16/4/09

Arquitectura no Camiño: a Catedral de santo Domingo de la Calzada

No Camiño de Santiago, ao seu paso pola Rioxa, atópase a catedral de Santo Domingo de la Calzada. O edificio ten unha longa evolución arquitectónica desde os seus inicios aló polo ano 1098. Pouco anos despois sería consagrada, pasando a ser colexiata en 1158 e catedral en 1232 como sé do bispo de Calahorra-La Calzada. Mais o edificio tal e como hoxe coñecemos foi iniciado no 1158 cunha gran reforma na parte dereita do transepto no século XVI para darlle cobillo á tumba do santo Domingo.

É unha fermosa igrexa urbana, de peregrinación, con deambulatorio ou xirola. Ao exterior destaca a súa ábsida románica con modillóns e canzorros, os arcobotantes, e a fachada sur ou de santo Domingo do XVIII porque a que sería a fachada occidental ou principal é de inicios do gótico (XIII) e non destaca moito polo entramado urbano.

Mención a parte merece a súa barroca e exenta torre, da que xa falaremos noutra ocasión.


No interior (tripla nave con cruceiro, bóvedas de cruceiría e cabeceira románica) é de salientar o retablo maior que actualmente está ubicado no lado norte do edificio. É obra renacentista de Damián Forment. Ten nove metros de ancho e trece de alto. Curiosamente é a única gran obra en madeira deste escultor porque a súa especialidade era o traballo en alabastro.

Un dos elementos máis chamativos do catedral é o galiñeiro gótico. Efectivamente un galiñeira nunha igrexa. E un galiñeiro cun galo e unha galiña vivos. Para comprender o motivo teredes que ler a historia do milagre da galiña que cantou despois de cociñada. Estas dúas aves son cambiadas cada mes.

Máis información na Wikipedia e en Arteguías e máis fotos en
Flickr.

No hay comentarios: