17/6/13

Mies van der Rohe: Seagram Building



Mies van der Rohe e Philip Johnson. Seagram Building

Enxeñeiro Severud Associates

Nova York. 52 nd Street/375 Park Avenue. 1954-1958

156.97 metros de altura con 39 andares. Superficie: 59.457 m2


O promotor e actual propietario do edificio foi a corporación Seagram, fundada por un contrabandista de alcol, enriquecido durante a vixencia da “lei seca”.

O primeiro que chama poderosamente a atención desta primeira gran obra de Mies nos Estados Unidos de América foi a creación dunha praza pública diante do rañaceos, tanto para pór en valor a propia edificación como para humanizar esa esquiña do centro de Manhattan. Efectivamente fronte a tendencia da ocupación absoluta do escaso chan urbanizable na “gran mazá”, Mies decidiu retranquear a súa obra uns trinta metros, ocupando tan só o 40% do solar, e situar diante dela una praza con bancos para sentarse e dous estanques con fontes. Praza, pavimentada de granito, que, ademais, penetra no recibidor do edificio a través da portas e das grandes superficies vidradas. Grazas a esta boa solución, o propio concello modificaría en 1961 a súa lexislación urbanística para obrigar a todas as novas edificacións a deixar espazos abertos nas súas contornas.


Se á praza accedese por una escalinata entre dúas grandes basas, o rañaceos podería ser comparado, podería ter semellanzas, podería inspirarse, una columna clásica grega xa que o recibidor sería a basa, os andares serían o fuste e a parte superior actuaría coma un simbólico capitel. O edificio máis innovador dos 50´en Nova York tiña coma referencia formal un deseño de máis de dous mil anos…


O Seagram Building ten un deseño rectangular e foi o primeiro gran rañaceos que importaba os deseños da Bauhaus aos EUA. 

O conxunto está soportado por una trama de aceiro e un núcleo de formigón armado.

O concepto arquitectónico e estético de Mies víase limitado pola normativa contra-incendios da cidade neoiorquina xa que esta obrigaba a recubrir todos os elementos estruturais de aceiro con algún material ignífugo (formigón) para que en caso de incendio non se derreteran. O arquitecto alemán desexaba facer una grella de aceiro estrutura á vista da que colgaran os “muros cortina” de vidro e para permanecer fiel ás súas ideas formulou una solución consistente en perfís dobre T de bronce a xeito de columnas non estruturais para lembrar a estrutura interna. Ademais son visibles claramente no exterior da edificación. Son coma parteluces…

Toda a fachada é un continuo de paneis de vidro de chan a teito.

O edificio deberiamos poñelo en relación coas Lake Shore Drive de Chicago.


Selección de fotos obtidas na rede:




Ao entender de Argán “Ao pesar do seu tamaño o Seagram é un edificio á “medida humana”, coa salvidade de que a unidade de medida non é, como para Le Corbusier, o copo humano, senón a capacidade de raciocinio, de cálculo e de redución á unidade da mente humana. Por iso o Seagram Building de Mies destaca, entre os moitos que se edificaron posteriormente ao seu redor, cicais máis altos e voluminosos que el, pola extraordinaria pureza da súa forma e da súa luz, coma un orixinal grego entre un conxunto de estatuas de escultores romanos”.


Esta obra, a única de Mies en Nova York, foi agasallada co recoñecemento dun fito arquitectónico en 1989 e foi renovada no ano 2000. Pero tamén foi duramente criticada por caracer de “espazo interno” segundo Bruno Zevi.

As seguintes fotos foron realizadas expresamente para INICIARTE polos amigos Pili e Julio, a quen, agradecidamente lles adico esta entrada. 



Máis información en Deconstruvism e na Wikipedia.




Cita: G. Carlo Argán. El Arte Moderno. Valencia, Fernando Torres, 1977, páx. 483

1 comentario:

Acero dijo...

Excelente articulo, que gran trabajo.