30/3/20

Basílica de santa Maria Maggiore de Bérgamo (Italia)




Hai uns meses gocei dunha visita, pasada por auga, a esta cidade do norte de Italia declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Sobre esta basílica, a Wikipedia di o seguinte:



Foi fundada en 1137 no lugar no que se atopaba outra antiga igrexa do século VIII dedicada a Santa María; esta igrexa construíuse sobre un templo romano dedicado á clemencia.


O altar maior consagrouse en 1185 e no 1187 terminábanse as obras do presbiterio e das ás do  transepto. Por problemas económicos, as obras quedaron paralizadas durante os séculos  XIII e XIV. A torre da igrexa iniciouse en 1436 e a súa construción finalizou a finais do século XV. Entre 1481 e 1491 engadiuse unha nova sancristía despois de que a orixinal fose destruída por  Bartolomeo Colleoni para erixir o seu propio  mausoleo, a Capela  Colleoni.


En 1521, Pietro Isabello finalizou o portal do suroeste, coñecido como Porta della Fontana. O edificio foi modificado e restaurado no século  XVII.




Edificio
A igrexa ábrese na  piazza do  Duomo pola súa banda esquerda. A fachada principal non ten entrada e estivo en orixe unida co pazo espiscopal. O exterior da basílica conserva a estrutura arquitectónica orixinal de estilo lombardo- románico. Pódese acceder ao templo por dúas entradas: a de Giovanni da  Campione (1353) e porta  da Fontana de  Isabello.




A ábsida principal está coroada por unha loggia cuberta con bóveda de canón. A loggia está delimitada por dous frisos con debuxos xeométricos e de vexetais. Ten arcos cegos con  semi columnas. Os capiteis teñen tamén motivos vexetais coa excepción dun que está decorado con anxos coas trompetas do Xuízo Final.

A ábsida do transepto ten unha estrutura moi parecida á do principal.

Destaca o nartice do  transepto esquerdo, obra de Giovanni de  Campione, soportado por columnas que se atopan sobre uns leóns de mármore de Verona. O arco ten un  friso con escenas de caza mentres que a bóveda está decorada con escudos  policromados. No pórtico pódense ver estatuas de santa Bárbara, san Vicente e  san Alexandre. Dentro dun nicho de estilo gótico atópase a Madonna col  Bambino, obra de  Andreolo de' Bianchi (1398). O nartice do  transepto da dereita é tamén de  Campione e ten unha estrutura moi similar. As columnas están soportadas por leóns de mármore branco. Ten relevos de Cristo coroado e de paxaros no  baptisterio.

Interior
O interior conserva a planta orixinal de cruz grega, cunha nave e dous corredores  dividios por  pilastras e que culmina nunha ábsida. A decoración, con todo, é froito da renovación barroca realizada no século  XVII.





A paredes están decoradas con tapices; algúns foron realizados en  Florencia (1583-1586) por  Alessandro Allori; outros son de orixe flamenca, como o que representa a vida de María. No tapiz da crucifixión (feito en Anveres en 1698, atópase unha pintura de Luca Giordano, o paso do mar Vermello, de 1691.



Á esquerda da entrada atópase o sepulcro do cardeal  Guglielmo  Longhi, obra de Ugo da Campione (1319-1320). Na parede posterior está a tumba do compositor Gaetano Donizetti, de  Vicenzo (1855) e do seu mestre Simone Mayr. Ao comezo do corredor da esquerda está un  confesionario barroco  esculpido por Andrea Fantoni en 1704. Un crucifixo do século  XIV coroa a balaustrada do presbiterio.



Nese presbiterio atópase un coro de madeira deseñado por Bernardino Zenale e Andrea Previtali. Os relevos con relatos bíblicos foron realizados entre 1524 e 1555 por Lorenzo Lotto. Caracterízanse polo efecto policromado obtido ao utilizar diferentes tipos de madeira.



O transepto da dereita ten frescos de autor descoñecido con estilo parecido ao de  Giotto. Aparecen escenas da vida de San  Egido, a última cea e a árbore da vida e están parcialmente cubertos por un fresco do século  XVII.



Fotos: Iniciarte

No hay comentarios: