16/2/08

O concurso das Portas do Baptisterio de Florencia: Ghiberti fronte a Brunelleschi



Coa idea de substituír as vellas portas de madeira da fachada leste do baptisterio de Florencia, o gremio dos comerciantes de las e panos, o Calimala, decidiu a realización dun concurso para construír un par de portas de bronce. Xa existían outras portas fundidas por Andrea Pisano en 1336 con escenas do Novo testamento.

O xurado estableceu detalladamente todos os requisitos do concurso (tema -o sacrificio de Isaac- marco, medidas, figuras). Preséntase un importante número de artistas pero enseguida os competidores quedan reducidos a dous: Lorenzo Ghiberti e Filippo Brunelleschi. Os plafóns que presentaron os dous artistas provocaron acaloradas discusións entre os xuíces e entre os cidadáns de Florencia. En cada plafón, o tratamento e a importancia dos diversos elementos proporciona un ritmo moi diferente á narración.


Cal é a obra máis naturalista, máis descritiva? Sen dúbida a de Ghiberti, por ser tan magnificamente harmónico o equilibrio das dúas parte en que se divide a composición e tan coidado o tratamento do corpo de Abraham coa súa elegante curva acentuada pola paisaxe que se afasta. Abraham, bañado en luz directa, parece un relevo completo, case unha figura exenta; o corpo de Isaac está modelado segundo un apolo clásico. Ademais Ghiberti executa o conxunto nunha soa peza, con gran habilidade. Pola contra, a obra de Brunelleschi está fundida en sete partes soldadas despois.


Onde están resoltos con maior tensión os problemas de espazo e tempo, de ámbito de narración? Na peza de Brunelleschi. O corpo de Isaac retrocede baixo a man do seu pai que o suxeita de modo desesperado, pero decidido. Non se escamotean medios para pór de manifesto a violencia física que encerra o episodio bíblico. Todo sucede de modo repentino. Todo é máis brutal, menos elegante, pero máis convincente por mor da aparente inevitabilidad da acción. A composición de Ghiberti, perfecta como é, está composta de dúas partes distintas, que hai que captar por separado. Brunelleschi incorpora a historia dentro dunha pirámide que comeza na cabeza de Abraham e no seu brazo estendido, e que continúa cara á dereita percorrendo as costas do ancián e baixa ata o criado encorvado. Ademais ambos os artistas buscaron a inspiración na Antigüidade, pero iso xa o sabedes, non?

Finalmente os xuíces declararon gañador a Ghiberti, encargándolle as portas o 2 de xaneiro de 1425, tardando 27 anos en concluilas. Anos despois, o mesmo autor faría as últimas portas da edificación, ás que Miguel Anxo outorgoulles o nome de “Portas do Paraíso” xa que ao contemplalas considerounas tan fermosas e perfectas que dixo que merecían estar na entrada da Gloria.
Clicando sobre Artehistoria podes ver un pequeno video sobre esta obra. Enseñ-arte támén abordou esta obra e ofrece unha magnífica presentación sobre a mesma.

No hay comentarios: