Gregorio Fernández.
Cristo xacente. 1627.
Talla en madeira policromada. 46 x 74 x 191 cm.
Comitente: Casa Profeta da Compañía de Xesús en Madrid. Ubicación actual: Museo Nacional de Escultura, Valladolid. É propiedade do Estado desde 1767 coa expulsión dos xesuítas.
Talla en madeira policromada. 46 x 74 x 191 cm.
Comitente: Casa Profeta da Compañía de Xesús en Madrid. Ubicación actual: Museo Nacional de Escultura, Valladolid. É propiedade do Estado desde 1767 coa expulsión dos xesuítas.
En varias ocasións
comentei a incidencia das directrices artísticas do Concilio de Trento. A ise
desexo de provocar sentimentos marcadamente relixiosos nos fieis hai que
engadir nos territorios casteláns do século XVII a incipiente crise económica
pola que aristocracia e a burguesía deixaron de ser o cliente principal da
arte. As igrexas, os mosteiros e a propia monarquía hispánica permanecerían
como os grandes consumidores da arte.
Neste contexto
contrarreformista, Gregorio Fernández, galego que amosaría a importancia da
madeira na escola escultórica castelá, dirixirá gran parte das súas obras a un
público numeroso, os fieles dos templos e non xa a un grupo reducido
(aristocracia, burguesía). Ademais chegaría a contar cun obradoiro de moitísima
importancia.
A principal obra,
apreciación estritamente persoal, de Fernández foi o seu Cristo xacente, ou tal
vez sería mellor dicir, a súa serie de cristos xacentes posto que non foi só un
o realizado senón, ao comprobar o impacto causado nas persoas que contemplaban a
obra (e tamén poderíamos engadir no peto
do autor), realizaría moitos máis: en Valladolid fixo para a igrexa de san
Paulo, santa Catuxa (só exposto nos xoves santos) ou santa Ana; en Madrid para
os mosteiros de san Filipe Neri, da Encarnación e de san Plácido; en Segovia
para a súa catedral, para a parroquial de Medida de Pomar (Burgos), na catedral
de Astorga e para o convento das Clarisas de Monforte de Lemos (Lugo)
Conceptualmente, o
Cristo de Fernández aportan unha novidade fundamental, unha nova iconografía,
ao representar ao Cristo morto en solitario, sen a compaña da cruz, dos
verdugos, da Virxe ou doutros persoeiros.
O corpo aparece
espido, tendido sobre unha saba e unha almofada. Mais é un corpo recén morto
posto que os sinais da súa tortura son ben visibles: a ferida da lanza no seu
costado, con pingas de sangue manando, os pes e as mans coas pegadas dos cravos, os xeonllos
totalmente ensanguentados, os ollos entreabertos (tremendo simbolismo do pathos
helénico). Todo iso amosado cun verismo insuperable. Verismo que vese
referendado pola calidade da talla na barba e no pelo, nos detalles corporais
como podan ser as costelas marcadas, a elevación do esternón a consecuencia da
morte na cruz, dos dedos de mans e pes… Mais probadamente a mestría de
Fernández amósase con todo o seu esplendor na saba que contén o corpo inerte.
Todo un prodixio de pregues.
A importancia deste
figura do Cristo descarnado e expresionista vese resaltada pola policromía:
sangue, mouratóns, con cores que oscilan entre o vermello contundente ata os tons
violáceos; con violentos claroscuros (fixádevos no pano que cobre a zona
xenital). A almofada conta cunha policromía que imita á perfección os bordados.
Como novidade poderíamos dicir que o escultor de Sarria abandonou o empregou do ouro. Noutras obras
engadiría complementos como ollos de cristal, anacos de vidro simulando
as bágoas, cabelo natural... Con este conxunto de recursos técnicos, consegue o
artista transmitir un patetismo desmesurado que racha coa tradición da
contención dos sentimentos propia de momentos artísticos máis “clasicistas”. É
unha obra tremendamente realista pero ao mesmo tempo cun profundo carácter
místico que consegue espertar a piedade popular. A súa carga dramática podería
achegarnos ao gótico.
Esta obra foi
realizada para ser exposta aos fieis permanentemente no convento e nos días nos que se
lembraría a morte de Cristo sería situada aos pes do altar maior. A obra tivo
que producir nos fieis un tremendo fervor relixioso ao amosarlles esta imaxe
tan próxima e tan vehemente patética.
Mirade, finalmente,
outras fotos do Cristo xacente que o Duque de Lerma encargou para a igrexa de
san Paulo de Valladolid en 1615. Está situado na capela da ábsida dereita,
nunha furna dourada apoiada sobre un pedestal. Ten como peculiaridade que a
cabeza do morto está apoiada sobre dúas almofadas talladas e policromadas en
dourado.
Bibliografía:
Martín González, Juan José. El escultor Gregorio Fernández. Madrid, Ministerio de Cultura, 1980.
Martín González, Juan José. Escultura barroca en España, 1600-1770. Madrid, Cátedra, 1983.
No hay comentarios:
Publicar un comentario