Hai uns trinta anos estivera en Aguilar de Campoo nunha
saída con alumnos (todos varóns) e cun guía magnífico. Hai uns meses regresei
para contemplar outra edición das “Edades
del Hombre” motivo polo cal non puden tirar fotos no interior da colexiata.
A colexiata de San Miguel Arcanxo é un templo parroquial de
estilo predominantemente gótico, situado
no perímetro da Praza de España da localidade de Aguilar de Campoo, provincia
de Palencia, comunidade de Castela e León, España.
Historia
A orixe do templo remontaríase á época visigoda e experimentou unha primeira
reconstrución no século XI. Desta época
non se conserva ningún resto. A segunda fábrica edificouse a principios do
século XIII e dela subsisten a fachada
do pé, co primeiro tramo da torre e a portada principal, e a capela bautismal, construídos nun estilo románico de transición ao gótico. A estrutura
principal do templo foi levantada, nunha terceira fase arquitectónica, no
século XIV, en época xa plenamente
gótica.
En 1541 o papa Pablo III, a petición de don Juan
Fernández Manrique de Lara, terceiro
Marqués de Aguilar e embaixador do emperador Carlos I en Roma, concedeu á
igrexa o rango de colexiata, dotándoa de novos privilexios e exencións. A erección de San Miguel ao rango colexial
supuxo a supresión das máis antigas colexiatas de San Martín de Escalada, hoxe
na provincia de Burgos, e San Martín de
Elines e Santa Cruz de Castañeda,
ambas en Cantabria.
No século XV don
Francisco de Soto, Arcipreste de Fresno,
mandou levantar aos pés da nave da Epístola (no lado dereito, orientada ao sur)
unha capela funeraria. No seguinte século encostouse ao muro desta nave a
Capela do Santo Cristo. A Sala Capitular
e a Sancristía foron as últimas construcións engadidas ao templo, no
século XVIII.
Na Colexiata conflúen os estilos tardorrománico, gótico, renacentista e
barroco herreriano. A portada occidental
é un sobrio exemplo do románico de
transición: desprovista de
escultura historiada, a porta ábrese
abucinada baixo un xogo de nove
arquivoltas cuxa curva apuntada faise máis acusada desde fóra cara a
dentro. As arquivoltas descansan en 18
capiteis con decoración vexetal simple (follas de acanto) e 16
baquetóns. Só a arquivolta máis
interior, a que dá cornixa á porta e presenta un perfil completamente oxival, está sinxelamente decorada a base de
entrelazados.
Absida con obra de Manolo Paz en exposición temporal
A ábsida principal é un volume pentagonal de tres corpos ben definidos polos
seus cinco panos, os seus cinco dobres xogos de ventás oxivais e os seus catro contrafortes percorridos por dúas liñas de arimez,
o que lle proporciona un aspecto macizo e
robusto, á vez que airoso. Entre os vans de luz cabe destacar, pola
súa tracería, o gran rosetón do brazo meridional do cruceiro e un
triangular de lados curvos aberto na
fachada occidental.
A metade superior da torre é un dobre corpo cadrado montado
a principios do século XVII, con arranxo
ao austero estilo herreriano. Loce os
escudos dos Marqueses de Aguilar, Juan Fernández Manrique de Lara e a súa esposa Branca
de Pimentel, e está rematado por unha
cúpula hemisférica. Na metade inferior,
máis antiga, pode divisarse un pequeno relevo semicircular románico encaixado
na parede, que mostra a Cristo en maxestade flanqueado por anxos; é moi
probable que nas súas orixes pechase o
tímpano da porta situada máis abaixo.
Texto da Wikipedia.
Fotos: Iniciarte
No hay comentarios:
Publicar un comentario