6/2/12

A igrexa conventual de san Paulo de Valladolid


A igrexa de san Paulo de Valladolid ten unha moi longa, pero que moi longa e documentada historia. Do noso Afonso X e da relación co lugar non toca falar hoxe aquí. Así pois, iniciaremos o nos percorrido cando, entre 1445 e 1468, o tío do famoso inquisidor xeral Tomás de Torquemada, o frade Xoán de Torquemada, pagou ás obras desta construción grazas a unas bulas papais

Cando en 1601 (nunha das maiores operación especulativas da historia urbanística de España) a capital do imperio aséntase en Valladolid grazas ao duque de Lerma (teríamos no pasado ibérico outro personaxe con semellante visión para os negocios privados a partir das decisión públicas?), o valido de Filipe III costeou as obras da fachada, levantándose as torres que a franquean.

A igrexa conxuga varios estilos: maioritariamente o gótico tardío dos Reis Católicos, así como elementos renacentistas. É dunha soa nave con capelas abertas entre os contrafortes, coro alto aos pés e cruceiro moi marcado en planta e alzado. A nave cóbrese con bóveda de crucería gótica. Curiosamente esta bóveda aséntase sobre ménsulas renacentistas feitas cara o 1540.

O elemento que máis me interesou sempre deste edifico foi a súa fachada polo que non me deterei noutras importantes pezas desta igrexa conventual. Así pois temos que a fachada foi deseño de Simón de Colonia, rematándose cara o 1500. Diante da mesma temos un cruceiro proveniente da igrexa de Santiago e un piares rematados con leóns agasallados polo Duque de Lerma un século despois.


Na fachada aprécianse claramente dúas partes. A máis baixa que chega ata a imposta que se atopa sobre o rosetón central. Nesta zona destaca a porta cun impactante arco conopial de perfil ondulado. Entre un arco carpanel, disposto a xeito de colosal gardapó, atópase un relevo coa escena da coroación da Virxe, en presencia de frei Alonso de Burgos (segundo gran mecenas do convento) axeonllado e en compaña dos Santos Xoanes. Sobre este relevo aparecen uns anxos con escudos do Duque de Lerma (como non)

Na parte superior da fachada, compartimentada en espazos rectangulares, é xa de claro deseño clasicista. Grazas ao duque de Lerma afrontáronse estas obras decorativas, consistentes na ubicación de escultoras tardo-góticas vencellables ao obradoiro de Gil de Siloé. As dúas torres tamén son deste intre.

A fachada remata cun frontón triangular que conta cun escudo do s Reis Católicos coroando toda a portada. O frontón é xa renacentista e da man de Simón de colonia.



Do interior salientar brevemente tan só unha imaxe do santo Domingos de Guzmán de Gregorio Fernández e un Cristo xacente de Gregorio Fernández… mais disto xa falaremos noutra ocasión.

Das moi numerosas obras de arte que houbo na igrexa e no convento poderíase salientar que a Anunciación de Fra Angélico estivo aquí antes de marchar ao mosteiro das Descalzas Reais de Madrid e logo ao Prado.

Nesta igrexa foron bautizados os reis Filipe II e Filipe IV. É máis que curiosa a lenda que se conta sobre o bautizo do fillo de Carlos I quen por certo fora proclamado neste templo emperador de Castela… Na invasión francesa, como non, a igrexa foi profanada. Coas desamortizacións, especialmente a de Mendizábal, o conxunto que formaba co convento quedou fracturado posto que este pasou a seren presidio. No XX a igrexa padeceu algún incendio mais tamén varias restauracións que continuaron nos primeiros anos do século presente.

No hay comentarios: