25/10/09

Sicilia (II): Agrigento e o Val dos Templos (I)


Baixo a cidade de Agrigento atópase o xacemento arqueolóxico máis sobranceiro de Sicilia, o Valle dei templi ou o Val dos Templos, parte da antiga Akragas. No seu día segundo Píndaro, “a máis fermosa das cidades mortais”. Hoxe en día este conxunto arqueolóxico foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e probablemente sexa o mellor xacemento clásico fóra de territorio heleno.


Esta cidade, a Akragas tiña sona, segundo o mesmo Píndaro, de “construír para a eternidade pero de vivir como se non houbera mañá”.


Foi fundada no 580 a.C., cegando a ter unha poboación de case 200.000 persoas (na actualidade non chegan a 60.000), sendo moi florecente no século V a.C., ata que foi atacada e practicamente derruída polos cartaxineses no 406 a.C. Posteriormente tivo outra época de esplendor coa conquista romana no século II a.C. Con posteriores invasións de bizantinos e a presenza dos cristiáns que arrasaron cos templos, a partir no VII case nada quedaban da urbe.


A antiga Akragas tiña catro vías principais e aínda se conservan restos, ademais dos templos, de casas, tendas, obradoiros e decoracións musiviarias pavimentais e mesmo pinturas. Tamén pódense apreciar restos de infraestruturas da cloacas e obras hidráulicas. Da antiga estrutura primitiva destacan tres mazás de vivendas e algunhas casas como a casa de Afrodita, a do Mosaico de rombos, a do Peristilo (típico exemplo de luxosa morada con instalacións termais), a da Gacela ou a do Pórtico.

2 comentarios:

SONSABELA dijo...

Eu teño unha foto moi similar á primeira, saqueina dende a estrada que rodea o xacemento, lémbrome do momento xusto de tirala. Que recordos!

Antonio Martínez dijo...

A verdade que é un lugar para lembrar sempre.