese unha única porta de acceso flanqueada por senllos torreóns circulares e coroada por un matacán do que só quedan os modillones. Unha segunda formación de murallas delimita o recinto interior. Está constituída por 28 cubos almenados que se intercalan equidistantemente no prolongado cerramento definindo unha sucesión de cortinas tamén almenadas e transitables no seu cume a través dun adarve.

No centro aproximado deste espazo levántase a torre da homenaxe, prisma rectangular duns 34 m de altura que alberga tres plantas abovedadas. O resto queda dividido por ela en dúas zonas cuxos primitivos forxados desapareceron; servirían de aloxamento para a tropa e acollerían os almacéns e áreas de servizo. As súas terrazas farían función de patios elevados. Nunha desas ás, a sur, atópase agora o Museo Provincial do Viño.


Fixádevos nas fermosas vistas do castelo desde a praza da vila. Praza está sendo, aínda, empregada, como praza de touros.

O texto procede da Wikipedia e as fotos son de Iniciarte.

12/2/12

Sen comentarios XXXIII: vídeo resume

A Voz de Galicia amosa neste vídeo unha selección das mellores chapuzas galegas.
 

11/2/12

Wordl Press Photo 2012


O premio anual World Press Photo é unha clara referencia universal para os reporteiros gráfico. Este ano o premio recaeu no español Samuel Arandas. O fallo do xurado levou a cabo na 'World Press Photo office', onde todas as entradas preséntanse de forma anónima ao xurado, que discute e debate os seus méritos durante un período de dúas semanas. O xurado opera de forma independente e un secretario sen dereito a voto da as garantías dun procedemento xusto. A estes galardóns concorren fotógrafos de prensa profesionais, reporteiros gráficos e fotógrafos de documentais de todo o mundo. En total, 5.247 fotógrafos de 124 países participaron este ano con 101.254 fotografías.

A fotografía de Samuel Arandas retrata a unha muller sostendo a un familiar ferido durante as protestas contra o presidente Saleh en Sanaa, Iemen.


Os comentarios sobre a foto gañadora polo xurado foron os seguintes:

- Koyo Kouoh: "É unha foto que fala por toda a rexión que representa o Iemen, Exipto, Tunisia, Libia, Siria, por todo o que sucedeu na primavera árabe, pero que mostra un lado privado, íntimo do que pasou... e mostra o papel que as mulleres desempeñaron, non só como coidadoras, senón como persoas activas no movemento. "

-Nina Berman: "Nos medios de comunicación occidentais, que de cando en cando ven mulleres con veo deste xeito, nun momento tan íntimo, é coma se todos os acontecementos da primavera árabe deu lugar a este momento único - en momentos como este."

Créditos do texto e da imaxe.

9/2/12

O Castelo de Portillo (Valladolid)


 
Este fermoso castelo, tamén chamado Castelo dos Condes de Benavente, está situado no municipio de Portillo (Valladolid), sobre un alto que domina a Terra de Pinares.

A pesar de ser modelo da escola de Valladolid, é froito das sucesivas etapas construtivas que o enriquecerán ao longo de case 150 anos. A parte máis antiga, toda a planta do recinto interior corresponde a finais do século XIV posiblemente ao Infante Tello, cos seus arcos apuntados, as súas bóvedas góticas sobre arcos faixóns e a súa curiosa torre en forma de D nunha das esquinas. A primeira reforma importante achega, con todo, ao edificio á imaxe do castelo-palacio valisoletano; elévase a torre cunha gran sala abovedaba, constrúese o corpo palacial encostado á fachada, e entre o corpo e a torre déixase un pequeño patio de entrada coas portas desenfiladas que protexían a entrada. Pouco despois continúase a obra elevando un piso o corpo palacial, esta vez con distintos canteiros pero cos mesmos escudos nas frontes das fiestras.

Nos anos 70 do século XV o Conde de Benavente inicia importantes obras no castelo, construíndo a barreira exterior rodeada de profundos fosos chapados de pedra, reformando o patio palacial na que se substitúen as galerías do primitivo palacio de Enrique IV e construíndo un impresionante pozo de case 35 metros de profundidade. Reforza desta forma a condición militar dun edificio que tivera carácter palacial ata ese momento e escasas calidades defensivas (cando cara a 1452 Álvaro de Lúa “acordou que o seu tesouro debíase levar a aquela fortaleza, replícolle Gonzalo Cachón dicíndolle que aquela non era fortaleza para iso; que non tenia auga, nin estaba abastecida.”)

Na historia deste castelo cabe salientar o arresto e prisión de Álvaro deLuna, quen pasuo aquí un tempo antes de ser executado en Valladolid.

Na actualidade é propiedade da Universidade de Valladolid, tras a doazón realizada por Pío Del Río Hortega, estando parcialmente reconstruído.

Se estades preto de Valladolid non deixedes de visitalo. Conta con páxina web, de onde tirei a información ofrecida.

7/2/12

Xogadores de cartas: 191,6 millóns de euros


Non se sabe canto apostaban os dous campesiños de Aix-en-Provence inmortalizados nos xogadores de cartas, a soada partida pintada ata en cinco ocasións por Paul Cézanne cara a 1890, pero seguro que o diñeiro en liza andaba moi lonxe do que a familia real de Catar pagou por unha das obras desa serie: 191,6 millóns de euros, o que a converte na máis cara da historia entre as vendidas de forma pública e que, segundo os expertos, redibuja a estrutura do mercado da arte.

A operación tivo lugar en 2011, informa Vanity Fair, e bate a anterior marca na liga dos cadros máis caros. Non está claro cal é o número dous nesa clasificación, porque non sempre devanditas transaccións son confirmadas pola casa de poxas. É o que ocorreu cun pollock en 2006 vendido supostamente baixo a intermediación de Sotheby's por 109,6 millóns de euros e anteriormente -o mesmo ano- cun klimt 105,7 millóns de euros. Si que foi pública a venda dun picasso, en 2010, titulado Espido, follas verdes e busto: alcanzou os 81,9 millóns de euros.
A compra deste cézanne responde a unha meditada estratexia do emirato de Catar, que pugna por situar a cidade de Doha no mapamundi da arte ao nivel de París ou Nova York (outras obras desta serie están no Musée d´Orsay e no MoMA). O Museo Nacional de Catar, onde se presume acabará o cadro, alberga xa rothkos, warhols e hirsts. Mentres, o veciño Abu Dhabi, pugna por culminar sendas franquías do Louvre e do Guggenheim.

O cadro de Cézanne pertencía ao millonario grego Yorgos Embiricos, quen durante décadas se divertiu rexeitando ofertas. O magnate morreu en 2011 e, segundo Vanity Fair, pouco antes da súa morte abriu as conversacións sobre a venda, conversacións que foron culminadas polos seus herdeiros.

Entre os marchantes que non puideron igualar o órdago bañado en petróleo catarí estarían Larry Gagosian (que poría sobre o tapete 168,5 millóns de euros) e William Acuaqvella.


Texto e foto vía El País.

6/2/12

A igrexa conventual de san Paulo de Valladolid


A igrexa de san Paulo de Valladolid ten unha moi longa, pero que moi longa e documentada historia. Do noso Afonso X e da relación co lugar non toca falar hoxe aquí. Así pois, iniciaremos o nos percorrido cando, entre 1445 e 1468, o tío do famoso inquisidor xeral Tomás de Torquemada, o frade Xoán de Torquemada, pagou ás obras desta construción grazas a unas bulas papais

Cando en 1601 (nunha das maiores operación especulativas da historia urbanística de España) a capital do imperio aséntase en Valladolid grazas ao duque de Lerma (teríamos no pasado ibérico outro personaxe con semellante visión para os negocios privados a partir das decisión públicas?), o valido de Filipe III costeou as obras da fachada, levantándose as torres que a franquean.

A igrexa conxuga varios estilos: maioritariamente o gótico tardío dos Reis Católicos, así como elementos renacentistas. É dunha soa nave con capelas abertas entre os contrafortes, coro alto aos pés e cruceiro moi marcado en planta e alzado. A nave cóbrese con bóveda de crucería gótica. Curiosamente esta bóveda aséntase sobre ménsulas renacentistas feitas cara o 1540.

O elemento que máis me interesou sempre deste edifico foi a súa fachada polo que non me deterei noutras importantes pezas desta igrexa conventual. Así pois temos que a fachada foi deseño de Simón de Colonia, rematándose cara o 1500. Diante da mesma temos un cruceiro proveniente da igrexa de Santiago e un piares rematados con leóns agasallados polo Duque de Lerma un século despois.


Na fachada aprécianse claramente dúas partes. A máis baixa que chega ata a imposta que se atopa sobre o rosetón central. Nesta zona destaca a porta cun impactante arco conopial de perfil ondulado. Entre un arco carpanel, disposto a xeito de colosal gardapó, atópase un relevo coa escena da coroación da Virxe, en presencia de frei Alonso de Burgos (segundo gran mecenas do convento) axeonllado e en compaña dos Santos Xoanes. Sobre este relevo aparecen uns anxos con escudos do Duque de Lerma (como non)

Na parte superior da fachada, compartimentada en espazos rectangulares, é xa de claro deseño clasicista. Grazas ao duque de Lerma afrontáronse estas obras decorativas, consistentes na ubicación de escultoras tardo-góticas vencellables ao obradoiro de Gil de Siloé. As dúas torres tamén son deste intre.

A fachada remata cun frontón triangular que conta cun escudo do s Reis Católicos coroando toda a portada. O frontón é xa renacentista e da man de Simón de colonia.



Do interior salientar brevemente tan só unha imaxe do santo Domingos de Guzmán de Gregorio Fernández e un Cristo xacente de Gregorio Fernández… mais disto xa falaremos noutra ocasión.

Das moi numerosas obras de arte que houbo na igrexa e no convento poderíase salientar que a Anunciación de Fra Angélico estivo aquí antes de marchar ao mosteiro das Descalzas Reais de Madrid e logo ao Prado.

Nesta igrexa foron bautizados os reis Filipe II e Filipe IV. É máis que curiosa a lenda que se conta sobre o bautizo do fillo de Carlos I quen por certo fora proclamado neste templo emperador de Castela… Na invasión francesa, como non, a igrexa foi profanada. Coas desamortizacións, especialmente a de Mendizábal, o conxunto que formaba co convento quedou fracturado posto que este pasou a seren presidio. No XX a igrexa padeceu algún incendio mais tamén varias restauracións que continuaron nos primeiros anos do século presente.

4/2/12

A Gioconda do Prado


Os conservadores do Museo Nacional do Prado identificaron cun elevado grao de certeza unha réplica da Gioconda de Leonardo da Vinci que podería ser pintada por un dos seus pupilos favoritos, probablemente Andrea Salai ou Francesco Melzi.

Os expertos do Prado, segundo publica The Art Newspaper, empregaron varios meses en estudar, limpar e quitar o escuro verniz que cubría a táboa (traballos que aínda continúan), ata agora considerada unha copia realizada por un mestre flamenco do retrato máis famoso do mundo. Na imaxe adxunta pódese apreciar a obra antes de que se iniciasen os traballos de restauración.



O discípulo de Leonardo executaría a réplica a medida que o mestre toscano ía pintando o orixinal no seu estudo de Florencia. Diversos estudos fotográficos e radiológicos efectuados sobre o cadro arroxan resultados que, moi probablemente, cambiarán a nosa forma de apreciar e comprender os segredos do retrato de Lisa Gherardini, a esposa do comerciante florentino Francesco do Giocondo.




O tamaño do orixinal e a réplica é practicamente o mesmo: 77 X 53 cm para o primeiro e 76 X 57 para a segunda.

O Museo do Prado informou de que nos próximos días presentará publicamente os detalles desta atribución.



Texto e ilustracións vía Hoy es arte

2/2/12

A Escola de Atenas segundo Vasari


A Escola de Atena. Fresco, 7.70 metros de base e 5 metros de alto. Cartóns realizados entre 1509 e 1510, sendo executada entre 1500 e 1512. Ubicada na Stanza Della Segnatura., en fronte da Disputa do Sacramento que foi o primeiro fresco realizado por Rafael para este lugar.



“Á súa chegada (a Roma), Rafael foi agasallado por Xullo II, e empezou na Stanza Della Segnatura unha escena que representa o momento en que os teólogos reconcilian a Filosofía e a AstroloXía coa Teoloxía, na que están retratados todos os sabios do mundo; e adornou esta obra con certas figuras, como as dos astrólogos que gravan carácteres de xeomancia e astroloxía nunhas táboas que mandan aos Evanxelistas. Entre eles hai un Dióxenes coa súa cunca, tombado nas escaleiras, figura moi meditativa e absorta, digna de encomio pola súa beleza e pola súa descoidada vestimenta. Tamén están Aristóteles e Platón, o un co Timeo na man, o outro coa Ética, e ao redor deles, dispostos en círculo, unha gran escola de filósofos. Non hai palabras para expresar a beleza destes astrólogos e xeómetras que debuxan cos compases moitas figuras e carácteres sobre táboas.

Entre eles vese a un mozo de fermosa beleza, que abre os brazos marabillado e inclina a cabeza: é o retrato de Federico II, duque de Mantua, que se atopaba por aquel entón en Roma.


Está xunto a unha figura que volve as costas e ten unha esfera do ceo na man; é o retrato de Zoroastro; e ao seu lado está Rafael, mestre desta obra, que se retratou a si mesmo coa axuda dun espello. É unha cabeza nova e de aspecto moi modesto, chea de agradable graza, cun gorro negro na cabeza. Tampouco hai palabras para expresar a beleza e a bondade que se aprecian nas cabezas e as figuras dos Evanxelistas, a cuxos rostros dotou dunha expresión de atención e coidado, sobre todo aos que están escribindo. E así colocou detrás dun San Mateo que está copiando nun libro as figuras e carácteres contidas nas táboas que lle sostén un anxo, a un vello que se posto un papel sobre os xeonllos e copia todo o que traza San Mateo. E mentres está concentrado, en tan incómoda postura, parece torcer a mandíbula e a cabeza conforme ensancha e alarga a pluma.

E aparte de todos os detalles que considerou, que son moitos, está a composición de toda a escena, distribuída con tanto orde e medida que demostrou verdadeiramente a súa valía, de tal forma que puxo de manifesto que non quería ter rival no campo dos que tocan os pinceis.

Adornou esta obra cunha perspectiva e moitas figuras acabadas cun estilo tan doce e delicado que o papa Xullo decidiu botar por terra todas as obras dos outros mestres, antigos e moderno, e que Rafael fose o único en poder enorgullecerse de todos os esforzos que se fixeron en tales obras ata ese momento".

Giorgio Vasari. Las vidas de los más excelentes arquitectos, pintores y escultores italianos desde Cimabue a nuestro tiempos (Antología). Estudio, selección y traducción de María Teresa Méndez y Juan Mª Montijano. Madrid, Tecnos, 2001, páx. 340-341.

A Wikipedia ofrécenos a seguinte fotografía coa identificación de cada personaxe. Tamén procede do mesmo lugar a fotografía inicial. As restantes son de INICIARTE, tal e como se pode apreciar pola súa escasa calidade.


 1: Zenón de Citio ou Zenón de Elea – 2: Epicuro – 3: Federico II Gonzaga – 4: Boecio ou Anaximandro ou Empédocles – 5: Avarroes – 6: Pitágoras – 7: Alcibíades ou Alexandre Magno – 8: Antístenes ou Xenofonte  – 9: Hipatia (pintada como Margherita ou o mozo Francesco María Della Rovere) – 10: Esquines ou Xenofonte – 11: Parménides – 12: Sócrates – 13: Heráclito (pintado como Miguel Anxo) – 14: Platón sostendo o Timeo (pintado como Leonrdo da Vinci) – 15: Arsitóteles sostendo a Ética – 16: Dióxenes de Sinope – 17: Plotino – 18: Euclides ou Arquímedes xunto a un grupo de estudantes (pintado como Bramante) – 19: Estrabón ou Zoroastro? – 20: Claudio Ptolomeo – R: Apeles como Rafael – 21: Protógenes como O Sodoma