A porta sur de san Xoán de Portomarín ten unha calidade
similar á norte, en especial na riqueza dos capiteis e cimacios. (…) Mantéñense
as tres arquivoltas, pero varía a ornamentación: a maior presenta follas
radiais pequenas e a cabeza de cravo; a seguinte moldúrase con dous boceis
separados por un festón de arquiños pinxentes, a maioría desapareceron; o do
intradorso repite as folliñas con puntos trepanados; o da rosca decórase con
aneis. Finalmente, a arquivolta menor vólvese labrar nunha moldura grosa que
recobren follas radiais grandes reviradas sobre si. Utilízanse, pois, motivos
coñecidos e incorpóranse outros novos que probablemente se deben á capacidade
creativa do seu autor.
As xambas decóranse con flores e cunha cinta perlada con
follas. Nos ángulos salientes tamén se realiza unha decoración insólita; así,
na esquerda tállanse as pernas e os glúteos dunha persoa co corpo embutido na
pedra; na dereita, unha cabeza monstruosa devora a perna e a man dunha figura
humana espida.
O tímpano perfila o semicírculo cunha escocia con bólas e no
centro dispóñense tres figuras maculinas. A central, con roupa litúrxica,
levanta os brazos en oración e cobre a cabeza cunha mitra; a da esquerda viste
túnica e viste un báculo; a da dereita, con roupa igual, suxeita coas mans un
libro aberto sobre o peito. Estas dúas figuras están barbadas e viran a cabeza
cara á central.
A interpretación da escena orixinou varias opinións. Para
Vázquez Saco, sería “unha visión profética do sacerdocio de Xesús Cristo”
flanqueado por David e Isaías.; King cre que representan a san Nicolao e dous
acólitos, interpretación que parece máis verosímil por ser a segunda advocación
do templo e porque é patrón dos peregrinos, e na antiga situación da igrexa
esta porta quedaba orientada ao camiño que se dirixía a Santiago. Entre os
contrafortes que enmarcan a portada esténdese, coma na principal, un beirado
sobre canzorros con arcos pequenos de medio punto e tabicas con motivos
xeométricos similares aos canzorros do beirado da ábsida.
Ramón Yzquierdo Perrín. “A diáspora dos Mestres do obradoiro
de Mateo” En Galicia. Arte. Tomo XI. Arte medieval (II) pp 139-252. Cita da pp
184-185.
Fotos de INICIARTE
No hay comentarios:
Publicar un comentario