25/4/13

Picasso e as mulleres: Dora Maar


Hai un ano fixen nunha pequena introdución ao tema de Picasso e as mulleres. Imos, hoxe, a profundar nunha das persoas que máis inluenza tivo no malagueño. 

Coñece a esta moza de28 anos cando o artista ten xa 55,  a finais de 1935. Era fotógrafa de pai croata e nai francesa que vivira moitos anos na Arxentina. Neste ano o pintor convive con Maríe Thérèse. O verdadeiro nome de Dora era Theodora Markovitch. De forte personalidade, participou das actividades surrealistas. Frecuentaba a Breton e a Éluard e era boa “amiga” de Georges Bataille.

Françoise Gilot, no seu demoledor libro sobre Vivir con Picasso contará o primeiro achegamento entre os nosos protagonistas no outono de 1935:

“Levaba unhas luvas negras bordados con floreciñas rosas. Dora quitouse as luvas e colleu un longo coitelo moi afiado, que cravaba na mesa entre os seus dedos separados. De cando en vez fallaba por unha fracción de milímetro e a súa man enchíase de sangue. Pablo estaba fascinado. Iso foi o que o incitou a interesarse por ela. Pediulle a Dora que lle dese as súas luvas, e conservábaos nunha vitrina…”.

Picasso fará moitas representacións da súa nova parella nas que a muller adoita aparecer cuns resgos moi marcados, as uñas pintadas de vermello, intensa mirada dos seus ollos profundamente negros, pelo castaño…, mesmo coma se estes novos retratos supuxeran unha nova xeira artística de Picasso nas que rexeitaría a busca da beleza ideal na procura doutra beleza máis tráxica, terrible coma se atraveso de Dora reflectira os acontecementos da Guerra Civil española e da mundial.

Dora Maar será fiel testemuña do proceso creativo do Guernica (ver as fotos en INICIARTE), dos corenta e cinco estudos preliminares realizados entre o 1 de maio e o 4 de xuño de 1937 (a vila fora bombardeada o 26 de abril). A parella “oficial” de Picasso, Marie Thèrése axiña descobre a existencia da amante. Mesmo un día que Dora esta a fotografar o Guernica apareceu polo estudo Marie Thèrése… Semanas despois hai unha confesión co modisto e… entrariamos nunha sesión de culebrón que imos omitir.

Picasso vai ter a Dora ao seu capricho xa que segundo relata Françoise Gilot, durante varios anos Picasso “chamábaa por teléfono cando quería vela. Ela (Dora) nunca sabía por adiantado se ía xantar ou cear con el, mais sempre debía estar lista para saír se el a chamaba, e presente se el ía vela”.

Dora acepta o seu papel sumiso, acepta os rituais que lle impón Pablo. A muller coma fonte de inspiración: “Para min é unha muller que chora. Durante anos pintei a súa figura torturada, non por sadismo ou por pracer. So podía transmitir a visión que se me impuña. Esa era a profunda realidade de Dora” en palabra recollidas pola Gilot en Vivir con Picasso.


Con quen pasaba máis tempo Picasso, coa nai da súa filla Maya (Marie Thèrése) ou con Dora? Segundo unha testemuña da época (William Robin) o malagueño estaba máis con Dora e “non era tanto pola paixón que sentía por ela, senón pola facilidade con que esta fotógrafa de intensa actividade intelectual se integraba no seu círculo de amizades e, sobre todo, polo estímulo que lle aportaba co seu comportamento e coas súas opinións políticas. Namentres, Marie Thèrese (e Maya por quen Picasso sentía un profundo amor) seguiu sendo o centro dese universo íntimo, segredo, que sempre encarnou para el”.

Da súa convicencia co artista, Dora Maar publicaría o libro "Dora Maar con y sin Picasso".

En maio de 1943 ceando cuns amigos e Dora no Catalán, Picasso coñece a unha fermosa rapaza… Françoise Gilot. Mais isa será outra historia.

No hay comentarios: