11/4/08

Manuel Gallego: O Museo de Belas Artes da Coruña

Unha das obras arquitectónicas máis sobranceiras das construídas nas últimas décadas na Coruña é, sen dúbida, o Museo de Belas Artes (1995) de Manuel Gallego Jorreto.

Edificado sobre o solar que ocupaba o convento das Capuchinas, o que é un dos mellores arquitectos da nosa terra, deseñou un novo edificio respectando a igrexa barroca de Manuel Casas Novoa, autor da fachada do Obradoiro, e utilizando a antiga edificación das celas das monxas. Organizou os espazo arredor dun gran espazo central iluminado por unha gran lanterna de luz natural. A colección sitúase nun gran cubo de dous andares.


Un edificio no que os seus espazos primarios están protexidos do exterior por volumes secundarios. Sen ventás ou vistas convencionais, os espazos interiores adquiren un gran fortaleza, poucas veces apreciada na arquitectura contemporánea. Esta espléndida obra foi galardoada co Premio Nacional de Arquitectura de 1997.

Mais deixemos a Manuel Gallego que nos fale de súa obra:
O espazo de exposición permanente do museo nace a partir da primeira planta, como unha caixa reticular, flexible e variable nas súas posibilidades, espazo controlado onde a luz natural utilízase só para valorar o espazo.
A planta baixa, pétrea, é prolongación da praza e enlaza coa rúa interior, que será de uso vario, alterno e intermitente.
Á rúa ábrense tendas, bar e servizos. No chan da planta baixa prodúcense ocos e vultos, sobre eles e neles faranse exposicións. Un falso teito a modo de peite dun teatro permitirá esta flexibilidade nas posibles instalacións.
Todo neste espazo de planta baixa, incluído o salón de actos, está capacitado para uso expositivo nun momento dado.
Na rúa interior, enfróntase a retícula nova e o muro do edificio vello. Búscase a tensión entre o muro e a columna. O muro apeado en planta baixa. A columna alixeirada na súa proximidade co muro
.”

Son case 6.000 metros cadrados construídos.

Este magnífico museo, o mellor da cidade, alberga unha colección de pintura galega contemporánea extraordinaria, na que están representadas todas as escolas, movementos e autores significativos. Ademais hai pintura flamenga, obras de Rivera, Murillo, Luca Giordano Carducho, Rubens, Carracci, Madrazo, Sorolla, Picasso. Pero ademais é unha das poucas institucións que poden presumir de ter as cinco series de estampas realizadas por Goya. En total, o conxunto da súa colección supera as 5.000 obras.

Fotografías de Juan Rodríguez.

Como vedes, este museo é unha visita obrigada na Coruña, tanto pola súa colección como pola pureza, contundencia e claridade dos seus espazos. Desde esta ligazón podedes facer unha visita vitual ao Museo. Tamén podedes ler unha reportaxe sobre Manuel Gallego , ver algunha das súas obras máis recoñecidas ou apreciar un cartel realizado polo Consello da Cultura Galega.

2 comentarios:

Sarinsky dijo...

Sabía donde estaba este edificio,pero no tenia ni idea de que fuera tan chulo,ademas que cuenta con una buena colección de pinturas.

La próxima vez no se me escapa,ya que es una visita obligada.

Antonio Martínez dijo...

Xa coñeces algo máis dos meus gustos: Manuel Gallego, arquitecto.