Mies van der Rohe e Philip Johnson. Seagram
Building
Enxeñeiro Severud Associates
Nova York. 52 nd Street/375 Park Avenue. 1954-1958
156.97 metros de altura con 39 andares.
Superficie: 59.457 m2
O promotor e actual
propietario do edificio foi a corporación Seagram, fundada por un
contrabandista de alcol, enriquecido durante a vixencia da “lei seca”.
O primeiro que chama
poderosamente a atención desta primeira gran obra de Mies nos Estados Unidos de América foi a
creación dunha praza pública diante do rañaceos, tanto para pór en valor a
propia edificación como para humanizar esa esquiña do centro de Manhattan.
Efectivamente fronte a tendencia da ocupación absoluta do escaso chan
urbanizable na “gran mazá”, Mies decidiu retranquear a súa obra uns trinta
metros, ocupando tan só o 40% do solar, e situar diante dela una praza con
bancos para sentarse e dous estanques con fontes. Praza, pavimentada de
granito, que, ademais, penetra no recibidor do edificio a través da portas e
das grandes superficies vidradas. Grazas a esta boa solución, o propio concello
modificaría en 1961 a súa lexislación urbanística para obrigar a todas as novas
edificacións a deixar espazos abertos nas súas contornas.
Se á praza accedese por
una escalinata entre dúas grandes basas, o rañaceos podería ser comparado,
podería ter semellanzas, podería inspirarse, una columna clásica grega xa que o
recibidor sería a basa, os andares serían o fuste e a parte superior actuaría
coma un simbólico capitel. O edificio máis innovador dos 50´en Nova York tiña
coma referencia formal un deseño de máis de dous mil anos…
O Seagram Building ten
un deseño rectangular e foi o primeiro gran rañaceos que importaba os deseños
da Bauhaus aos EUA.
O conxunto está
soportado por una trama de aceiro e un núcleo de formigón armado.
O concepto
arquitectónico e estético de Mies víase limitado pola normativa contra-incendios
da cidade neoiorquina xa que esta obrigaba a recubrir todos os elementos
estruturais de aceiro con algún material ignífugo (formigón) para que en caso
de incendio non se derreteran. O arquitecto alemán desexaba facer una grella de
aceiro estrutura á vista da que colgaran os “muros cortina” de vidro e para
permanecer fiel ás súas ideas formulou una solución consistente en perfís dobre
T de bronce a xeito de columnas non estruturais para lembrar a estrutura
interna. Ademais son visibles claramente no exterior da edificación. Son coma
parteluces…
Toda a fachada é un
continuo de paneis de vidro de chan a teito.
O edificio deberiamos
poñelo en relación coas Lake Shore Drive de Chicago.
Selección de fotos obtidas na rede:
Ao entender de Argán
“Ao pesar do seu tamaño o Seagram é un edificio á “medida humana”, coa
salvidade de que a unidade de medida non é, como para Le Corbusier, o copo
humano, senón a capacidade de raciocinio, de cálculo e de redución á unidade da
mente humana. Por iso o Seagram Building de Mies destaca, entre os moitos que
se edificaron posteriormente ao seu redor, cicais máis altos e voluminosos que
el, pola extraordinaria pureza da súa forma e da súa luz, coma un orixinal
grego entre un conxunto de estatuas de escultores romanos”.
Esta obra, a única de
Mies en Nova York, foi agasallada co recoñecemento dun fito arquitectónico en
1989 e foi renovada no ano 2000. Pero tamén foi duramente criticada por caracer
de “espazo interno” segundo Bruno Zevi.
As seguintes fotos foron realizadas expresamente para INICIARTE polos amigos Pili e Julio, a quen, agradecidamente lles adico esta entrada.
Máis información en
Deconstruvism e na Wikipedia.
Cita: G. Carlo Argán. El Arte Moderno. Valencia, Fernando Torres, 1977, páx. 483
1 comentario:
Excelente articulo, que gran trabajo.
Publicar un comentario