Había demasiado anos que non visitaba este antigo mosteiro (grazas Paco Cotelo por aquela marabillosa saída). Foi coa grata compaña de Raúl e Juan, fieis escudeiros de andainas, visitas culturais e outros mesteres cando regresei a poder gozar da visita, exterior e interior, deste espectacular templo. Ficamos moi agradecidos ao señor párroco polas facilidades outorgadas.
O texto que ven a
continuación está elaborado a partir do magnífico artigo de José Manuel Tomé en Arteguías e o do profesor Izquierdo Perrín na enciclopedia Galicia de Hércules
Edicións.
Sobre a orixe do
recinto relixioso hai especialista que data a súa orixe na época sueva, outros
no século VII ou, tras un hipotético abandono, a finais do século IX, durante o
reinado de Afonso III quen o doaría ao abade Reterico para posteriormente,
entregarllo, no ano 930, ao rei Afonso IV en doazón. Algúns anos despois, no
955, o abade Gundesindo entrégallo ao bispo Sisnando, quen funda e dota o novo
mosteiro de Sobrado (entre os seus bens estivo Mezonzo aínda que cunha certa
independencia ata a extinción da familia fundadora) e permanecía baixo a súa
xurisdición ata que pasaría depender do mosteiro de San Martiño Pinario, nos
tempos de Sabela de Castela e a súa reforma eclesiástica.
Un dos personaxes
máis importantes no devir do vello mosteiro de Mezonzo foi o seu abade Pedro, quen
pasou ao santoral católico como "San Pedro de Mezonzo" e é
considerado un dos personaxes máis relevantes na historia de Santiago de
Compostela en particular e da Galicia medieval en xeral.
Perdidos desde o
século XVII a práctica totalidade de
equipamentos monásticos máis aló dalgún
resto illado e reaprovechado na veciña
casa reitoral, na actualidade o interese de Santa María de Mezonzo céntrase na
súa igrexa abacial, levantada a base de perpiaños graníticos perfectamente escuadrados que colaboran a conferir ao
conxunto un aspecto de gran harmonía e proporción, sendo sen dúbida una das
construcións máis fotoxénicas do
románico galego. A utilización case xeral de arcos apuntados, incluso o comezo
das bóvedas nervadas, así como a presenza de rosetóns e da sinxeleza
ornamental, levan a situala arredor do 1200.
Practicamente libre de reformas e aditamentos tardíos, presenta a igrexa unha planta basilical de tres naves (a central máis ancha e alta) de tres tramos cada unha separadas entre si mediante arcos formeiros dobrados e lixeiramente apuntados que descansan sobre piares cruciformes.
Referencia bibliográfica:
Izquierdo Perrín.
Arte medieval (I). En Galicia Arte X. A Coruña, Hércules, pp. 428-431
Fotos: INICIARTE
No hay comentarios:
Publicar un comentario