"En
Galicia, poucos estilos artísticos tardan tantos anos en ser comprendidos na
súa esencia, e conseguintemente reivindicados e recoñecidos, como o gótico. En
efecto, mentres que noutras zonas peninsulares xa hai moito tempo que se leva a
cabo a súa valoración, no panorama da arte medieval hispana, Galicia
considérase un país primordialmente románico. A causa da presunta identificación
do pobo galego coas súas formas propias e definitorias, a arte románica logra
un arraigamento profundo e unha permanencia longa, invalidando os marcos
cronolóxicos habitualmente empregados para a súa datación noutros lugares; de
aí as dificultades das fórmulas góticas para introducirse e aclimatarse nesta
terra. Cando conseguen franquear (serodiamente) esa barreira realízano sen gran
pureza, sempre contaminadas, fatalmente, por compoñentes do estilo románico.
Isto explica a súa presenza escasa en Galicia. Porén, fronte a esta opinión, os
estudos efectuados nos últimos anos por autores como Pita Andrade, Caamaño
Martínez e Moralejo Álvarez,
principalmente, demostran que é en Galicia onde, paradoxalmente, se
documenta en múltiples aspectos o nacemento do gótico peninsular. Así no campo
da arquitectura compróbase que a adopción de novas solucións construtivas, como
o arco apuntado e a bóveda de nervios, tal vez se efectúa por vez primeira
aquí; por exemplo, a bóveda nervada na cripta do Pórtico da Gloria cara a 1168
é, cando menos, a primeira obra datada cun mínimo de precisión na que se incorpora
tal cuberta.
Mestre Mateo. Cripta do Pórtico da Gloria
No eido da escultura, eixando á marxe o carácter protogótico das
creacións do mestre Mateo, cómpre destacar que é o pórtico occidental da
catedral de Tui, executado en torno ao ano 1225, é, por diversos conceptos, o
verdadeiro iniciador da plástica gótica peninsular.
Estes
apuntamentos, pois, evidencian que a introdución das novidades de vangarda non
se demora en Galicia. Cal é entón a razón da tan comentada subsistencia do
románico, dese conservadorismo radical, do marcado arcaísmo da arte galega e,
en definitiva, da lenta penetración do gótico? Ten a súa orixe nun acaecemento
de fondas repercusións sociais, políticas e económicas e, polo tanto,
artísticas: a unificación dos reinos de Castela e León con Fernando III,
segundo Serafín Moralejo Álvarez producida en 1230, que supón a submisión total
de Galicia aos intereses da monarquía castelá. Este fenómeno coincide co grande
avance da Reconquista cara ao sur, polo que o Camiño de Santiago, vinculado co
auxe de Galicia en decenios anteriores, deixa de ser o eixe vital da península.
A decadencia acusada que se aprecia
daquela na arte galega, cuantitativamente e cualitativamente, remite de xeito
inexorable a estas circunstancias. Esta situación, máis adversa durante o
reinado de Afonso X, ocasiona un baleiro artístico causante da perdurabilidade,
por inercia, das formas empregadas tradicionalmente, dado que nin se anovan nin
se substitúen por suxestións foráneas vangardistas.
Este
contexto, non obstante, non autoriza a falar da inexistencia da arte gótica. En
Galicia si que hai construcións deste tipo, máis numerosas quizais que noutras
rexións españolas. Agora ben, a consecuencia da desfavorable coxuntura non
amosa creacións fascinantes. De feito, non se levanta ningunha catedral gótica,
mais debe terse en conta que as grandes catedrais se erguen na época
precedente, co que chegan ao abrente do gótico sen concluír; non é necesario
acometer unha nova edificación a
fundamentis, senón completar a xa existente, normalmente o sistema de
cubrición, proceso para o que as fórmulas góticas resultan extraordinariamente
útiles. Deste modo, as obras que ofrece o gótico en Galicia son case sempre de
pequena categoría, sobre todo conventuais e parroquiais".
Ángel Sicart. "Gótico". En Gran Enciclopedia Galega. Tomo 22, p. 7 e 8
2 comentarios:
Un buena introducción del Gótico en tu tierra, Antonio. Veo que vais muy adelantado por allí; nosotros vamos empezando el Románico. Abrazos.
I truly love your website.. Pleasant colors & theme.
--------------------------
SEO Melbourne | SEO Perth | SEO Sydney
Publicar un comentario