7/5/14

A fábrica da Coca-Cola na Coruña

Texto de Fernando Agrasar

“Unha fábrica de cristal para A Coruña”
O edificio de fábrica e oficinas de Coca-Cola na Coruña, proxectado en 1960 por Andrés Fernández-Albalat e Antonio Tenreiro, é unha das obras fundamentais que incorporaron a arquitectura galega ao nivel de desenvolvemento alcanzado en Europa e América. Esta valente aposta significou superar vinte anos nos que a arquitectura internacional evolucionou nun clima de constante discusión e elaboración de importantes proxectos, mentres que en Galicia a creación refuxiábase en logros anteriores. O avance que elevou o nivel da creación arquitectónica galega, non consistiu nunha simple imitación de formas foráneas. Un profundo coñecemento dos logros deses anos e a reflexión sobre onde se constrúe inauguraron a historia recente da arquitectura galega.

Andrés Fernández-Albalat e Antonio Tenreiro son os arquitectos do edificio de fábrica e oficinas da Coca-Cola na Coruña, obra que, xunto a outros exemplos, supuxo a incorporación de Galicia á moderna arquitectura nos anos sesenta. Este edificio, un dos primeiros encargos profesionais de Fernández-Albalat, inaugurou unha fecunda actividade profesional que mostra as inquietudes e a constante procura que os arquitectos desta xeración iniciaron e á que se incorporaron, en anos sucesivos, novos profesionais, ata conseguir un nutrido grupo de autores e obras de calidade, que deron á arquitectura galega contemporánea personalidade propia e fixérona merecedora da atención de estudiosos e creadores.

O edificio da Coca-Cola na Coruña, concibido como un prisma transparente, coa súa fachada principal cuadriculada por lixerísimos perfís metálicos, colócase á beira da avenida de Alfonso Molina, cunha ampla zona axardinada que incluía un estanque no que se reflectía a fachada de cristal. Esta pel acristalada permite a visión da estrutura portante do edificio e, o que resulta máis sorprendente, dos recipientes e maquinaria, de brillante metal, cos que se elabora o coñecido refresco. Este efecto se enfatiza de noite, cando o interior, profusamente iluminado, destaca tralas finas e ordenadas liñas de metal e o volume do edifico desaparece. A caixa do volume principal da fábrica une á súa transparencia un efecto de levedade, ao levantar o forxado interior do terreo e permitindo que o céspede e a lámina de auga do estanque desaparezan baixo o edificio, facéndoo levitar sobre o xardín. A escaleira disponse como unha torre encostada ao volume acristalado, pechada na súa parte frontal con chapa metálica.

O resto do edificio, destinado a oficinas e diversas dependencias administrativas, distribúese en dous brazos dispostos ortogonalmente, articulados pola caixa da fábrica. Estas dúas pezas, baixas e horizontais, moi pegadas ao terreo con cubertas suavemente inclinadas nun único plano, que se prolongan en beirados, están pechadas por unha leve pel acristalada que deixa a estrutura vista intercalada nese plano. O acceso ao edificio prodúcese mediante unha curta rampa, paralela ao corpo baixo central, que conduce desde o plano do chan ata unha pequena plataforma en voladizo, ao nivel, lixeiramente superior, do vestíbulo.

A referencia inmediata desta peza está na arquitectura norteamericana dos anos cincuenta, exemplarizada polos liviáns volumes acristalados de Richard Neutra, Philip Johnson ou Mies van der Rohe. As obras destes autores publícanse en Europa, mostrando unha elegante arquitectura, case inmaterial, que mostran ao exterior os espazos interiores ata entón ocultos polo cerramento opaco. A antítesis dentro-fóra queda esvaecida ao construírse un plano de vidro, de chan a teito, en cerramento do edificio. Os interiores, en consecuencia, transfórmanse en consonancia coa transparencia e desnudez decorativa do edificio, reducíndose a ordenados e escasos amoblamentos de liñas estritas. A arquitectura adopta a máxima miesiana de menos é máis. Esta forte aposta formal americana, que constrúe as súas obras máis emblemáticas como vivendas unifamiliares é retomada por Fernández-Alablat e Tenreiro para deseñar un edificio fabril e administrativo, alleo á tradición e a historia, e sé na Coruña dun refresco de patente americana. A referencia á arquitectura da próspera e feliz Norteamérica dos anos cincuenta non resulta nesas circunstancias nin forzada nin artificiosa.

A idea é perfectamente coherente coa función e o significado do edificio. Mostrar un proceso fabril, hixiénico, eficaz e absolutamente mecanizado, convertendo a fábrica nun cubo de cristal, lixeiro e inmaterial, que permite a visión de tubos e depósitos de metal brillante e dispoñendo as oficinas en modernos pabillóns lonxitudinais, apenas sen altura, fundidos na paisaxe, que permiten aos seus ocupantes gozar da coidada contorna axardinada que os rodea.

(…) Hoxe (1994) o edificio, ademais da adición de varios volumes que non distrosionan excesivamente a súa concepción orixinal, sufriu a práctica desaparición do espazo axardinado dianteiro, devorado polas ampliacións da avenida de Afonso Molina, arteria principal de acceso á cidade, e o arranque da Autopista do Atlántico. Coa eliminación deste xardín, o prisma acristalado que flotaba sobre planos de céspede e auga quedou varado ao bordo dunha ruidosa vía de tráfico.


Fernando Agrasar. “Una fábrica de cristal para A Coruña”. La Voz de Galicia, 8-X-1994.

1 comentario:

Marisa Castiñeira dijo...

Moderna sempre a Fábrica de Coca-Cola,aínda hoxe transmite eso!Gústame saber algo da súa historia. Preciosas fotos! Como ben dis unha pena que non loza como merece.