Guiados excelentemente por Ramón Boga, o pasado xoves 19 de decembro, visitamos a Igrexa de Santa María de Cambre.
A Igrexa é do século XII (reconstruída entre 1825 e 1833), e de notables similitudes coa Catedral de
Santiago (aínda que nunha escala moito máis pequena) foi construída en diversas
fases que se fan evidentes a medida que avanzamos do corpo (moito máis arcaico,
arcos de medio punto, puramente románico) á cabeceira (arcos apuntados nunha
marcada transición do románico ao gótico).
Coma antes dixemos,
ao igual que sucede en Santiago, na Igrexa de Santa María de Cambre podemos
rodear o altar maior mediante unha carola ou deambulatorio, o cal se abre a
cinco capelas absidiais, ou absidiñas.
No referente ás naves, son tres,
divididas en catro tramos cada unha. Aínda que a cuberta presenta arcos de
medio punto, estes non suxeitan unha bóveda, coma sucede noutros casos (arcos
de faixa), senón que é de madeira, a dúas augas. Varias hipóteses explican este
fenómeno (falta de medios, inseguridade no referente á solidez da estrutura,
analoxía con outras construcións relixiosas circundantes…) pero ningunha de
elas é do todo segura.
A fachada,
puramente románica, organízase en tres corpos que reflicten a organización
interior.
Presenta dous contrafortes a cada lado da portada, un diferente do
outro, e dúas arquivoltas que enmarcan o van, a primeira delas suxeita por
columnas xemelgas (comparten capitel e basa, mais non fuste), e a segunda
decorada con motivos animais, exceptuando a Daniel (paralelismo con Xesús).
Na
decoración do resto da fachada, destacamos dúas xaneliñas con motivos florais e
arcos de ferradura e lobulados, e un grande rosetón no segundo corpo desta,
sobre o cal asenta unha cornixa.
No tímpano da portada represéntase o Agnus Dei
(Cordeiro de Deus), inscrito nun clípeo, similar á mandorla do Pantocrátor. As
columnas xemelgas presentan capiteis historiados (o diaño, anxos, o Xuízo
Final).
Non podemos
esquecer a posterior visita ao Museo Romano de Cambre, onde contemplamos de cerca uns
baños romanos e aprendemos o seu uso e a súa posible reconstrución, todo de
maneira moi amena e didáctica.
Texto: Paula Currás.
Fotos: Iniciarte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario