14/12/11

Santuario da Virxe do Camiño (Muros, A Coruña)



Son varias as entradas realizadas en INICIARTE sobre a vila mariñeira de Muros: Colexiata de Santa María, Hórreos, ou de “atentados” ao patrimonio como o Pub The Theater, hórreos de Louro, ou o desaguadoiro da Praza das Peixería. Hoxe toca lembrar esta pequena e fermosa igrexa recentemente adecentada e que supón unha parada obrigada a calquera visitante desta vila declara Conxunto Histórico Artístico. A información procede do libro citado na bibliografía, agasallo de Raúl, o amigo atleta, tamén coñecido como O Comensal Austero, a quen vai dedicado este post. 


Situada na entrada da vila pola estrada de Noia e ao carón do mar, este pequeno templo foi iniciado no século XV tras a finalización das obra da Colexiata muradá. Probablemente fora mandada levantar polo bispo Lope de Mendoza na súa visita, realizada para a consagración da Colexiata, a Muros en 1445, sobre unha pequena igrexa románica. Mesmo cabe pensar que moitos canteiros que traballaran na parroquial recén rematada tamén o fixeran neste novo templo posto que as gravuras de canteiros coinciden varios casos. Igualmente débese salientar que a estrutura do Santuario é coincidente coa da Colexiata. 

O templo, coa lóxica orientación leste-oeste, é planta rectangular, dunha soa nave dividida en catro tramos con tres arcos apontados, apoiados sobre piastras e columnas adosadas aos muros. Carece de capelas laterais. A capela maior, de menor altura que a única nave, é de estrutura cadrada cuberta con bóveda de aresta. O altar, de 1660 e custeado por dous fregueses da vila, é de madeira policromada tendo no centro unha figura da Virxe en tránsito de alabastro policromado. Moi característico do interior do templo son os numerosos exvotos marianos e mariñeiros. 

No interior do templo destacan, tamén, dous pequenos altares, o da dereita é barroco con columnas salomónicas e coa imaxe da Virxe do Camiño, e o da esquerda, tamén co mesmo tipo de columnas, conta coa Virxe Dolorosa e un Cristo crucificado, con cruz recortada. O edificio conta cuberta interior de madeira a dúas augas; ten coro elevado sobre a entrada. Hai unha pía bautismal de mármore italiano depositada no templo como exvoto en 1557. 

Curiosamente, o templo ten engadido outra edificación na súa fachada occidental, trátase dun antigo hospital de leprosos ou lazareto. 

Un dos elementos máis chamativos da igrexa son os seus canzorros. Fronte á antiga Colexiata ou á capela do espírito Santo, estes elementos arquitectónicos son moi variados e contan, persoalmente, cun elevado interese. En conxunto, son máis de dúas ducias de pequenas obras escultóricas. A súa tipoloxía moi variada: corpos humanos, rostros, animais (incluídos os fantásticos), vexetais, xeométricos… Así podemos atopar: caras, caras barbadas, rostros deformados, cranios, escenas eróticas (nádegas…) pombas, dragóns entrelazados. Xa saberedes que son moitas as interpretacións destas obras pero a que máis me convence é aquela que afirma que son unha pequena representación do mundo terreal e dos seus símbolos, amosando tanto o ben como mal polo que o fiel debe entrar no templo para atopar a protección divina. 



 Bibliografía: Manuel Lago Álvarez. Santuario de la Virgen del Camino (Muros). Arte y tradición en el camino. 2010.

4 comentarios:

Fran dijo...

Moias grazas polo post! Pena de non acompañar cun par de fotos do interior. Vasme ter que levar contigo!
Parabéns

Antonio Martínez dijo...

A igrexa só abre nas "festas de gardar" polo que é bastante complicado acceder a ela.

Gonzo dijo...

Bo traballo, canto arte e historia por divulgar na nosa terra. Outro templo nun camiño ancestral cara o solpor, atrévome a pensar en voz alta que nese lugar realizábanse ritos que houbo que cristianizar, os nosos pagáns,logo continuarían ata a Laxe da Rodas, o Monte Naraio, Laxe das Cruces..., onde verían deitarse o Deus solar. Eu se fora eles, pola mañá; un baño na Praia de Lariño. Unha aperta e Bo Nadal.

Antonio Martínez dijo...

Gonzo, grazas polo comentario. Ben certo é que teño pendente facer máis entradas sobre os restos arqueolóxicos de Louro. E se me pertites engadir algo... Cova da bruxa: estación rupestre espectacular en Serres. Saúdos.