Texto de Fernando Agrasar
“Unha fábrica de cristal para A Coruña”
O edificio de fábrica e oficinas de Coca-Cola
na Coruña, proxectado en 1960 por Andrés Fernández-Albalat e Antonio Tenreiro,
é unha das obras fundamentais que incorporaron a arquitectura galega ao nivel
de desenvolvemento alcanzado en Europa e América. Esta valente aposta
significou superar vinte anos nos que a arquitectura internacional evolucionou
nun clima de constante discusión e elaboración de importantes proxectos,
mentres que en Galicia a creación refuxiábase en logros anteriores. O avance
que elevou o nivel da creación arquitectónica galega, non consistiu nunha
simple imitación de formas foráneas. Un profundo coñecemento dos logros deses
anos e a reflexión sobre onde se constrúe inauguraron a historia recente da
arquitectura galega.
Andrés Fernández-Albalat e Antonio Tenreiro
son os arquitectos do edificio de fábrica e oficinas da Coca-Cola na Coruña,
obra que, xunto a outros exemplos, supuxo a incorporación de Galicia á moderna
arquitectura nos anos sesenta. Este edificio, un dos primeiros encargos
profesionais de Fernández-Albalat, inaugurou unha fecunda actividade
profesional que mostra as inquietudes e a constante procura que os arquitectos
desta xeración iniciaron e á que se incorporaron, en anos sucesivos, novos
profesionais, ata conseguir un nutrido grupo de autores e obras de calidade,
que deron á arquitectura galega contemporánea personalidade propia e fixérona
merecedora da atención de estudiosos e creadores.
O edificio da Coca-Cola na Coruña, concibido
como un prisma transparente, coa súa fachada principal cuadriculada por lixerísimos
perfís metálicos, colócase á beira da avenida de Alfonso Molina, cunha ampla
zona axardinada que incluía un estanque no que se reflectía a fachada de
cristal. Esta pel acristalada permite a visión da estrutura portante do
edificio e, o que resulta máis sorprendente, dos recipientes e maquinaria, de
brillante metal, cos que se elabora o coñecido refresco. Este efecto se
enfatiza de noite, cando o interior, profusamente iluminado, destaca tralas
finas e ordenadas liñas de metal e o volume do edifico desaparece. A caixa do
volume principal da fábrica une á súa transparencia un efecto de levedade, ao
levantar o forxado interior do terreo e permitindo que o céspede e a lámina de
auga do estanque desaparezan baixo o edificio, facéndoo levitar sobre o xardín.
A escaleira disponse como unha torre encostada ao volume acristalado, pechada na
súa parte frontal con chapa metálica.
O resto do edificio, destinado a oficinas e
diversas dependencias administrativas, distribúese en dous brazos dispostos
ortogonalmente, articulados pola caixa da fábrica. Estas dúas pezas, baixas e
horizontais, moi pegadas ao terreo con cubertas suavemente inclinadas nun único
plano, que se prolongan en beirados, están pechadas por unha leve pel
acristalada que deixa a estrutura vista intercalada nese plano. O acceso ao
edificio prodúcese mediante unha curta rampa, paralela ao corpo baixo central,
que conduce desde o plano do chan ata unha pequena plataforma en voladizo, ao
nivel, lixeiramente superior, do vestíbulo.
A referencia inmediata desta peza está na
arquitectura norteamericana dos anos cincuenta, exemplarizada polos liviáns volumes
acristalados de Richard Neutra, Philip Johnson ou Mies van der Rohe. As obras
destes autores publícanse en Europa, mostrando unha elegante arquitectura, case
inmaterial, que mostran ao exterior os espazos interiores ata entón ocultos
polo cerramento opaco. A antítesis dentro-fóra queda esvaecida ao construírse
un plano de vidro, de chan a teito, en cerramento do edificio. Os interiores,
en consecuencia, transfórmanse en consonancia coa transparencia e desnudez
decorativa do edificio, reducíndose a ordenados e escasos amoblamentos de liñas
estritas. A arquitectura adopta a máxima miesiana de menos é máis. Esta forte aposta formal americana, que constrúe
as súas obras máis emblemáticas como vivendas unifamiliares é retomada por
Fernández-Alablat e Tenreiro para deseñar un edificio fabril e administrativo,
alleo á tradición e a historia, e sé na Coruña dun refresco de patente
americana. A referencia á arquitectura da próspera e feliz Norteamérica dos
anos cincuenta non resulta nesas circunstancias nin forzada nin artificiosa.
A idea é perfectamente coherente coa función e
o significado do edificio. Mostrar un proceso fabril, hixiénico, eficaz e
absolutamente mecanizado, convertendo a fábrica nun cubo de cristal, lixeiro e
inmaterial, que permite a visión de tubos e depósitos de metal brillante e
dispoñendo as oficinas en modernos pabillóns lonxitudinais, apenas sen altura,
fundidos na paisaxe, que permiten aos seus ocupantes gozar da coidada contorna
axardinada que os rodea.
(…) Hoxe (1994) o edificio, ademais da adición
de varios volumes que non distrosionan excesivamente a súa concepción orixinal,
sufriu a práctica desaparición do espazo axardinado dianteiro, devorado polas
ampliacións da avenida de Afonso Molina, arteria principal de acceso á cidade,
e o arranque da Autopista do Atlántico. Coa eliminación deste xardín, o prisma
acristalado que flotaba sobre planos de céspede e auga quedou varado ao bordo
dunha ruidosa vía de tráfico.
Fernando Agrasar. “Una fábrica de cristal para A
Coruña”. La Voz de Galicia,
8-X-1994.
1 comentario:
Moderna sempre a Fábrica de Coca-Cola,aínda hoxe transmite eso!Gústame saber algo da súa historia. Preciosas fotos! Como ben dis unha pena que non loza como merece.
Publicar un comentario