31/10/09

Inauguración da Exposición de Ruth M. Anderson

Onte contra a noitiña puden asistir á exposición de Ruth Matilda Anderson inaugurada na Fundación CaixaGalicia da man do seu comisario, o amigo Miguel Anxo Seixas. ESPECTACULAR.

O Xornal El País publicou onte a seguinte reportaxe de Xosé Manuel Pereiro:

A fins do século XIX, España era para o mundo civilizado un país aínda mergullado na lenda. Entre os moitos espíritos ávidos de romanticismo que atraeu estaba o rico herdeiro norteamericano Archer Milton Huntington, ata o punto que dedicou a súa fortuna á creación en Nova York en 1904 da Hispanic Society of America, un completísimo museo artístico e etnográfico e un ambicioso centro de estudios sobre a cultura española. Tan completo e ambicioso que, ademais de coleccionar obras de arte, impulsou expedicións fotográficas para recoller o cerne daquela paisaxe e daquela humanidade. Unha daquelas expedicionarias, Ruth Matilda Anderson (1893-1983), fixo dúas viaxes a Galicia entre 1924 e 1926, nos que tirou máis de sete mil imaxes e mercou arredor de 2.800 de varios fotógrafos galegos. Ruth Mathilda Anderson. Unha mirada de antano é unha selección daqueles fondos, realizada en colaboración pola Hispanic Society e a Fundación Caixa Galicia, que se expón desde onte e ata febreiro na sede coruñesa da institución. Son 493 fotos, o 80% delas inéditas, pero sobre todo é unha ollada perspicaz e apaixonada a un mundo que nin os propios galegos da época valoraban, e probablemente tampouco os de hoxe.

"Non piden ningunha remuneración, salvo o privilexio de mirarnos"

A fins do XIX, Galicia era directamente "terra incógnita", e non soamente para os estranxeiros. Os viaxeiros que percorrían a España misteriosa nin se achegaban, quitando excepcións como George Borrow, obrigado polo seu labor misioneiro. Foi precisamente un libro de Borrow o que fixo prender en Huntington o interese por España. O mozo multimillonario visitou en efecto o romántico sur da Península, pero tamén descubriu que o norte "ten unha riqueza de tradicións e de interese local insuperable mesmo no Sur. Cada rexión presenta un carácter nacional distinto e especial", comentou no seu caderno de viaxes A Note-Book in Northern Spain, no que definía Galicia como unha terra "de chuvia e néboa, onde o ambiente é exquisito e os hoteis coñecidos polo malos que son, habitada pola máis ruda raza e a máis pobre, os restos dun dos Apóstolos e o peor dos gobernos", segundo transcribe José Luis Cabo no estudio O proxecto galego de Ruth Matilda Anderson que fixo no seu día para o CGAI.

Para documentar aquela terra húmida de bo ambiente, malos hoteis e peores gobernos, a Hispanic Society contratou a Ruth Mathilda Anderson. Era unha moza de Nebraska que estudara fotografía na prestixiosa escola de Clarence H. White, pero non tiña experiencia profesional ningunha. Quizais por iso, cando desembarcou en Vigo o 7 de agosto de 1924 acompañábaa seu pai, fotógrafo veterano. Segundo Cabo, o Vigo daquela, inzado de orgullosos edificios urbanos non lle interesou. "En tódolos seus itinerarios, Ruth buscou sempre un país incontaminado, seguindo en certa forma un criterio folclorista e impresionista, escapando coa súa cámara dos escenarios comúns ó resto das cidades occidentais. A diferenza, é dicir, a personalidade, do pobo galego atopouna nas xentes do campo e do mar e nos oficios urbanos artesanais ou de menor categoría, moi na liña dos fotógrafos contemporáneos norteamericanos e coincidente co obxectivo definido pola Hispanic Society: a plasmación do que había de xenuíno e verdadeiro no pobo e nas terras de Galicia".

Filla e pai percorreron Galicia toda durante un ano xusto. Segundo analiza o historiador Ramón Villares no catálogo da exposición, "a Galicia á que chegaban os Anderson non cumpría exactamente as súas expectativas, pero isto non quita un adarme de grandeza ao seu traballo, a idea máis cabal que nos podemos facer hoxe da sociedade da Galicia dos anos vinte é a dun pobo que se atopaba nun proceso de transformación. Isto significa que había síntomas de cambio e de adaptación ás grandes pautas da modernidade". Calquera dificultade que imaxinemos sobre as andanzas de dous norteamericanos na Galicia dos anos 20, da comida ao transporte pasando polo idioma, debe ser pouca en comparación coa realidade, sobre todo tendo en conta que, aínda por riba, os Anderson procuraban o país menos modernizado. Por exemplo, conta no catálogo Patrick Lenaghan, da Hispanic Society of America, comisario da exposición xunto con Miguel Anxo Seixas Seoane, no Pindo chegaron de noite a unha fonda que cheiraba grandemente a peixe. Pola mañá descubriron que ademais de pensión era unha conserveira. "Aproveitando as circunstancias, fixéronlle cinco fotografías. Mais as súas tribulacións no lugar persistiron. Tiveron que pedir a factura tres veces e, cando por fin llela entregaron, non tiña sentido ningún". En cada sitio que chegaban eran, obviamente, a atracción da xente, que describían como asombrosamente disposta. "Como non piden remuneración ningunha polos seus servizos, salvo o privilexio de mirarnos, podémonos permitir perfectamente a súa colaboración", escribía a fotógrafa.

Ruth Anderson era unha muller curiosa e perfeccionista no seu traballo, ata o punto de que, recordaba Cabo, "nunha fotografía en Corcubión do xogo da chave transcribiu mesmo parte das regras: 'Cuando se toca a la cruz, cuenta 8. La peja (sic) que está más cerca a la raya vale un tanto; la que toque a la raya en la tierra vale dos tantos". E na foto dun xantar no Hotel Comercio de Betanzos especifica que o que comen é caldo. Máis lle valía esa meticulosidade, porque o xefe, míster Huntington, guiábaa Atlántico por medio. Desde pedirlle imaxes "dunha pratería situada ao abeiro dun lateral da porta de Praterías, que paga a pena fotografar", a cousas xenéricas "como o calzado de madeira que se usaba cando ía mal tempo", indica Lenaghan. Tamén lle pedía aclaracións sobre termos idiomáticos que non lle soaban, como "ostritas" ou "longeirones". A xa fogueada fotógrafa abandonou Galicia o 25 de agosto de 1925 e volveu o 14 de novembro, acompañada dunha axudante, Frances Spalding, e equipadas desta vez dun coche (un vehículo feito coa carrozaría dun Fiat, a batería dun Chevrolet e o chasis dun Ford, ao que chamaban Nuestra Señora de la Purísima Concepción, describe o comisario neoiorquino). Estiveron ata o 31 de maio do ano seguinte fotografando o que lles quedara pendente na Coruña e Pontevedra, antes de seguir ata Ourense e de aí a León. Volvería a España, pero non a Galicia.

"En ningún outro caso máis ca o de Galicia o material é tan rico. As sacadas en Galicia teñen unha aparencia romántica precisamente debido a unha habilidade case disimulada, a cal lle permitiu rexistrar eses lugares, antano centros de poder e hoxe sombras do que unha vez foran. Para un espectador actual, que pode observar as construcións logo de custosas rehabilitacións, as imaxes aínda teñen máis encanto", asegura Patrick Lenaghan. O medio milleiro de fotos que el e Seixas seleccionaron móstranse agrupadas en cinco apartados: relixión, campo, feiras e mercados, traballos e oficios, e gando.

Ata a mostra que se pode ver na Coruña, o único que se coñecía dos milleiros de fotos que garda a Hispanic Society, moitas nin sequera reveladas, eran as 700 incluídas no libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, publicado pola sociedade norteamericana en 1939. Aquel inmenso labor de documentación pouca influencia tivo na sociedade galega, e mesmo na fotografía galega, quitada o anecdótico retrato que Ruth Anderson fixera en Muxía a un adolescente afeccionado á fotografía, que era -pero sobre todo sería- Ramón Caamaño Bentín, falecido hai poucos anos despois de toda unha vida coa cámara. "O fundamental ensaio de Ruth M. Anderson non tivo na práctica trascendencia algunha en Galicia, tanto pola coincidencia da súa data de publicación co último ano da Guerra Civil como polo forzado illamento cultural posterior. Só algúns eruditos, como Luís Seoane deron mostras de coñecer o seu traballo", analizou Cabo. Tamén Archer Milton Huntington é hoxe en Galicia pouco máis ca rúa que o concello coruñés lle dedicou en 1958 no daquela afastado barrio de Labañou.

Fotos vía El País.

A hemeroteca da semana


Sábado, 31-X-09:
Moitas exposicións sobre o barroco.
A emoción na arte barroca.
A armada artística española.
Exposición da nova arte británica.
Novo recorrido pola Barcelona romana.
Exposición fotográfica sobre o rock.
Novo autorretrato de Caravaggio.
Ilustración via o ABC.

Venres, 30-X-09:
Todos con Saura "contra" Picasso.
Videoarte na illa Tiberina.
Nova York autoriza a construción do novo MoMA de J. Nouvel.

Xoves, 29-X-09:
Arte español en venda en Nova York.
Nova feira de arte en Madrid.
Exposición de R. M. Anderson na Coruña.
Entrevista con exiptóloga.

Mércores, 28-X-09:
Medalla das Artes a Isaac Díaz Pardo.
Os museos tiran de "fondo de armario".
Exposición sobre a lírica de Afonso X O Sabio.
Arquitectura sostible en Andalucía.
Opinión do público sobre a exposición do erotismo do Thyssen.

Martes, 27-X-09:
Un "Dalí" case nunca visto.
Presentado o "Outono fotográfico".
O Prado para as crianzas.

Luns, 26-X-09:
O Guggenheim desterra os proxectos de Brasil e México e céntrase no de Abu Dabi.
O Reina Sofía e os Encontros de Pamplona.
Gómez-Pintado ilustra a Alicia no país das marabillas.
Ilustración de Gómez-Pintado vía El Mundo.

Domingo, 25-X-09:
Yves Klein , o artista azul.
Un mural en Chile de Ágatha Ruiz de la Prada.

30/10/09

Sicilia (V). Agrigento e o Val dos Templos (IV). O Templo da Concordia


Templo dórico de seis por trece columnas, medindo no estilobato 16,9 metros por 39,4 metros. Foi construído entre os anos 440 e 430 a.C.

Xunto co templo de Heraion de Paestum e ao Theseion de Atenas, o Templo da Concordia é un dos templos gregos mellor conservados, en boa medida debido ao seu uso continuado ao longo dos tempos xa que foi transformado en basílica cristiá dos santos Pedro e Paulo no ano 597 por obra dun bispo chamado Gregorio. O costume de converter templos pagás en igrexas deriva dunha disposición do edito de Teodosio no ano 435.


Precisamente pola adaptación ao cristianismo, este templo grego padeceu serias modificacións internas tales como sepulturas no chan, cortes nas columnas e unha ducia de arcos de medio punto realizados nas paredes da celda que son perfectamente visibles desde o exterior da edificación. Ademais case todos os intercolumnios foron empedrados para que a comunidade de fieis cristiáns pondera ter un lugar acolledor para o culto. Cabe lembrar, agora, que nos templos gregos os fieis non tiñan cabida no seu interior. Ademais destas “reformas” cristiás tamén hai que subliñar que en 1788 o príncipe de Torremuzza ordenou a súa recuperación.

É, sen dúbida, o templo máis espectacular de Agrigento, cando, ademais, o seu perfil destaca en moitos quilometros ao seu redor.



Bibliografía: El Valle de los Templos de Agrigento. Arcadia

Un pequeno vídeo feito "na casa":

28/10/09

Exposición de Ruth M. Anderson na Coruña

Nova de La Voz de Galicia. A exposición está comisariada polo bo amigo Miguel Anxo Seixas:

A Fundación Caixa Galicia da Coruña acolle a partir do venres a exposición "Ruth Mathilda Anderson".

Unha mirada de antano», que se compón de 439 imaxes -a gran maioría inéditas- tomadas pola fotógrafa da Hispanic Society en Galicia entre os anos 1924 e 1926.

Esta mostra, que permanecerá na cidade ata o próximo 28 de febreiro, é «o conxunto máis notable» dunha fotógrafa estranxeira en Galicia, indicou en rolda de prensa a directora da Fundación, Teresa Porto, e constitúe un estudo «metódico e analítico» da sociedade galega de principios do século XX.

Trátase dun proxecto que, segundo explicou Porto, arrincou en 2005 -mesmo ano en que comezou a colaboración entre ambas as entidades- e que, logo de visitar Lugo e agora A Coruña, percorrerá todas as cidades galegas, aínda que apuntou que na sede coruñesa da Fundación Caixa Galicia será onde se poida ver a mostra máis ampla.

A exposición está comisariada por Patrick Lenagham e por Migel Anxo Seixas, este último presente no acto desta mañá e que resaltou a «auténtica odisea» que realizou a «galaicista» Ruth Mathilda Anderson, que, coa súa máis de 5.000 negativos, «colleu case de todo».

Para Seixas, as imaxes que se expoñen na Coruña constitúen «un conto de amor dunha namorada con Galicia que nos mirou cunha dignidade e unha fermosura» que, segundo el, as súas imaxes «ben merecían un pé de Castelao».

Sicilia (IV). O Val dos Templos (III): O Templo de Hércules


Obra do período arcaico que data das últimas décadas do século VI a.C. e o seu arcaísmo queda reflectido por varias características arquitectónicas. En primeiro lugar polas proporcións xa que o templo non tiña as trece columnas a cada lado como os templos da época clásica, senón quince e dado que as columnas das frontes son seis, a relación entre a anchura e a lonxitude está desequilibrada a favor da lonxitude.

Hoxe podemos contemplar oito columnas do lado meridional que foran reconstruídas entre os anos 1924 e 1931 segundo as indicacións do capitán británico Alexander Handcastle, mecenas que viviu e traballo nesa época en Agrigento. Nunca dela aínda se conserva algo do estuco branco que revestía todo o edificio.


Outra testemuña do arcaísmo do templo son o excesivo grosor dos fustes, a particular feitura dos capiteis, demasiado achaflanados ou aplastados e a insólita anchura dos corredores internos (en grego pterómata)


Era un templo que tiña máis de 67 metros de longo por 25 de ancho e cunha altura das columnas de máis de dez metros.

A pesar de que algúns arqueólogos designan a este templo como de Apolo, a maior parte dos especialistas continúan chamándoo de Hércules. Este heroe mitolóxico tivo en Sicilia unhas características particulares debido á asimilación dalgunhas divindades locais relacionadas coa terra.. Hai especialistas que o estudan coma unha divindade de orixe prehistórica relacionada co ciclo do nacemento, o crecemento e a morte. Na illa, o semideus adquiriu características ctonias, é dicir, vencelladas á dimensión subterránea por ser portador da fertilidade. Como Hércules era un heroe e deus ao mesmo tempo, os sacrificios que se lle adicaban podían ser tanto ctonios como olímpicos.


Mais, sen dúbida, o que moi salientable deste templo é a posibilidade existente de camiñar sobre as súas ruínas. Hoxe, ao tempo que me parece unha oportunidade marabillosa tamén me parece unha barbaridade arqueolóxica. Deste xeito podemos apreciar de preto o tamaño dos tambores, capiteis, cimentos, muros…


Bibliografía: El Valle de los Templos de Agrigento. Arcadia



26/10/09

Sicilia (III). O Val dos Templos (II): O Templo de Xúpiter Olímpico


A construción do edificio dedicado a Zeus (nome grego de Xúpiter) iniciouse no ano 480 a.C. aproximadamente, e foi posible grazas ao enorme botín obtido coa vitoria da batalla de Himera. As obras detivéronse no 406 a.C., cunado os cartagineses destruíron a cidade. Talvez foi danado durante o saqueo. Non se sabe se foi restaurado na época romana, pois o historiador Diodoro Siculo quéixase do estado de abandono do templo xa no século I a.C. Probablemente nunca foi rematado.

É un templo inmenso, case xigantesco posto que ten unhas medias de 112,5 metros de longo por 56 metros de ancho, tan só superado polo templo de Artemisa de Éfeso. Pénsase que a súa altura era semellante a dun edificio de 10 andares. O capitel que se atopa entre as ruínas, comparado cos do templo de Hércules, pode dar idea da grandiosidade da singular estrutura.

A peristase ou columnata estaba sustituída por un muro, con columnas adosadas no exterior que se correspondían, no interior, con grandes piares (pseudoperistase). As psudoculumnas, 7 nas frontes e 14 nos laterais, medían aproximadamente 18,20 metros e 4,2 de diámetro e non estaban compostas por tambores, coma neutros templos dóricos, senón por pequenos perpiaños de toba dispostos en abano.

É singular a presenza dun número impar de columnas nos lados curtos xa que impedían o acceso central.

A teitume probablemente só cubriría os corredores perimétricos, deixando ao descuberto a naos.

Pero o que facía absolutamente orixinal o edificio era a presenza duns colosais xigantes de pedra, os Telemóns. Estas formidables 38 estatuas de case 8 metros de altura cumprían unha función estética e probablemente tamén estrutural. A falta de descricións polo miúdo da súa posición no templo, así como os innumerables e prolongados expolios padecidos na zona durante moitos séculos (o templo serviu como canteira no século XVIII para a construción do próximo peirao de Porto Empédocle), impiden a reconstrución precisa do aspecto do monumento. Probablemente estiveran adosados aos muros laterais soportando o arquitrabe pero como tan só medían uns cinco metros non podían asentarse sobre o estilobato. Estes Telemóns representan a Atlante ou Telemón, condenado por Zeus a soportar o peso da bóveda celeste sobre os seus ombros por terse rebelado contra a orde olímpico.

Cerca da fachada occidental pódense ver os restos do altar monumental (54,50 x 17,50) destinado aos ritos sacrificiais con gran número de vítimas (hecatombe)

En torno ao templo, unha interesante zona de escavacións que colle a área do ágora inferior e do ximnasio. A zona ao oeste do templo está ocupada polo santuario das divindades ctonias, con algúns pequenos templos non monumentais e os restos do templo dos Dióscuros.

Bibliografía: El Valle de los Templos de Agrigento. Arcadia





25/10/09

Sicilia (II): Agrigento e o Val dos Templos (I)


Baixo a cidade de Agrigento atópase o xacemento arqueolóxico máis sobranceiro de Sicilia, o Valle dei templi ou o Val dos Templos, parte da antiga Akragas. No seu día segundo Píndaro, “a máis fermosa das cidades mortais”. Hoxe en día este conxunto arqueolóxico foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e probablemente sexa o mellor xacemento clásico fóra de territorio heleno.


Esta cidade, a Akragas tiña sona, segundo o mesmo Píndaro, de “construír para a eternidade pero de vivir como se non houbera mañá”.


Foi fundada no 580 a.C., cegando a ter unha poboación de case 200.000 persoas (na actualidade non chegan a 60.000), sendo moi florecente no século V a.C., ata que foi atacada e practicamente derruída polos cartaxineses no 406 a.C. Posteriormente tivo outra época de esplendor coa conquista romana no século II a.C. Con posteriores invasións de bizantinos e a presenza dos cristiáns que arrasaron cos templos, a partir no VII case nada quedaban da urbe.


A antiga Akragas tiña catro vías principais e aínda se conservan restos, ademais dos templos, de casas, tendas, obradoiros e decoracións musiviarias pavimentais e mesmo pinturas. Tamén pódense apreciar restos de infraestruturas da cloacas e obras hidráulicas. Da antiga estrutura primitiva destacan tres mazás de vivendas e algunhas casas como a casa de Afrodita, a do Mosaico de rombos, a do Peristilo (típico exemplo de luxosa morada con instalacións termais), a da Gacela ou a do Pórtico.

24/10/09

Matrix en C.S.I. Os dous minutos máis caros da TV

Os dous minutos máis caros e lentos da historia da televisión. Matrix en CSI. Que vos parece?



Vía Spinoff.

A arquitectura busca novas saídas


O xornal El País publica hoxe no seu suplemento Babelia unha interesante reportaxe de Anatxu Zabalbeascoa sobre as novas formulacióon que a a rquitectura debeía ter en conta nestes tempos de crise.

Arquitectos como Norman Foster e Richard Rogers aseguran que a crise é a materia prima da súa disciplina. Os creadores deste século XXI marcado pola recesión buscan novas ideas e territorios para debuxar o mapa arquitectónico do futuro.

"A arquitectura é unha carreira de obstáculos na que hai que saltar por encima da normativa, o orzamento, o cliente e a dura realidade da obra: do formigón á conxuntura económica". Boa parte dos proxectistas do planeta subscribirían as palabras do seu arquitecto máis global, Norman Foster. Con todo, no último lustro, o mundo aumentou un 50% o seu ritmo de edificación. E ese ritmo nunca visto desvanécese dramaticamente nalgúns países. En España, o Consello Superior de Arquitectos fala dun descenso dos visados privados do 71% e, a pesar do Plan E con que o Goberno tratou de reactivar a construción, o Ministerio de Fomento cifra a redución da obra pública nun 30%. Tras o peche de 40.000 axencias inmobiliarias, a metade das que había en España, comezou o das oficinas bancarias (fundamentalmente moitas de Málaga e Almería) que tiñan a súa razón de ser no aumento das hipotecas polas segundas vivendas.

Aínda que a relación entre edificación e arquitectura sexa a mesma que a que se dá entre a escritura e a literatura, o certo é que os edificios, bos e malos, consomen xa un 50% da enerxía coa que funciona o mundo. Ese é un dos puntos cos que se topou a crise. Existe por fin o propósito de que iso debe cambiar. E está empezando a facelo. Non foi a crise económica a que o destapou, pero si serviu para recoñecer un aperto anterior: o enerxético. Cun progresivo cambio de mentalidade, a desaceleración do ritmo construtivo e a aplicación de novas normas e rompedoras técnicas ese camiño estase abrindo paso. Pero cambiará o aforro enerxético a forma dos edificios e as cidades?

A normalización da sustentabilidade.
Aínda que a porta que se abre á sustentabilidade parece un camiño sen volta atrás, hai quen sostén que os mellores edificios da historia -"pensemos na Alhambra", propón Emilio Tuñón e Luís M. Mansilla- sempre foron sostibles. Sen necesidade de etiquetarse como talles. Pero son moitos os arquitectos que recoñecen un aumento no aforro enerxético dos seus últimos proxectos. Iso foi posible, en parte, grazas a cuestións non directamente arquitectónicas como a toma de conciencia dos clientes. Á cabeza dese grupo, o italiano Renzo Piano demostrou que se pode facer gran arquitectura gastando menos enerxía. E rompeu o mito que facía incompatible o rigor arquitectónico co rigor ambiental. A súa fundación Paul Klee, nos arredores de Berna, funciona cun 50% menos de enerxía que un edificio seu de usos similares, a Menil Collection, levantado en Houston hai 23 anos.

Ilustración: Edificio de Alejandro Zaera no Campus da Xustiza de Madrid. Artigo completo en Babelia.

A hemeroteca da semana

Sábado, 24-X-09:
A arquitectura busca novas saídas.
Novas formulacións en arquitectura.
Presentación do novo director do CGAC.
Exposición no espazo INICIARTE de Sevilla.
A biblia en linguaxe do cómic undergroud.
Norman Foster: "As catedrais crearon a súa propia tecnoloxía.
FMR deixará de editarse en papel no 2010.
Nova edición de Art Futura.
Ilustración "Brazo robótico" (1993) vía El País.

Venres, 23-X-09:

As mellores fotos da vida salvaxe do ano.
Exposición da obra fotográfica de Carlos Saura.
Maratón artístico entre Portugal e España.
Ampliación do Museo Sorolla.

Xoves, 22-X-09:
O Guggenheim de N.Y. celebra os 50 aniversario.
As Meninas de M. Valdés de novo na rúa.
"A festa da liberdade" no Muro de Berlín.

Mércores, 21-X-09:
O constructivismo de Rodchenko e Popova deslumbra no Reina Sofía.
Rodchenko fotógrafo ou a revolución no ollo.
Celebración dos 150 anos do Plan Cerdá.
O Macba réndese a John Cage.
Cuarentena no Musac.
Sae á poxa unha obra de Rafael.
Fotografías do Camiño de Santiago.
Novo achádego arqueolóxico no Perú.
Ilustración de Bcn vía La Vanguardia.

Martes, 20-X-09:
Inaugurada "As bágoas de Eros" no Thyssen.
Murillo antes de Murillo: a exposición.
Exipto continúa reclamando a Nefertiti.
Premios británicos de arquitectura.
"La Pedrera" expón a Maillol.

Luns, 19-X-09:
Exipto pide o regreso de Nefertiti.
A vivenda Casa 100K.
Irán reclama a Londres o Cilindro de Ciro.

Domingo, 18-X-09:
Morreu o fotógrafo Koldo Chamorro.
Un incendio destrúe a obra de Hélio Oiticica.
Xacemento arqueolóxico en Nova York.
Na busca do "leonardo" perdido".
Ilustración: Vista de La batalla de Scannagallo, de Vasari, en el Palazzo Vecchio de Florencia, vía El País.

22/10/09

Exposición no Thyssen: As bágoas de Eros

Ábrese ao público no Museo Thyssen a exposición 'As bágoas de Eros', un percorrido pola historia do erotismo da man da arte.

A historia do erotismo é a historia da humanidade e, xa que logo, é tamén a historia da Arte. Esta é a tese que se conta en Bágoas de Eros, a exposición que se abre ao público na Fundación Thyssen e en Caixa Madrid e que, con toda seguridade, será a exposición da tempada. Con 119 obras procedentes de museos e coleccións privadas de todo o mundo, Guillermo Solana, conservador xefe do Thyssen, comisariou unha exposición tan orixinal como arriscada. Construída sobre a base dos grandes mitos da Antigüidade, a exposición fala de todas as orientacións posibles do desexo: heterosexualidad, homosexualidade masculina e feminina, voyerismo, exhibicionismo, sadomasoquismo, decapitación e suicidio. Beleza e pracer, morte e orgasmo danse a man é esta peculiar mostra na que a escultura e pintura clásica se intercalan coa fotografía e o vídeo. Caravaggio, Rousseau, Cezanne Picasso, Dalí, Oscar Domínguez, Antonio Saura, Rodin, Courbet, Edvard Munch, Man Ray, Louise Bourgeois,Warhol, Maplethorpe, Bill Viola e Sam Taylor-Wood son algúns dos artistas representados.

Guillermo Solana, responsable artístico do Thyssen desde hai catro anos, confesou que a idea de montar esta exposición veulle á cabeza fai ano e medio. "Estaba nun momento moi baixo. Os proxectos parecían tocar teito e as expectativas non eran as mellores posibles. Vivía un momento de algo parecido á depresión. Se seguía, tiña que cambiar o rumbo do museo e conseguir que, de verdade, viñesen a estas salas toda clase de persoas. Souben que tiña que atopar unha fórmula con máis compromiso, máis audacia e máis valor da que ata entón utilizaramos O erotismo está en todas as nosas relacións e é a mellor forma de chegar a todo o mundo."

O andamiaxe da exposición levántase sobre mitos tan reconocibles como Eva, as sirenas, Endimión, San Sebastián....Todas as salas mesturan obras de mestres do pasado con artistas contemporáneos.

No espazo do Museo Thyssen, a exposición ábrese con Venus, a deusa da beleza e segue Eva e a serpe, Esfinxes e sereas, As tentacións de San Antonio, O martirio de San Sebastián, Andrómeda encadeada e o Bico. En Caixa Madrid as salas recrean os mitos de Apolo e Xacinto, Cleopatra ou a agonía voluptuosa, Magdalena penitente, cazadores de cabezas e, a sala estrela da exposición: O soño de Endimión. Aquí está David Beckham durmindo, o vídeo de 20 minutos de duración realizado por Sam Taylor-Wood. Como o novo pastor Endimión, o belo futbolista aparece entregado a un soño eterno. Co torso espido, véselle nun profundo descanso. Ás veces acomoda a súa cabeza sobre a almofada ou despraza o seu tatuado brazo sobre a cabeza. Iso é todo. Pero se na presentación á prensa xa foi a peza máis contemplada, cabe supor que vai ser a obra máis popular desta peculiar exposición.

O seu único posible rival de fama van ser os preservativos fabricados expresamente para o merchandaising da mostra. A caixa, con tres unidades, reproduce o cadro Eva e a serpe de Jan Gossaert e véndese por 3'5 euros.

Visitade o especial de El País.

Texto e ilustracións vía El País. Album fotográfico vía El Mundo.

21/10/09

Sicilia (I): O teatro grego de Taormina



Na zona leste de Sicilia, destaca, para os amantes da arquitectura e da arte en xeral, a vila de Taormina: fermosa e altiva. Ademais das súas rúas, prazas, terrazas, igrexas, vivendas, hai que subliñar a importancia do seu teatro grego que, se ben non é o maior da illa xa que para iso xa está o de Siracusa a pesar do diámetro de 109 metros da cávea e dos 35 metros de sección da orquestra, si é polo seu emprazamento o máis espectacular.


Foi edificado polos habitantes da colonia grega de Tautomention, a máis de 200 metros metros de altitude, no século IV a.C., aínda que hai quen pensa que en realidade foi no III a.C. Como era costume no mundo dos helenos, as súas gradas foron levantadas aproveitando a ladeira do monte Tauro, de xeito tal que os espectadores tiñan uns extraordinarias vistas sobre o volcán Etna, sobre o azul Mar Xónico e sobre as montañas do Aspromonte. É tal o impacto que a súa ubicación causa e ten causado que o mesmo Goethe escribiu en 1787 “Nunca unha audiencia en ningún teatro tivo ante si semellante espectáculo”, ou o cardeal J. henry Newman en 1833 “a vía máis próxima á contemplación do Edén”.


A pesar da súa orixe grega, os restos que hoxe podemos gozar teñen máis de romanos que de helénicos. Así nos século I e II, cando Sicilia xa formaba parte do Imperio, foi modificado en toda a súa estrutura: nos accesos, coas impoñentes bóvedas, no escenario (xorden os ladrillos), no vomitorios e nas zonas máis elevadas da cávea (presenza de bóvedas que permitían gañar altura), ademais alterouse a cávea para permitir os espectáculos con gladiadores, as batallas navais ou naumachie, os espectáculos de caza, venationes. Tamén coa reforma romana, foron construídos pórticos para rematar a cávea.


A parte traseira do teatro, a que mira á cidade, tiña un aspecto monumental e estivo decorado con frisos, frescos e esculturas. Tamén detrás da escena había un pórtico con columnata nos que se reunían os espectadores.


Na época imperial a cávea daba cabida a máis de 5.000 espectadores.


Ao igual que outros importantes monumentos, o Teatro de Taormina, foi espoliado como canteira durante moitos anos, mesmo parece que as columnas da catedral proceden da escena do teatro. Sen dúbida unha das maiores atraccións turísticas de Sicilia.





E para rematar, dous pequenos vídeos caseiros:





Esta entrada vai dedicada a Isabel, compañeira de viaxe.

20/10/09

Sen comentarios (XI)


Fotografía de Xoán Piñón. Praza de Pontevedra. A Coruña, 1981

Máis información sobre a fotografía e procedencia da mesma, vía Vieiros.

19/10/09

Queremos galego e a CRTVG


O domingo 18 de outubro entre 50.000 (cifra dada pola Policía Local de Compostela) e 100.000 (cifra dada pola organización) galegas e galegos, de diferentes adscricións ideolóxicas, estratos sociolóxicos, e usos da lingua, nos manifestamos na defensa do noso idioma fronte o reiterado ataque que está a sufrir por parte do goberno da Xunta de Galiza presidido por Alberto Núñez Feijóo (PP), convocadas e convocados pola Plataforma Cidadá Queremos Galego integrada por unha diversidade plural de centos de colectivos e persoas.

Os medios de comunicación públicos do noso país (a Radio Galega e maila Televisión de Galicia) non ofreceron unha información veraz que se axustase á realidade do verdadeiro impacto que tivo a mobilización, que contou cun resultado histórico en participación. Nese senso é preciso denunciar a obscena manipulación que por parte dos Servizos Informativos da TVG se quería levar a cabo, pretendendo iniciar unha conexión en directo coa manifestación, no momento xusto en que a primeira lectura do manifesto rematara, e as xentes que ateigaban a Praza da Quintana ían abandonándoa paulatinamente para permitir a entrada dos milleiros de persoas que inda non puideran entrar, e que agardaban nas Praza das Praterías e os seus arredores, e que finalmente encheron por segunda vez a Quintana. É evidente que a distorsión informativa tiña a intencionalidade de ofrecer unha imaxe minorizada dunha mobilización masiva, nun intento claro de manipulación que os milleiros de persoas presentes contestaron berrando, durante preto de dez minutos e con notábel indignación, a consigna "Televisión, manipulación", o que provocou que o equipo da TVG abandonase a praza.

Fronte a esa situación é preciso denunciar e difundir publicamente o acontecido, ao tempo que esixir que os medios de comunicación que pagamos todas e todos os galegos, deixen de ser un instrumento para a deformación interesada, cando non para a propaganda, en beneficio do Partido Popular no goberno do país.

Texto de Xabier Pérez e foto A nosa terra.

Exposición no Pazo Estrozzi: trampantollos

Florencia invita ao espectador a emprender unha viaxe desde a Fondazione Palazzo Strozzi (fantástica páxina web) entre a ilusión e a realidade da man de artistas como Tiziano,Tintoretto ou Velázquez. O xogo da simulación e do engano, a técnica pictórica coñecida como trampantollo, é o eixo central da exposición 'Inganni ad arte. Meraviglie do trompe l'oeil dall'antichità ao contemporraneo', un reto para os sentidos.


'Escapando da crítica', de Pere Borrel del Caso (Puigcerdà 1835 - Barcelona 1910)

'Lo strappo', de Henri Cadiou, obra de 1981.


'Scarabattolo', obra do artista Domenico Remps (1621-1699)



'Déjà vu (The stock market)" (1937), de Otis Kaye

Ilustración, texto e máis fotos en El Mundo.

16/10/09

Nefertiti regresou ao Neues Museum de Berlín


O busto máis cobizado do mundo regresou así ao seu lugar na Illa dos Museos.

Nefertiti recuperou hoxe a súa posición de raíña absoluta de Berlín no Neues Museum, o seu primeiro emprazamento tras ser descuberta por arqueólogos alemáns en 1912, destruído polos bombardeos da II Guerra Mundial e recuperado agora tras unha custosa rehabilitación.
O busto máis cobizado do mundo regresou así ao seu lugar na Illa dos Museos, o primeiro desde onde fascinou ao mundo, logo dunha longa peregrinaxe por domicilios provisionais.
A Raíña do Nilo, duns 3.500 anos de antigüidade, superou a súa re-estrea, de novo sepultada por centos de flashes de cámaras e equipos de televisión de todo o mundo, á espera de que mañá a chanceler Angela Merkel inaugure oficialmente o recuperado Neues Museum.
O camiño de Merkel ata o museo será menos longo que o percorrido que fixo o busto desde Exipto a Europa, primeiro, e por distintos emprazamentos en Alemaña, despois.
A chanceler e o seu esposo, o catedrático Joachim Sauer, viven enfronte do museo de Pérgamo, tamén na Illa.
Nefertiti e a estatua do seu esposo, o faraón Akenaton, serán agora os seus veciños, xunto co total de 35.000 pezas e 60.000 papiros que forman a colección do Museo Exipcio, repartidos entre as salas de exhibición e depósitos do Neues Museum.
á raíña reservóuselle un espazo de honra, baixo a cúpula do á norte do museo, que si sobreviviu aos bombardeos. Nas restantes tres plantas distribuiranse as outras pezas, incluído Akenaton, envolvido entre sarcófagos, relevos, xoias e papiros.
A recuperación do edificio, arrasado polos bombardeos sobre o Berlín do Terceiro Reich entre 1943 e 1945, custou 200 millóns de euros.
O encargo recaeu no arquitecto británico David Chipperfield, quen optou por deixar ao aire os estragos do tempo e non maquillar sequera os balazos que quedaron na súa superficie.
Polas mesmas razoes que a ningún restaurador ocorréuselle «recompor» o ollo esquerdo de Nefertiti, a Chipperfield non lle pareceu oportuno levar a cabo unha reconstrución pedra a pedra.
O que se comeron as bombas foi substituído por novos materiais -pedra natural, formigón e finas madeiras escandinavas-, ensamblado coas ruínas e partes orixinais que si sobreviviron.
Da escalinata construída en 1843 por Friedrich-August Stüler, flanqueada por frescos de Wilhelm von Kaulbach, non quedou nada en pé e no seu lugar Chipperfield deseñou unha impoñente réplica en pedra branca espida, sen sombra de clasicismo.
Para os adoradores das reconstrucións fieis será unha perversión, pero desde que o museo reabriu as súas portas seis meses atrás, coas salas baleiras, a creativa homenaxe á ruína e a cicatriz de Chipperfield gañouse o eloxio xeral.
Ao pre-estrea do edificio seguiron meses de acondicionamento interior e fai unha semana produciuse o último proceso de embalaxe de Nefertiti, entre grandes medidas de seguridade, ao que seguiron varios días de aclimatación ata a súa presentación.
Coa súa inauguración péchase a recuperación da Illa dos Museos, que agrupa o Pérgamo, o Neues, o Altes, o Bode e a Alte Nationalgalerie e que custou 1.000 millóns de euros.
Espérase que conclúa aquí a longa peregrinaxe da Raíña do Nilo, á que as autoridades exipcias reclaman aínda como propia por considerar que foi sacada ilegalmente do país.
Nefertiti pasou sepultada e sen sobresaltos 3.400 anos no Val de Amarna, ata que foi descuberta polo arqueólogo Ludwig Borchardt en 1912.
Primeiro foi presentada no Neues Museum, onde encandeou xa ao Kaiser Guillermo II, que levou consigo unha réplica ao seu exilio holandés, en 1918.
Tamén cativou a Adolf Hitler, que ademais de negarse a restituíla a Exipto fixo que lla ocultase nunha mina de Turingia mentres ordenaba á poboación de Berlín resistir ata a última pinga do seu sangue baixo os bombardeos.
De Turingia rescatárona as tropas estadounidenses e durante décadas foi exhibida no sector americano do Berlín dividido polo Muro. Primeiro, nos arredores da cidade e a partir de 1967, no Museo Exipcio do barrio de Charlottenburg.
Tras a reunificación viñeron unha infinidade de novas mudanzas en varios domicilios provisionais: primeiro foi colocada no Kulturforum, entre os neones dun moderno complexo museístico, e logo no Altes Museum, xa na súa Illa, mentres Chipperfield acondicionáballe un museo á altura.
O Neues Museum reaparece agora como un belo tributo aos estragos do tempo.
E Nefertiti segue co seu inquebrantable poder hipnótico, dá igual en cantos museos e vitrinas véxalla con anterioridade.

Texto e foto vía La Voz de Galicia.