Despois da catedral
da cidade, o conxunto histórico artístico máis sobranceiro de Santiago é, sen
dúbida, o mosteiro de san Martiño Pinario. Non toca hoxe aludir ao conxunto
monacal, tan só lembrar que ten máis de 22.000 metros cadrados. Hoxe escribirei
sobra a fachada da igrexa do convento, situada na praza de san Martiño, un dos
lugares máis máxicos de Compostela.
Deseñada polo
portugués Mateo Lópes, é de finais do século XVI. É unha obra concibida coma se
fora un retablo, máis mirando ao pasado que cara ao presente ou futuro da
arquitectura. Coma todo retablo ten corpos e rúas, narrándose un dos grandes
programas iconográficos da arquitectura galega do seu tempo.
Na parte inferior,
o primeiro corpo aparecen os profeta Isaías e Xeremías pola súa importancia
relixiosa xa que o primeiro fora quen anunciara o nacemento da Igrexa cristiá e
o segundo quen comunicara a Paixón de Cristo. Tamén están Pedro e Paulo,
responsables do espallamento da nova relixión polo mundo. A cada lado da porta
primixenia hai un medallón coa rostro de Aarón, sumo sacerdote, e de Moisés,
lexislador. Ámbolos dous aluden ao culto á lei.
No segundo andar ou
segundo corpo, está situada a Virxe no centro, estando rodeada polos santos
Benedicitiños máis sobranceiros, como san Bieito e san Bernardo.
No terceiro corpo,
e rodeando o gran óculo ovalado están os catro evanxelistas e nas rúas laterais
aparecen os doutores da Igrexa: san Xérome, san Agostiño, san Ambrosio e san
Gregorio. No frontón que remata o retablo xurde a representación de Deus-Pai.
No frontón
superior, xa fóra do retablo, xurde a representación da figura de san Martiño
no intre de cortar a súa capa.
O retablo atópase
protexido por sendas ringleiras de perpiaños almofados.
Chama a atención a
actual porta de acceso, situada uns metros por baixo do nivel da praza. No
deseño orixinal da fachada a porta era estaba ao mesmo nivel e remataba cun
arco de medio punto, tal e como hoxe aínda se pode apreciar. Hai que salientar
que a igrexa tiña unhas escaleira por dentro para compensar o desnivel
existente. Foi en 1771, pleno barroco, cando o dominico Manuel dos Mártires
rediseña a vía de acceso ao templo, suprimindo a escaleira interior, rebaixando
o terreo fronte á fachada e facendo unha nova e fermosa escaleira de acceso,
coma se dun pazo se tratara. Consta dunha dobre entrada,de estrutura oval,
buscando o movemento e a sorpresa. Tívose que modificar, loxicamente, a porta
de acceso, nivelándoa coa interior da igrexa. A nova porta ten un frontón
partido e as orelleiras características do barroco. É única no seu xénero.
O interior do
templo é dunha soa e ampla nave, de planta de cruz latina, cuberta cunha bóveda
de canón con falsos casetóns. Á nave central, ábrense as seis capelas laterais,
comunicadas entre elas e que ventilan á central por medio de grandes arcos de
medio punto. No cruceiro hai unha gran cúpula de media laranxa, e tras el, un
gran presbiterio.
Como acontece en
case todas as grandes obras, non só participou no seu deseño o portugués Mateo
Lópes, senón que tamén o fixeron, tras a morte do primeiro, Xinés Martínez,
Bieito González, Bartolomeu Fernández Luchuga ou frei Tomás Alonso, responsable
dos balcóns que percorren a nave e o cruceiro e do coro alto sito nos pés do
templo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario