Copio da Voz de Galicia, a triste nova do pasamento de Nóvoa. É un artista do que fixen varias entradas en INICIARTE e do que teño algún grabado. Foi sempre un home enteiro, artista apaixoado e figura non ben tratada na súa terra:
Leopoldo Nóvoa faleceu en París a tarde do pasado
xoves, segundo confirmou onte a súa familia, que explicou que
permanecía hospitalizado desde o fin de semana. O pintor, nacido en
Salcedo (Pontevedra) en 1919, realizara un intenso percorrido pola
pintura do século XX ata ser recoñecido como unha das grandes figuras
internacionais. O pintor será incinerado e as súas cinzas trasladaranse a
Galicia en maio.
Os últimos anos do artista demostraran o seu
carácter activo e, ata tras superar os noventa, seguiu realizando
exposicións e profundando nun particular xeito de traballar que levaba a
pintura cara á terceira dimensión.
Fillo de uruguaio, en 1938 instálase en Uruguai,
aínda que o carácter itinerante se volverá para Leopoldo Nóvoa case unha
constante. Nos anos cincuenta viaxa a Arxentina como primeira parte dun
periplo vital de artista que o levaría nos anos sesenta a fixar a súa
residencia en París. No Buenos Aires do medio século contactou con Luís
Seoane e no ambiente parisiense coincidiu con Julio Cortázar.
En 1979 arde o seu estudo parisiense. O lume
cómese toda a súa obra, pero lle deixa a cinza que se convertería nunha
das materias particulares do seu traballo nos anos posteriores.
Desde París regresou a Galicia e comezou unha
viaxe anual que dividía o tempo entre a capital francesa e o seu estudo
de Armenteira. Unha viaxe estacional sobre o que se foi perfilando unha
obra que non quixo entender de tamaños, nin de cambiar as formas en
función do espazo, e que o mesmo valía para pequenos gravados que para
grandes murais. Murais que lle supuxeron algún desgusto, como o proxecto
do que se encargou na coruñesa avenida de Arteixo e que foi cernado
para colocar un paso elevado de peóns. Nos últimos anos a súa actividade
en Galicia foi en aumento. As exposicións retrospectivas e as que
protagonizou en galerías privadas significaron un reencontro de Nóvoa co
público galego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario