9/1/12

Notre Dame de París


Como ben saberedes, a catedral de París, Notre Dame, está situada na illa da Cité, rodeada polo Sena. Habitualmente dícese que foi levantada por orde do bispo Mauricio de Sully a partires do 1163, sendo consagrada no 1182, a pesares do cal as obras continuaron todo o século XIII. Nas súas orixes foi financiada por Luís VII. Sería o arquitecto Jean de Chilles quen deseñaría a fachada norte do transepto e en 1258 iniciou a do sur, sendo rematada por Pierre de Montreuil.

A súa planta é das denominadas de salón xa que non sobresaen as naves do cruceiro da planta mais non é moi correcto denominala así porque hai diferencias na anchura e altura entre as naves. A edificación principiou pola cabeceira de dupla xirola que ten por centro o presbiterio e prolóngase, a partires dun trazado radial, ata os contrafortes exteriores dividindo os espazos trapezoidais mediante columnas en tramos triangulares que se cobren con bóvedas independentes. Á xirola ábrense capelas radiais.

A partires do 1185, fanse as cinco naves, a cuberta central con bóvedas sexpartitas sobre columnas cilíndricas e unha ampla tribuna que conforma un triforio formado por dous arcos e un óculo entre eles dentro doutro arco maior. Sobre a tribuna aséntase o claristorio O desenvolvemento interior en altura artéllase en torno a tres andares. A salientar o emprego dos arcos apuntados bastante abertos no conxunto da edificación.

No século XIII colócanse os arcobotantes exteriores para poder abrir, deste xeito, o corpo de xanelas.

A fachada organízase seguindo o modelo normando con forma de H, con torres cadradas rematadas con terrazas e unha galaría que unifica as tres rúas e un rosetón de estrutura radial. Amósase un dominio do deseño ao atopar o equilibrio entre as liñas horizontais e as verticais. Noutros templos góticos posteriores predominarán os elementos verticais. No exterior podemos apreciar a estrutura interna. Igualmente é moi salientable o conxunto formado polos arcobotantes e os contrafortes que permiten contrarrestar os empurres da edificación.

A decoración escultórica da fachada é moi rica, adaptándose ao marco arquitectónico. Sobre o parteluz aséntase o lintel, dividido en tres partes. Tamén as archivoltas están completamente esculpidas. Sobre este primeiro andar xurde un friso coas estatuas dos reis de Xudea. Durante a Revolución Francesa pensouse que estas figuran representaban aos reis de Francia polo que foran decapitadas e a Virxe María foi sustituída pola Liberdade, como guía do pobo. As que contemplamos na actualidade son unas réplicas elaboradas polo inefable Viollet le Duc. Sobre o friso vemos un pequeno rosetón, se o comparamos coas medidas dos das fachadas norte ou sur. Por certo que no rosetón do lado norte a vidrieras narran esceas do Antigo Testamento e no sur do Novo, algo moi semellante á catedral de León. Dúas torres de sección cadrada rematan a fachada, cos catro lados abertos, a xeito de campaniles, sendo moi famosas as súas gárgolas.

Foi neste templo onde Napoleón corouse a sei mesmo en 1804. A partir de 1844 iniciouse a súa restauración seguindo as indicacións de Viollet le Duc e Lassus. Os traballos duraron dúas ducias de anos. A destacar a gran agulla engadida neste século XIX.




As fotos foron realizadas por Mademoiselle SanDRillana para INICIARTE. E como hai que seren agradecidos, para ela vai esta entrada. Non debedes de deixar de visitar a páxina web oficial porque ofrece moita información e visitas virtuais ao templo.

No hay comentarios: