Exteriores
No exterior de san Xoán de Portomarín chama a atención a
rotundidade dos volumes. O conxunto da nave é coma un xigantesco paralepípedo
de muros lisos na parte alta, cunha fortísima articulación de pilastras e arcos
de medio punto na baixa. Como remate, as catro torres nos extremos da nave e o
pase de rolda ameado proporciónanlle un aspecto inusual de fortaleza
inexpugnable.
Fachada principal
Flanquean a fachada principal dous pequenos resaltes que se
resolven en torres defensivas; naquela apoia o enorme arco de descarga que
alberga a portada e o rosetón, e que permite que a parte media teña dous vans
grandes superpostos.
(…) A portada organízase con tres arquivoltas de medio punto
esteadas noutras tantas columnas acobadadas a cada lado; as arestas que quedan
entre elas moldúranse a bocel. Bases áticas e capiteis de folla con diferentes
tratamentos, pero nas que son común as receitas do obradoiro de Mateo, e
cimacios con follas radiais pequenas reviradas sobre si, constitúen os soportes
dos tres riquísimos arcos de medio punto.
A arquivolta maior presenta unha das organización máis
repetidas nas obras mateanas: bocel groso abrazado por arcos de ferradura
pequenos, aínda que como romperon a maioría dos pinxentes extremos aparentan
ser semicirculares. A chambrana ten unha vigorosa decoración de piñas. (…) A
arquivolta seguinte ten (…) cuadrifolios grandes cun botón central que se viron
en Santiago, Ourense ou Carboeiro. En Portomarín, a parte superior da rosca
deste arco ornaméntase cunha sucesión de perlas. Finalmente a arquivolta menor
ten (…) os vintecatro anciáns apocalípticos que tocan os instrumentos na honra
do Cordeiro.
Os anciáns de Portomarín dispóñense en parellas, agás nos
extremos que van de tres; desta maneira non se rompen os dúos na parte central
como ocorre no Pórtico da Gloria ao tocar os dous do medio un organistrum.
(…)As xambas da porta perfílanse con molduras, igual cós
figurados ángulos salientes. Na esquerda labrouse un personaxe, quizais espido,
que parece cabalgar sobre outro; as faccións do rostro esaxéranse ata rozaren o
grotesco, ten o cabelo rizado e cara a atrás vence unas ás. A figura da
dereita, tamén alada, viste túnica cinxida á cintura e tóucase cunha coroa.
Pódese pensar que representan un demo e un anxo. Nelas apoia o tímpano que ten
un semicírculo perfilado con follas radiais perladas pequenas e un entrelazado
sinxelo. No centro, dentro dunha mandorla con follas coma as anteriores,
encóntrase Cristo sedente, que vendí e sostén sobre o xeonllo esquerdo un libro
aberto. A pesar da forte erosión que sufriu a cabeza, detrás aínda se lle ve o
nimbo crucífero.
(…) Sobre a porta, limitado polos lixeiros resaltes das
torres, desenvólvese un beirado cuns canzorros que representan follas de
tradición mateana ou motivos xeométricos. As tabicas ornaméntanse con rosetas
xeometrizadas. Os pequenos arcos de medio punto que estean nos canzorros molduran
as arestas ou decóranse con billetes diminutos. A organización é típica dos
artistas vinculados ao obradoiro de Mateo. (…) O rosetón ten polo exterior o
mesmo tratamento ca polo interior.
Ramón Yzquierdo Perrín. “A diáspora dos Mestres do obradoiro
de Mateo” En Galicia. Arte. Tomo XI. Arte medieval (II) pp 139-252. Cita da pp
181-183.
Fotos: INICIARTE
Fotos: INICIARTE
No hay comentarios:
Publicar un comentario