18/2/19

Capela de Santo Amaro na Coruña

Fachada occidental

No proxecto inicial do cemiterio da Coruña proxectado por Fernando Domínguez Romay en 1812 non estaba incluída ningunha capela. No intre en que foi aprobada unha ampliación do recinto funerario en 1833 tamén se pensou na realización dun pequeno templo.  Por esa razón en 1834 o enxeñeiro militar Alejo Andrade Yáñez proxectou unha pequena capela de estilo neoclásico. 
Exterior sur

O templo foi situado no lugar onde estaba situada a orixinal entrada ao camposanto polo que a súa porta foi desprazada cara ao sur e deixando o acceso descentrado, rachado coa claridade racional do cemiterio.
Exterior norte

É un templo de planta centralizada, de cruz grega, cuberta cunha cúpula rebaixada de cantería de granito, ben doada de ver desde o exterior.

A fachada caracterízase por un pórtico dístilo e in antis con claro desexo de lembrar á arquitectura grega clásica.

Ten dúas torres non son exentas e contan cos precedentes das obras do mestre do neoclasicismo español Juan de Villanueva.

O seu decorativismo ten un claro gusto neoclásico con columnas do orde toscana, moi apreciada xa por Palladio. Os tímpanos carecen de elementos decorativos.

Os seus paramentos carecen de elementos decorativos.

É unha obra arquitectónica serodia, singular en Galicia cun clarísimo precedente na capela funeraria do cemiterio Xeral do Norte de Madrid proxectada por Juan de Villanueva en 1804 e nunca construída. Probablemente sexa o mellor exemplo do neoclasicismo galego.

Por certo, nunca accedín ao seu interior.


Bibliografía
Esteban Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura.  COAG, 1998.
José R. Soraluce e Xosé Fernandez. Arquitecturas da provincia da Coruña. Vol. VI. Deputación A Coruña, 1997.

Fotos: INICIARTE.

No hay comentarios: